Carmen Pomar participou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación
Consenso xeneralizado entre Ministerio e CCAA en manter o calendario escolar e aprazar a ABAU
Avaliarase o segundo trimestre co traballo feito e modificaranse os contidos e competencias do terceiro
A ABAU desenvolverase antes do 10 de xullo, no caso da convocatoria ordinaria, e antes do 10 de setembro, no caso da extraordinaria
Ministerio e comunidades coinciden na necesidade garantirlle a equidade ao alumnado e de reducir incertezas
A conselleira de Educación, Universidade
e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na Conferencia
Sectorial de Educación
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A conselleira de Educación, Universidade
e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na Conferencia
Sectorial de Educación, convocada para analizar o impacto e as medidas
en relación coa interrupción da actividade lectiva presencial con motivo
da declaración do Estado de Alarma por parte do Goberno Central. No
encontro houbo consenso xeneralizado de manter o calendario escolar, co
obxectivo de transmitir unha mensaxe de continuidade e normalidade
respecto ao ámbito académico.
Nesta liña, acordouse avaliar o
segundo trimestre co traballo desenvolvido ata a interrupción das clases
presenciais e modificar os contidos e competencias básicas previstas
para o terceiro trimestre. Estas modificacións abordaranse nunha
xuntanza en abril. Ademais, decidiuse suspender este curso as probas de
avaliación diagnóstica. Carmen Pomar agradeceu o esforzo que están a
facer tanto docentes como familias para manter a poboación escolar
activa e contribuír así á normalidade nesta situación excepcional.
Na
súa intervención, a conselleira tamén reiterou a conformidade de
Galicia co aprazamento da ABAU e co modelo de exame proposto polo
Ministerio, como medidas necesarias para garantir a equidade a todo o
alumnado que se presente ás probas de acceso á universidade.
Así,
na xuntanza consensuouse que as datas para a convocatoria ordinaria se
sitúen entre o 22 de xuño e o 10 de xullo, con marxe para publicar os
resultados ata o 17 de xullo, e para a extraordinaria antes do 10 de
setembro, coa publicación de resultados antes do 18 dese mesmo mes.
Canto ao exame, acordouse manter un modelo similar ao actual, cos mesmos
tempos de realización, e aumentar a opcionalidade. O obxectivo é
garantir que o alumnado poida acadar a máxima puntuación sen que llo
impida o feito de non ter recibido algún dos contidos previstos.Neste
sentido, a conselleira avanzou que convocará proximamente a CIUG para
abordar este tema e indicou que os tres reitores do Sistema
Universitario de Galicia xa lle manifestaron a súa total colaboración
para garantirlle ao alumnado a equidade no acceso á universidade.
Formación Profesional
Canto
á Formación Profesional, insistiuse na necesidade de garantir que todo o
alumnado titule, para o que o Ministerio anunciou a publicación dunha
norma que vai fundir nun único módulo os actuais de Formación en Centros
de Traballo (FCT) e de Proxecto. No caso dos ciclos de grao medio e na
FP Básica, onde non existe módulo de Proxecto, establecerase un traballo
final.
Na Conferencia analizouse tamén a convocatoria das
oposicións ao ensino en cada Comunidade. Este tema, dada a
heteroxeneidade de situacións, abordarase a vindeira semana nunha
xuntanza específica.
Cómpre sinalar tamén que a conselleira de
Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar,
demandoulle ao Goberno central un plan que permita a distribución de
recursos para acabar coa fenda dixital nas comunidades con maior
dispersión xeográfica, como é o caso de Galicia. A petición foi
realizada por outras CCAA, como Asturias, Cantabria e Castela León.
Trátase así de garantir o acceso de toda a poboación escolar á educación
en liña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario