A Xunta de Galicia pon en marcha o blog ‘A escola infantil na casa’ para achegar actividades aos máis pequenos durante o confinamento
A iniciativa con xogos, pautas e demais contidos está xa dispoñible
Esta proposta vai dirixida ás pequenas e pequenos de 0 a 3 anos, tamén ás súas nais e pais e a profesionais de educación de primeira infancia
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia pon en marcha o blog A escola infantil na casa que
achega contidos e actividades ás familias con nenas e nenos máis
pequenos. Esta iniciativa procura que as nais e pais galegos teñan
acceso a xogos, pautas e propostas para entreter aos seus fillos e que
continúen aprendendo durante esta etapa de confinamento.
A escola infantil na casa
contará con contidos desenvoltos polos profesionais educativos das
escolas infantís da Consellería de Política Social, para que as familias
teñan á súa disposición materiais necesarios para que o proceso de
aprendizaxe siga máis alá das propias aulas.
Calquera familia pode
acceder a este blog creado pola Consellería de Política Social. Polo
tanto, ten un dobre obxectivo, ademais de avanzar no proceso educativos
das nenas e nenos de 0 a 3 anos, serve para que as nais e pais coñezan
de primeira man o traballo que se desenvolve durante o curso nas escolas
infantís da Xunta de Galicia.
O blog A escola infantil na casa
contará cun banco de recursos divididos en tres epígrafes: recursos para
os nenos, acompañamento ás familias e compartindo estratexias cos
equipos. Desta maneira, segundo as necesidades e interese do momento
poderase botar man de diferentes ferramentas. Ademais, tamén terá unha
canle de Youtube, onde se poderán seguir as diferentes tarefas a través
dun vídeo explicativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario