O pleno do Concello do Rosal aproba por unanimidade o recoñecemento extraxudicial de crédito
Os 350.000 euros aprobados irán destinados a pagar inmediatamente a todos os provedores do Concello
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal vén de aprobar por unanimidade o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito, 350.000 euros que irán destinados a pagar inmediatamente a todos os provedores municipais. Con esta medida, aprobada na mañá deste mércores día 25 de marzo de 2020, o Goberno municipal busca paliar os efectos económicos negativos que a crise sanitaria por COVID-19 poida causar en empresas, PEMES e autónomos da localidade “pagando coa maior axilidade posible as diferentes facturas pendentes sen ter que esperar ao fin da crise sanitaria para facelo”, asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Cos plenos ordinarios e as comisións informativas municipais suspendidas con motivo da situación de emerxencia sanitaria, o Goberno municipal do Concello do Rosal decidiu celebrar un pleno extraordinario para dar resposta inmediata ás necesidades xurdidas a raíz da crise do COVID-19. Para garantir a saúde de todas as persoas participantes na sesión, o pleno desenvolveuse adoptando diferentes medidas de prevención e todas as recomendacións dos organismos.
Dese xeito, o pleno celebrouse de modo excepcional a porta pechada e coa asistencia mínima de concelleiros necesaria para manter a proporcionalidade da Corporación municipal, acordada previamente cos portavoces dos grupos municipais. Así, a este pleno asistiron 4 concelleiros e concelleiras do BNG, 2 do PP e 1 do PSOE, practicamente a metade da Corporación municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario