6 de mar. de 2020

O ROSAL

Manifesto interxeracional para conmemorar o Día Internacional da Muller  

Joaquina Cardoso, de 70 anos, e Sabela, de 18, darán as súa visión sobre o feminismo ao inicio do partido do Acanor Atlético Novás este sábado 7 ás 17:15 horas 
 
As traballadoras e os traballadores do Concello celebraron este venres 6 de marzo unha concentración ás 12:00 horas para rememorar os motivos polos que se celebra o 8M
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Dúas idades, moitas xeracións por medio pero unha mesma idea en común: conseguir unha sociedade máis igualitaria. O Concello do Rosal conmemorará o Día Internacional da Muller coa lectura dun manifesto este sábado 7 de marzo ao inicio do partido entre o Acanor Atlético Novás e o Club Handbol Bordils (17:15 h) dando voz a dúas xeracións de mulleres con dúas visións moi diferentes sobre o pasado, o presente e o futuro da igualdade: Joaquina Cardoso, de 70 anos, e Sabela, de 18.  

 No seu discurso, Joaquina incidirá na rapidez con que avanzou todo, os pasos axigantados que se deron para ganar terreo á igualdade grazas ao “traballo de moitas mulleres feministas ao longo dos anos que conseguiron avanzar e que as nosas fillas teñan outro futuro”. “O feminismo é unha loita positiva porque o seu fin é perseguir unha sociedade igualitaria, máis xusta e máis democrática”, salientará Joaquina na lectura do manifesto, no que tamén recordará a folga do pasado 8 de marzo “un momento importante na loita feminista, con millóns de mulleres de diferentes xeracións e procedencias na rúa reivindicando respecto e igualdade nun ambiente festivo e de solidariedade”. “Nunca imos baixar a garda porque falta moito camiño por percorrer, pero son optimista porque as mulleres logramos pequenas e grandes conquistas todos os días”, recordará. 

 Pola súa parte Sabela reflexionará sobre os estereotipos de xénero, que “reflicten unha pequena parte do pensamento machista que invade a sociedade sen nós sequera ser conscientes, é a punta do iceberg”. “O progreso feminista é evidente, gozamos de dereitos e liberdades que eran impensables hai 50 anos, pero queda moito por avanzar. Por iso precisamos a implicación de todas e todos, para progresar nesta loita polos dereitos, pola igualdade e pola liberación da muller”.  

 Dende o Concello quere agradecerse ao Acanor Atlético Novás e ao Club Handbol Bordils a súa dispoñibilidade e que permitan reivindicar este día tan sinalado ao inicio do partido.  

Marzo, mes da muller 

 O Concello do Rosal celebra este marzo o mes da muller cunha ampla programación e con diferentes accións conmemorativas. As traballadoras e os traballadores do Concello celebraron este venres 6 de marzo unha concentración ás 12:00 horas para rememorar os motivos polos que se celebra o 8M e o longo camiño percorrido polas mulleres na procura da igualdade.  

 Ademais desta concentración e da lectura do manifesto, as rosaleiras e rosaleiros poden desfrutar na Casa do Concello da exposición fotográfica “Mulleres no deporte”, unha mostra con 13 fotografías de deportistas rosaleiras de diferentes disciplinas retratadas facendo o que máis lles gusta. Así, o público poderá ver fotografías das xogadoras de balonmán Alba e Andrea Dapena, Ana Belén Díaz e Elena Estévez; da judoka Verónica Pérez; da ciclista e triatleta Montse Martínez; das futbolistas Cecilia Fernández e Sara Álvarez; das atletas Ariana González e Vanesa Martínez; da piragüista Andrea González; da nadadora Fanny Pose ou da ciclista e xogadora de balonmán Arantxa Gómez.  

 O 8 de marzo, no que se conmemora o Día Internacional da Muller, aproveitando a saída do Trail Muíños do Folón as deportistas participantes na carreira concentraranse detrás dunha lona alusiva ao 8M nun acto que terminará cunhas palabras da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. 

 Por outro lado, durante os meses de marzo e abril tamén se celebrará o ciclo de charlas ‘Ponte na súa pel’, cinco conferencias sobre igualdade e prevención da violencia de xénero dirixidas a comerciantes, clubs deportivos, profesorado, alumnado, asociacións de nais e pais, familias ou asociacións culturais, así como ao público xeral. Trátase dunha actividade con datas aínda por determinar que conta co financiamento do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade a través da Secretaría de Estado de Igualdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario