13 de xan. de 2020

A GUARDA

Coñece o Camiño de Santiago 

Prantando unha árbore autóctona

A fin de semana do 25-26 de xaneiro de 2020 terá lugar a primeira das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate” 




 Infogauda / A Guarda

 A fin de semana do 25-26 de xaneiro de 2020 terá lugar a primeira das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello guardés participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A finalidade do proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.   

 Nesta primeira actividade convídase tanto a veciños da Guarda, como da contorna a coñecer o Camiño de Santiago dende a perspectiva medioambiental polo que se conta coa colaboración da Asociación A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos. Os participantes nesta actividade percorrerán o Camiño de Santiago dende A Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e   problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación. Posteriormente os participantes prantarán árbores autóctonas que convivían antigamente no Camiño como cerdeiras, nogueiras ou castiñeiros. Esta prantación realizarase nos terreos cedidos para a ocasión pola Comunidade de Montes de Camposancos e ó remate da xornada unha pequena merenda coa que repór as forzas e comentar as experiencias do día.   

 Esta actividade que se realizará o sábado 25 e o domingo 26 de xaneiro en horario de 10:00 a 13:00 horas,  ten un aforo limitado de 25 prazas por día, polo que é preciso anotarse previamente en cultura@aguarda.es ou no 986 610 000 ext. 5. 

 A estación do Ferry, no embarcadoiro da Pasaxe, será o punto de encontro para iniciar a andaina.     

Máis actividades 

 «O Camiño Aguárdate» traerá á Guarda ademais unhas Xornadas Divulgativas sobre o Camiño de Santiago e visitas teatralizadas.  

 As Xornadas Divulgativas contarán coa participación de especialistas universitarios e do mundo empresarial co obxectivo de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución e atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila, realizaranse en varias sesións no vindeiro ano 2020.  

 As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.  

 A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario