O Goberno Municipal de Oia (PP) vóltase a equivocar co Talaso-Atlántico
Este mércores 22 de xaneiro, celebrarase un pleno extraordinario no concello
de Oia, para tratar o plan especial
O Talaso- Atlantico atópase en chan rustico, de especial protección paisaxística situado no POL de Cabo Silleiro
Foto: Movemento Oia
Movemento Oia
Este mércores 22 de xaneiro, celebrarase un pleno extraordinario no Concello de Oia, para tratar o plan especial presentado polo goberno municipal, co obxectivo de modificar os usos da parcela que ocupa o Talaso Atlántico e legalizar a obra aumentando a cota media do terreo onde se sitúa.
Dende Movemento Oia, entendemos que o goberno municipal de Oia, equivócase de novo co plan presentado. Xa que non dispón nin de medios técnicos nin de recursos para restaurar a legalidade no Talaso-Atlántico, polo que dita restauración da legalidade pasa por cumprir en primeiro lugar cos servizos municipais aos que está obrigado, prestar os servizos públicos imprescindibles, saneamento e auga, para o que debe de solicitar apoio institucional da Xunta de Galicia e dotar As Mariñas de saneamento publico conectado a Edar de Augas de Galicia.
En segundo lugar, o plan especial que presenta o Concello, aínda que o publicado táchase de borrador, non restaura a legalidade, pois só tense en conta a leira do Talaso e non o entorno onde sitúase, necesita acceso ao mar, con aprobación de Costas pois a auga que utiliza e a caseta de bombeo atópase fóra do plan presentado.
O plan presentado non ten en conta as normas subsidiarias do concello, e séguese incumprindo a Lei do Solo de Galicia en canto a proporcións, altura, edificabilidade e resto de condicionantes incluíndo o impacto ambiental e paisaxístico da edificación, sen presentar medidas correctoras que debe de realizar o propietario. O concello, como parte responsable en cumprir a legalidade, debería de esixir o cumprimento da licenza que outorgou no seu día que tampouco se cumpre.
Polo tanto, a súa responsabilidade limítase ao cumprimento da licenza de obra que tamén foi incumprida. A partir de aí, a sentenza é clara, a edificación débese de adaptar ás normas urbanísticas. Se se debe reducir o volume e parte do edificado, correspóndelle ao propietario e non ao concello decidir como o quere facer. A anulación por sentenza da ordenanza municipal que permitía a súa construción, implica que o Talaso-Atlantico atópase en chan rústico, de especial protección paisaxística situado no POL de Cabo Silleiro. E por tanto a APLU, é competente para restaurar de oficio a legalidade. Máxime cando xa existe sentenza firme. A APLU, xa realizou de oficio seis actuacións no Concello de Oia entre os anos 2014 e 2017. Polo que a instamos a que tamén se faga cargo deste asunto. Sendo Oia un concello de notable presión urbanística, desde Movemento Oia consideramos que quizais sería beneficioso para todos os veciños, que Oia estivese adscrita á APLU, como o está o Concello da Guarda. A APLU, actúa de oficio, para a partires de aí evitar que os veciños se teñan que denunciar por irregularidades urbanísticas. Aforra traballo e confrontacións do Concello cos veciños, sobre todo porque o concello ao ser pequeno, non dispón de recursos e infraestruturas para ese tipo de procedementos, á vez que lle achega ingresos.
Movemento Oia convidamos o resto de partidos a sumarse a esta iniciativa que pretende axudar a mellorar os problemas de Oia e restaurar a legalidade para tentar solucionar definitivamente os problemas que padece o Talaso Atlántico e os veciños das Mariñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario