21 de xan. de 2020

O ROSAL

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIA NO ROSAL AS OBRAS DE CONSTRUCCIÓN DA SENDA PEONIL PARALELA Á EP-3302  

O sendeiro terá unha lonxitude de medio quilómetro e conectará os núcleos de Valdemiñotos e San Miguel de Tabagón

Veñen de iniciarse as obras de mellora da mobilidade peonil na Estrada Provincial 3302 no Rosal
Fotos: D.PO.


Infogauda / O Rosal 

 O goberno provincial de Carmela Silva ven de iniciar as obras de mellora da mobilidade peonil na Estrada Provincial 3302 no Rosal, que teñen como obxectivo central a construción dunha senda que conectará os núcleos de Valdemiñotos e San Miguel de Tabagón e nas que a institución provincial investirá un orzamento de 178.743,39 euros.  




 Máis polo miúdo, a nova senda peonil construirase en formigón coloreado e o seu trazado transcorrerá paralelo á marxe esquerda da devandita estrada nun treito de 575 metros, en concreto desde o punto quilométrico 1+365 ao 1+940. Así, a senda conectará o núcleo de Valdemiñotos co punto anterior ao paso elevado que da acceso ao núcleo de San Miguel de Tabagón. Deste xeito, establécese un itinerario peonil segregado do tráfico rodado como alternativa de mobilidade máis segura para as veciñas e veciños.  

 As obras, que foron adxudicadas á empresa Oresa, xa están en marcha e teñen un prazo de execución de cinco meses. Do orzamento final, o departamento de Infraestruturas da Deputación asume o 80% do coste (142.994,71 euros) e a financiación completouse con 35.748,68 euros, correspondentes ao Plan Concellos 2018.  

 Os traballos inclúen tamén a mellora da drenaxe lonxitudinal mediante cunetas de formigón e zona entubada na Estrada Provincial, que recollerán as augas procedentes do exterior do viario. Por último, está prevista tamén a preinstalación dun futuro alumeado público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario