A
CASA DE GALICIA ACOLLEU A PRESENTACIÓN DE “NÉBOA”, O NOVO THRILLER DE
“LA 1” AMBIENTADO EN GALICIA E INTERPRETADO POR ACTORES GALEGOS
A serie, dirixida por Gonzalo López Gallego, foi producida por RTVE en colaboración con Voz Audiovisual
O delegado da Xunta, José Ramón Ónega (cuarto pola dereita), con responsables de intérpretes da serie NÉBOA
Fotos: Casa de Galicia
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación á prensa de “Néboa”, o novo thriller que La 1 comeza a emitir o vindeiro mércores (ás 22:40 horas) ambientado en Galicia e que ten como punto de partida o entroido galego, no que a figura lendaria do “urco” convértese nun cruel asasino. A serie foi producida por RTVE en colaboración con Voz Audiovisual e rodada entre os meses de maio e setembro en localizacións naturais galegas (Cabo Ortegal, Estaca de Bares, O Barqueiro, Ortigueira, Cariño), que contribúen á súa atmosfera máxica e misteriosa, e por actores maioritariamente galegos.
Na presentación interviñeron o delegado da Xunta de Galicia e director da Casa, José Ramón Ónega, o director de Contidos, canles e produción de programas de TVE, Fernando López Puig, a produtora executiva de Voz Audiovisual, Fernanda Tabarés, o director da serie, Gonzalo López Gallego, e os actores, protagonistas da mesma, Emma Suárez, Isabel Naveira, Alba Galocha, Antonio Durán “Morris”, María Vázquez, Denisse Peña, Denís Gómez, Nacho Nugo, Xabier Deive e Nancho Novo.
Ónega deu a benvida aos protagonistas e responsables da serie e aos numerosos xornalistas que acudiron a interesarse por ela, a quen informou dos obxectivos da Casa e dalgunhas das actividades que se desenvolven nela. “Nesta Delegación da Xunta damos prioridade máxima á cultura”, salientou, engadindo que “nos agrada extraordinariamente que TVE presente aquí este evento”. Os responsables da serie explicaron as súas características e a acción que desenvolve e os actores falaron dos seus personaxes e a relación entre eles.
Aos actores principais súmanse, completando a repartición David Seijo, Sabela Arán, Luisa Merelas, César Cambeiro, Dani Currás, Nuncy Valcárcel, Federico Pérez, Alfonso Agra, Jorge Varandela, Carmela Martíns, Santi Cuquejo, Tacho González, Fina Calleja, Toni Salgado, Iolanda Muíños, Monti Castiñeiras, Alejandro Carro, Martín Duplá, Ana Oca e Gonzalo Ramos. A serie rodouse durante catro meses en espectaculares localizacións da costa norte de Galicia, cos cantís máis altos da Europa continental, os bosques autóctonos mellor conservados e praias virxes. Lugares de gran beleza que transmiten o misterio e o suspense que rodean este thriller creado por Xosé Morais, Víctor Sierra e Alberto Guntín (guionistas) e dirixido por Gonzalo López-Gallego, Jorge Saavedra e Manu Gómez.
Argumento
É a primeira noite de entroido na illa de Néboa, cando aparece o cadáver dunha adolescente en O Burato do Demo, un lugar rodeado de lendas: nesa mesma cova xa apareceran corpos asasinados da mesma forma, en 1919 e en 1989. En ambas as ocasións, estes crimes iniciaron unha serie de cinco asasinatos durante os oito días de entroido. Asasinatos que nunca se chegaron a resolver.
A crenza popular é que o asasino é o “urco”, un home con cabeza de lobo que sae do mar rodeado de cadeas para levar aos vivos e que, ao mesmo tempo, é unha das figuras representativas do entroido de Néboa. Para Mónica e Carmela, dúas investigadoras da Garda Civil interpretadas por Emma Suárez e Isabel Naveira, comeza a conta atrás para evitar unha serie de asasinatos durante a celebración do entroido galego.
Localizacións naturais na costa galega
‘Néboa’ é unha illa (ficticia) de 62 quilómetros cadrados situada a 11 quilómetros da costa da Coruña. Os seus 6.673 veciños viven principalmente do mar e o turismo e a celebración do entroido é o seu principal atractivo. Á illa só pódese chegar nun ferry que fai a travesía dúas veces ao día, o que condiciona e marca o carácter dos seus veciños, encerrados en si mesmos.
A serie rodouse en localizacións espectaculares da costa norte de Galicia. Destacan enclaves como Cabo Ortegal, O Barqueiro, Ortigueira, Cariño ou Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica e que marca a separación entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico. Tamén xogan un papel destacado outras localizacións de interior como a fraga de Cecebre, o sanatorio de Oza ou San Sadurniño, onde se localizan as casas dos personaxes protagonistas.
Outro dos retos para a produción da serie foi a recreación da illa ficticia de Néboa. Para iso, e co obxectivo de ofrecer maior realismo, o equipo da serie filmou con dron gran cantidade de planos aéreos da costa galega para recrear a illa de forma dixital utilizando a orografía da zona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario