18 de xan. de 2020

A GUARDA

A Xunta de Galicia achegará 410.000 euros para a construción da nova escola infantil no concello da Guarda  

Este novo centro de atención á infancia de 0-3 anos contará con tres unidades e 41 prazas e integrarase na rede pública autonómica Galiña Azul

A Consellería de Política Social remitiulle esta semana ao Concello a proposta de convenio de colaboración entre ambas administracións para o financiamento desta nova instalación 


Infogauda / A Guarda

 A Xunta de Galicia investirá 410.000 euros para a construción da nova escola infantil no concello da Guarda que se integrará na rede pública autonómica Galiña Azul. A Consellería de Política Social remitiulle esta semana á Administración local o borrador do convenio de colaboración nos termos acordados por ambas partes.  

 O proxecto para a construción deste novo centro ten un custe de 691.747 euros dos que o Goberno galego aportará 410.000 euros a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a cantidade restante - 281.747,00 euros - será sufragada polo Concello de A Guarda.


Na infografía, coa cuberta en cor gris,  imaxe virtual da que será a nova escola infantil de A Guarda
Fonte: C.A.G.


 Desta maneira, a escola será construída e xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de acordo co modelo de cofinanciamento establecido no Acordo Marco asinado pola Consellería de Política Social e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para ese tipo de centros do Consorcio. O Concello deberá agora tramitar a aprobación do texto, para poder proceder a continuación á firma do convenio, requirimento necesario para comezar o procedemento de licitación da obra.  

 O novo centro contará con tres unidades e 41 prazas que se sumarán a escola municipal xa en funcionamento neste concello do Baixo Miño e que mellorará a conciliación das familias guardesas. Con esta actuación, a Xunta de Galicia cumpre o seu compromiso de incrementar os servizos postos á disposición das familias para poder compaxinar a súa vida persoal coa laboral.  

 Ademais, con estas novas prazas tamén se aumenta a ratio de atención á infancia deste concello, un incremento que leva a superar o 33% da ratio que recomenda a Unión Europea. 

 Desde o executivo municipal do Concello de A Guarda salientouse: Despois de anos de xestións do alcalde da Guarda, Antonio Lomba e de miles de quilómetros en viaxes a Santiago, acompañado, a maioría das veces, pola anterior concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente, a construción da nova Escola Infantil da Guarda plasmarase na sinatura dun convenio entre a Xunta e o concello en próximas datas. 

 Ante a necesidade evidente de contar con máis prazas de atención a infancia de 0-3 anos na Guarda, no ano 2017 o alcalde tomou a decisión de encargar e financiar, por conta do concello, o proxecto de construción da nova Escola Infantil, que estará emprazada na parcela municipal que actualmente ocupan as que foron vivendas de mestres do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde. 

 A consellería de Política Social remitiu fai uns días o borrador do convenio que comprometerá a Xunta e concello na execución da obra. Esta actuación representa un importante investimento para o concello da Guarda. 

 Un esforzo que o propio alcalde considera urxente e prioritario para a vila:  “Esta actuación é unha necesidade para avanzar realmente na conciliación da vida familiar e laboral, mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, sobre todo os máis novos, e forma parte das políticas contra a crise demográfica, orientadas a frear a diminución de poboación na localidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario