23 de out. de 2019

TOMIÑO

Tomiño vai acoller a Gala Solidaria pola ELA que se celebrará no Auditorio de Goián 

A recadación íntegra irá destinada a adquirir camas articuladas e cadeiras de ducha. O número de persoas afectadas por esta enfermidade en España ronda as 4.000 

José Manuel Pereira “Nel”, tomiñés afectado por esta enfermidade, impulsa esta Gala Solidaria pola ELA
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 O vindeiro domingo, 27 de outubro, ás 17:30 horas, no Auditorio de Goián, terá lugar a  Gala Solidaria pola ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica), organizada pola Asociación Agaela, coa colaboración do Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e comercios locais.

 José Manuel Pereira “Nel”, tomiñés afectado por esta enfermidade, impulsa esta Gala Solidaria pola ELA, cuxa recadación íntegra ira destinada a adquirir camas articuladas e cadeiras de ducha para persoas que sofren esta doenza. Pereira quere dar visibilidade a esta doenza que padecen en España máis de 4.000 persoas, abandeirado co seu lema: “La ELA existe, pero nosotros delante y la ELA detrás, siempre”.  

 A cita contará coa presentación da actriz moañesa Anabel Budiño, da compañía Moito Morro Teatro, e a actuación do Grupo de Acordeóns Helios, do Coro Passionato e da Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio; rematando cun desfile solidario, grazas a varias casas comerciais.  

 A entrada ou achega voluntaria é de 5 euros por persoa, e haberá tamén butaca cero, para quen non poida asistir á gala pero queira colaborar ca causa.  

 A Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) convida a todas as persoas a asistir e colaborar coa entidade, “que loita  por mellorar a calidade de vida dos afectados por esta enfermidade na nosa comunidade autónoma”.  

 A Esclerose Lateral Amiotrófica é unha enfermidade neuromuscular dexenerativa, na que as células que controlan o movemento da musculatura voluntaria, diminúen o seu funcionamento gradualmente e morren, provocando unha paralización progresiva da persoa afectada nun curto espazo de tempo, impedíndolle sorrir, falar, comer, moverse ou respirar por se mesma. A esperanza de vida dos pacientes non chega a superar os cinco anos. Non existe ningún tratamento contra a ELA, aínda que si hai fármacos e terapias para combater os seus síntomas. En España existen na actualidade 4.000 persoas afectadas de ELA, e estímase que cada día se diagnostican 3 novos casos; 1000 ao ano, o mesmo número de persoas falecidas por esta doenza.  

TOMIÑO

O CONCELLO ORGANIZA O CURSO DE FORMACIÓN DE PERSOAS ADULTAS 2019/2020, CO FIN DE PREPARAR AO ALUMNADO PARA OBTER O GRADUADO DA ESO

E PREPARAR AO ALUMNADO PARA OBTER O GRADUADO DA ESO POR LIBRE, PREPARAR A PROBA DE ACCESO A CICLOS MEDIOS E AS DE COMPETENCIAS CLAVE

As p·ersoas interesadas poderán inscribirse no rexistro municipal a partir do 24 de outubro e até o 30 deste mes  

 Infogauda / Tomiño  

 O Concello de Tomiño organiza o curso de formación de persoas adultas co obxectivo de preparar ao alumnado para obter o graduado da ESO por libre, a proba de acceso a ciclos medios e as de competencias clave.  

Os requisitos para a inscrición no curso serán:     

 · Ter cumpridos os 16 anos.  

Terán preferencia aquelas persoas que estean empadroadas en Tomiño, e as persoas que asistan ao mesmo por primeira vez.  

 Ademais dos requisitos anteriores, para poder presentarse á proba para obter o graduado da E.S.O. do próximo mes de maio será necesario:      

· Non estar matriculado oficialmente en ningún curso da ESO, en ningún centro educativo de Galicia no curso 2019/2020.     
· Ter cumpridos os 18 anos antes do día da proba por libre para obter o título da ESO.  

 As persoas interesadas, poderán inscribirse  entre os días 24 e 30 de outubro (ata as 13:00 horas) de 2019, presentando de maneira presencial ou electrónica (a través da Sede electrónica na web tomino.gal) no rexistro do Concello o modelo de inscrición cuberto que se pode descargar da web municipal tomino.gal, xunto cunha fotocopia do DNI.  

 Durante o curso, as clases terán lugar dous días na semana (martes e xoves) 3 horas cada día, en horario a determinar.  Os prezos mensuais das clases que inclúen tamén o material didáctico, serán os seguintes:      

·Para persoas cos tres ámbitos pendentes 30€/mes.     
·Para persoas con dous ámbitos pendentes 20€/mes.     
·Para persoas cun ámbito pendente 15€.  

Ademais, o alumnado poderá acceder ás gravacións  de voz das clases a través de internet, etc.  

 A actividade formativa non se levará a cabo se non se acada un número mínimo de 10 persoas inscritas.

GOIÁN (TOMIÑO)

A Banda de Música da Agrupación Musical de Goián presenta a composición “Lobo de Río”, de Andrés Álvarez

O concerto será este sábado 26 de outubro, ás 20:00h, no auditorio de Goián, e interpretarase tamén no XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, en Santiago de Compostela  

Lobo de Río, de cadro de Antonio Fernández a composición de Andrés Álvarez 



Infogauda / Goián

 "Lobo de río", creación do compositor goianés Andrés Álvarez, interpretarase o próximo sábado día 26 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Goián. Será no marco do concerto preparatorio da Agrupación Musical de Goián, dirixida por Pedro Villarroel, para o XIII Certame Galego de Bandas de Músicas Populares, que se vai celebrar unha semana máis tarde no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.  

 O pintor Antonio Fernández Gómez (1882-1970) desenvolveu ao longo da súa vida unha interesante obra pictórica que levou a cabo entre as cidades de Santos (Brasil), Antícoli Corrado (Italia) e o seu Goián natal. Foi neste último lugar onde, xa na súa etapa artística final, pinta o retrato do “Tío Cila, Lobo de Río” (década de 1950). Este importante lenzo, predilecto do propio autor, plasma ao tío Cila, veciño de Goián, ao terminar unha xornada de pesca no río Miño. O poema sinfónico Lobo de río describe o punto de vista do compositor e a mensaxe que o lenzo lle transmite.  

 Por segundo ano, a Agrupación Musical de Goián, prepara como obra libre no certame unha composición de Andrés Álvarez que, ademáis, tamén vai participar como trompetista, tanto no concerto deste sábado, como no Certame Galego o 3 de novembro. Nel tamén se vai interpretar a obra obrigada “Memorias da Gallaecia” de David Rivas.

A GUARDA

INFORMACIÓN DA COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MÁN COMÚN DE A GUARDA


BAIONA

HOMENAXE ÁS FAMILIAS REPRESALIADAS DO VAL MIÑOR

Sábado 26 de outubro, ás 12:00 horas, no cemiterio municipal de Baiona



Reparación e Memoria: A VOLTA DOS NOVE  



 O concello de Baiona autoriza a colocación da placa que homenaxeará e lembrará, no cemiterio municipal, aos nove veciños miñoráns asasinados na Volta da Bombardeira en outubro de 1936.  

 A colocación desta placa da autoría de Fernando Casás, que na primavera de 2009 o goberno municipal de Baiona -naquela altura do Partido Popular- negouse a autorizar, terá lugar o vindeiro sábado 26, ás doce da mañá, nun acto homenaxe ás familias que terá lugar no cemiterio municipal de Baiona na fosa común na que foron deitados os corpos sen vida destas nove vítimas da barbarie franquista:  

– MANUEL ABALLE DOMÍNGUEZ, 
– FELICÍSIMO ANTONIO PÉREZ PÉREZ, 
– ELÍAS ALEJANDRO GONDA ALONSO “O Ghonda”
– MANUEL FRANCISCO LIJÓ PÉREZ “O Lijó”
– MODESTO FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ “O Rei Chiquito”
– FIDEL LEYENDA RODRÍGUEZ, 
– JOSÉ RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, 
– MANUEL BARBOSA DURÁN e 
– GENEROSO VALVERDE IGLESIAS.  

 Este acto de Homenaxe ás Familias forma parte do programa “A VOLTA DAS NOVE” que o IEM, coincidindo coa celebración do seu XX ANIVERSARIO, está a desenvolver durante este mes de outubro centrado na recuperación da memoria das mulleres que sufriron a represión franquista no Val de Miñor.

Fonte: IEM

GONDOMAR

PREVISIÓNS POPULARES DE PONTEVEDRA

Para este xoves 24 de outubro

 Os portavoces de Baiona, Gondomar e Nigrán valoran os Orzamentos da Xunta 


11.30 – Gondomar  

 O deputado autonómico Alberto Pazos, e os portavoces de Gondomar, Paula Bouzós; Baiona, Ángel Rodal, e Nigrán, Carlos Abal, farán unha valoración dos Orzamentos da Xunta. 

 Rolda de prensa. 

 Lugar: Sede do PP en Gondomar (Praza Ángel Urzáiz, 7)

O ROSAL

REUNIÓN PACTO DOS ALCALDES PARA O CLIMA E A ENERXÍA

A concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, e o mestre composteiro, Óscar Martínez, asistiron á xornada do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

  O Concello do Rosal ven de facer público que o pasado martes a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, e o mestre composteiro, Óscar Martínez, asistiron á xornada do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía celebrada no concello de Marín.  

 No mes de outubro o Concello do Rosal asinou a adhesión ao Pacto dos Alcaldes, comprometéndose a actuar para apoiar a aplicación do obxectivo europeo de reducir os gases de efecto invernadoiro ata o 2030 e adoptar un enfoque común para promover a mitigación e adaptación ao cambio climático.  

 Unha das cuestións destacadas na reunión foi pór de manifesto o gran impacto que teñen sobre as emisión os consumos enerxéticos derivados da luz, xestión da auga e residuos. Ademais das medidas que se poidan adoptar dende o concello, a implicación de toda a cidadanía é esencial para acadar os obxectivos propostos para 2030.

TUI

O BNG denuncia a falta de calefacción e água quente 
Na escola infantil A Galiña Azul en Tui 



 Infogauda / Tui  

 O concelleiro do BNG, Xosé Martínez Tato responsabiliza ao goberno municipal "da neglixencia ao comprobar que no centro levan xa máis de 15 días sen agua quente para a hixiene persoal dos rapaces e raparigas. Ademais, a escola tamén carece de calefacción por unha avaría na caldeira que os responsábeis políticos municipais aínda non solventaros".  

 "O mantimento é responsabilidade do Concello - afirma o concelleiro- e ten que arranxar con dilixencias as avarías, e mentres non se consiga, habilitar os medios provisionais para que traballadores e crianzas poidar ter uns servizos dignos e unha atención con unha mínima calidade."      

 Xosé Martínez Tato sinala igualmente: "Carecen de agua quente, o chan está conxelado e teñen que manter ás crianzas con roupa de abrigo todo o dia.      

 O Bloque Nacionalista Galego seguirá o caso e fará preguntas e exixencias ata conseguir solucionar o problema."

TUI

O proxecto Música e Viño no Teu Camiño remata o vindeiro domingo en Tui 

Co concerto de Best Boy  


 Infogauda / Tui

 A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e o Concello de Tui presentarán o vindeiro venres día 25, ás 12:45 horas, no Concello de Tui, o evento que pon fin ao proxecto ‘Música e viño no teu Camiño’, e que terá lugar o domingo 27 ás 18:00 h. na Praza de San Fernando en Tui co concerto da banda tudense Best Boy. 

 A presentación contará coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González e da concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vivente, así como de representantes do grupo Best Boy, que achegarán os pormenores do evento do domingo. 

 O obxectivo do proxecto, que percorreu durante o mes de outubro as localidades de Redondela e da Guarda, é crear puntos de encontro entre os peregrinos e a poboación local e facelo dun xeito diferente: a través de eventos musicais e degustación dos viños das bodegas que participan: Quinta Couselo, Terras Gauda, Adega do Vimbio e Altos de Torona. 

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aproba a concesión de 50.000 € para que 22 concellos adquiran 37 desfibriladores  

Os custos da adquisición, a instalación, a posta en funcionamento e o mantemento dos equipos médicos estímanse en 83.886 €

Pazo provincial da Deputación de Pontevedra
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de subvencións para a adquisición de desfibriladores por parte de entidades locais da provincia cuxa poboación non supere os 20.000 habitantes. Un total de 22 concellos recibirán aproximadamente o 60 % da contía derivada da adquisición, a instalación, a posta en funcionamento e o mantemento de 37 equipos médicos en instalacións municipais.  

 O custo total entre todos os desfibriladores ascende a 83.886 € (IVE incluído), o que supón un custo unitario de 2.267,19 € por equipo médico. A Deputación de Pontevedra achegará 50.000 euros desta cantidade, mentres que os 33.886 euros restantes deberán provir dos concellos.  

 Cada un dos concellos beneficiarios recibirá entre un e catro desfibriladores. Así, Caldas de Reis e Meaño recibirán o número máximo de equipos médicos. Pola súa banda, Moaña e Vilanova de Arousa adquirirán 3; Agolada, Cuntis, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Silleda recibirán dous e Campo Lameiro, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Oia, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, O Rosal, Tomiño e Vila de Cruces recibirán a subvención para adquirir un desfibrilador.  

 Esta iniciativa da institución provincial busca que as instalacións deportivas dos municipios da provincia (neste caso, aqueles con menos de 20.000 habitantes) estean dotadas do material indispensable que permita prever calquera continxencia que poida acontecer, posto que estas son empregadas por un número considerable de persoas que practican deporte e de todos os rangos de idade.  

 Dentro destas continxencias atópanse as paradas cardiorrespiratorias repentinas. Entre as súas recomendacións para tratar os paros cardíacos, o European Resuscitation Council (ERC) indica que, en moitos casos, as manobras de reanimación cardiopulmonar non son suficientes para salvar unha vida e sinala, polo tanto, a necesidade de empregar un desfibrilador. Na actualidade, 30.000 persoas morren en España cada ano por culpa dunha parada cardiorrespiratoria. Se se emprega un desfibrilador nun período máximo de 10 minutos tras o inicio da parada, as posibilidades de supervivencia poden aumentar ata un 70 %.

VIGO

A CIG solicita intervir no vindeiro Pleno de Vigo e que se convoque o Consello Económico e Social da cidade para abordar a situación de grave crise industrial 

A central nacionalista iniciou unha rolda de contactos co tecido asociativo para sumar apoios de cara á manifestación comarcal do próximo 30 de outubro 


Infogauda / Vigo

 No marco da campaña iniciada baixo o lema “S.O.S. Vigo: Polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos” e que desembocará nunha grande manifestación comarcal o próximo 30 de outubro, a CIG vén de solicitar formalmente intervir no próximo Pleno do Concello de Vigo para abordar a grave situación que atravesan a industria e os servizos públicos na cidade e comarca de Vigo. 

 No escrito dirixido ao alcalde da cidade polo secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, alértase da situación límite que atravesa a construción naval diante do inminente feche de Vulcano e as dificultades que enfronta Barreras, e o impacto que ambos os dous estaleiros están a ter no tecido da industria auxiliar. Tamén se denuncia o impacto negativo que as políticas de recorte aplicadas polo Partido Popular nos servizos públicos están a ter para as clases traballadoras e populares, e de maneira significativa no que atinxe á atención sanitaria. 

 O sindicato nacionalista demanda ademais a convocatoria extraordinaria e urxente do Consello Económico e Social da cidade, tal e como se fixera en 2011 diante das dificultades que atravesaba o naval. Con estas iniciativas a CIG procura implicar tamén ás institucións na procura de solucións que revertan a desertización produtiva que padece a nosa comarca. “Cando está en xogo o futuro industrial de Vigo e a súa comarca as institucións non poden ollar para outro lado. É o momento de tomar medidas e de tomalas xa”, reclama Gonçalves. 

 A táboa reivindicativa coa que a CIG convoca a manifestación do próximo 30 de outubro, que partirá ás 20h desde Vía Norte, inclúe a demanda dun Plan industrial para a comarca de Vigo, asegurar o futuro do naval tomando o control público de Barreras e Vulcano, a posta en marcha dunha Mesa galega da Automoción, a creación dunha tarifa eléctrica industrial galega ou absorción de Povisa polo Sergas e o rescate da concesión privada do Hospital Álvaro Cunqueiro. 

Contactos co tecido asociativo 

 Co obxectivo de sumar apoios á convocatoria do 30-O, a Unión Comarcal da CIG de Vigo está a desenvolver unha rolda de contactos co tecido asociativo que iniciou cun encontro no que participaron representantes da Favec, do colectivo Os Ninguéns, da RSP e do colectivo Á Marxe. 

 “A CIG como sindicato maioritario na comarca somos quen impulsa a convocatoria do 30-O, pero queremos que sexa moito máis que unha manifestación da CIG, ten que ser unha grande marcha polo futuro da comarca de Vigo”, explica Gonçalves, que lembra que o sindicato nacionalista propuxo desde o inicio a CCOO e UGT a convocatoria conxunta da mobilización e que ambas as dúas centrais rexeitaron sumarse. “Nós temos claro que o tempo de esperar xa pasou. Temos que pasar á acción”, remachou.

ARCOS DE VALDEVEZ

Oficinas de Criatividade Himalaya – obra decorre a bom ritmo  


  
María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 As obras de intervenção na antiga Escola do 1º Ciclo, onde estão a nascer as “Oficinas de Criatividade Himalaya”, já se encontram na fase de acabamentos e arranjos exteriores.  Esta será uma plataforma de promoção da ciência, que tem como personagem inspiradora um dos maiores cientistas e visionários portugueses da viragem do século XIX, o Padre Manuel Himalaya, nascido em Arcos de Valdevez. Para além disso, será um espaço dedicado à ciência educativa, com várias áreas de exposição e de experimentação, baseados na vida, na filosofia e no pensamento de Manuel Himalaya, em áreas tão diversas como Ciência, a Educação, a Ecologia e a Filosofia, operando como um equipamento de descoberta e fruição, tendo nas crianças, jovens e famílias o seu principal público-alvo.  O espaço das “Oficinas de Criatividade Himalaya” integra uma cúpula de projeção de alta definição em 360º (Fulldome), funcionando como um planetário. 

 As Oficinas integram uma sala dedicada à Vida e Obra do cientista e aos seus contributos para a atualidade, denominada “Núcleo Interpretativo Himalaya”, e outra ligada à ciência e à pedagogia, o “Centro da Eco cidadania”, bem como um original labirinto dedicado igualmente à figura universal de Himalaya. 

 O espaço exterior incorporará alguns equipamentos ligados com a ciência, bem como uma réplica do Pirelióforo apresentado por Himalaya na Exposição Universal de St. Louis (EUA). 

 Recentemente a Câmara Municipal aprovou a abertura de procedimentos concursais para a aquisição de mobiliário e fornecimento de módulos exteriores para o público Infanto-juvenil, pelo preço global de 131.000,00 euros. 

 A Câmara Municipal adjudicou a obra das Oficinas de Criatividade Himalaya à empresa Baltor – Engenharia e Construção, Ldª, pelo preço de 1.000.608,65€, a que acresce o IVA. Estes projetos inserem-se na Operação “OFICINAS DE CRIATIVIDADE HIMALAYA / ARCOS DE VALDEVEZ” a qual é cofinanciada pelo FEDER, Programa Operacional NORTE2020, Portugal2020, EIXO PRIORITÁRIO 4 – QUALIDADE AMBIENTAL e conta com um Investimento Elegível de 1.398.357,53€ e Comparticipação Comunitária de 1.118.603,90€. Para a Câmara Municipal este é mais um investimento no concelho e na criação de um espaço de oportunidades, de conhecimento e aprendizagens, que irá contribuir para o desenvolvimento sustentável de Arcos de Valdevez.

ARCOS DE VALDEVEZ

II Encontro Ibérico de Esgrima Medieval em Arcos de Valdevez 


María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 Decorreu no passado dia 12 de outubro, o II Encontro Ibérico de Esgrima Medieval, no Paço de Giela, em Arcos de Valdevez, numa organização conjunta do GEMAC - Grupo de Esgrima Medieval e Artes de Combate, EmCadeamentos – Associação para a Promoção do Património Histórico e Cultural e do Município de Arcos de Valdevez. 

 Pelo segundo ano o Encontro juntou clubes/salas de armas de Portugal e de Espanha, promovendo um desporto ainda pouco divulgado em Portugal, em contexto de património.  

 A forte presença de atletas estrangeiros confirma a internacionalização deste evento na comunidade internacional; o contingente espanhol estava maioritariamente preenchido por atletas galegos, mas estiveram ainda presentes atletas do país Basco e até mesmo de S. Petersburgo (Rússia). 

 Participaram no evento atletas de vários clubes, mas apenas quatro entraram em competição:  GEMAC (Porto, Portugal), SVEA (Vigo, Espanha), CEHEPO (Pontevedra, Espanha) e 100tolos (Corunha, Espanha).  

 Quase uma centena de duelos durante o torneio; na modalidade de Espada e Broquel participaram nove atletas em 21 combates; na de Espada Roupeira participaram 15 atletas, num total de 38 combates; na modalidade de Espada Longa estiveram envolvidos 14 atletas em 34 combates. 

 Durante o Encontro mostraram-se duas exposições de materiais medievais, uma de índole civil e outra de índole militar, que o público presente pôde visitar e manusear.   

 Na tarde do dia 12, entre as finais de Espada Roupeira e o início do torneio de Espada Longa, foram ainda proporcionadas a crianças e adultos, aulas de iniciação à Esgrima Medieval. 

 O sucesso desta segunda edição anuncia a continuação da terceira, em 2020.

A CORUÑA

«Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais» 

Presentación da obra no espazo Normal


Isidro Dozo Valladares / A Coruña

 Este xoves 24 ás 20:00 Catro Ventos Editora presenta Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais, no marco do espazo de intervención cultural Normal, A Coruña.

 A obra coordinada por proxecto Batefogo tivo unha excelente acollida no mecenado realizado en Goteo.org e convértese ao fin nun libro máis do catálogo desta editora adicada á publicación de obras sobre ecoloxía, economía social, consumo sustentable, crianza alternativa e dereitos humanos.

O libro preséntase cunha sobrecuberta despregable co deseño impreso da lámina de Xoana Almar (Cestola na cachola) que conforma a identidade gráfica desta obra de múltiple autoría.

Sobre a obra
Nunha panorámica superficial do mundo do lume, a presenza de mulleres resulta aparentemente anecdótica. A súa visibilidade nos distintos escenarios do complexo quebracabezas que supón a problemática dos incendios forestais en Galicia é moi reducida; demasiado...
Fagan memoria das noticias sobre a autoría dos lumes, das imaxes do servizo de extinción, dos comités da administración autonómica, ou dos foros de debate sobre os lumes, o ordenamento e a xestión do territorio. É que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias?
Para tentar dar resposta a estas preguntas, o equipo do proxecto Batefogo reúne neste volume achegas de diferentes autoras que, desde a súa disciplina, reflexionan sobre o papel das mulleres na prevención e extinción dos incendios forestais.

Sobre a autoría
O equipo do proxecto Batefogo está composto por Celsa González Ogando, Paula Lubián Fernández, Miguel Pardellas Santiago e Brais Pérez Gómez, unha enxeñeira agrónoma, dúas educadoras ambientais licenciadas en Ciencias Ambientais e un asesor especializado en cooperativas que se xuntaron un día para traballar conxuntamente na prevención dos incendios forestais con ferramentas de intervención social.
Conscientes de que as solucións á problemática dos incendios están no terreo do social, e empregando como ferramentas a educación e a participación, traballan nas comunidades máis directamente afectadas polos lumes para abordar as súas causas estruturais e deseñar colectivamente propostas de actuación.

No seu traballo de coordinación reuniron a un equipo de autoras para construír o sesgo de xénero arredor dos lumes: Ana Cabana Iglesia (Doutora en Historia pola USC e compoñente de HISTAGRA), Beatriz Rodríguez-Morales (Enxeñeira de Montes pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e compoñente de ECOAGRASOC), Lara Barros Alfaro (Licenciada en Historia pola USC e impulsora de Mulime), María Ferreiro e Isabel Vilalba (responsables da Secretaría das Mulleres e da Secretaría Xeral do Sindicato Labrego Galego, respectivamente), María Novas e Sofía Paleo (arquitectas pola USC, investigadoras e impulsoras do proxecto de investigación en arquitectura e xénero “Dexenero"), Rosa Mosquera (doutora en Ciencias Biolóxicas, profesora do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo), Lola Ferreiro (doutora), M. Conceição Colaço (investigadora do Centro de Ecoloxía Aplicada Baeta Neves (CEABN/InBIO) no Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa) e Andrea Nunes Brións (poeta).

A GUARDA

PROXECTO XE-MENTE
Aprendendo sobre a produción e conservación de sementes vivas   

Un grupo de 12 mozas e mozos con e sen diversidade intelectual desempregadas están participando activamente no itinerario formativo ofrecido polo proxecto “XE-MENTE – Las semillas de la diversidad”
Foto: C. S. Xerome

 Infogauda / A Guarda

 O verán rematou e durante o outono é o momento de recoller, limpar, cribar, secar e conservar as nosas sementes para o próximo ano iniciar de novo o ciclo da produción.   

 Un grupo de 12 mozas e mozos con e sen diversidade intelectual desempregadas están participando activamente no itinerario formativo ofrecido polo proxecto “XE-MENTE – Las semillas de la diversidad”, liderado pola Asociación San Xerome Emiliani da Guarda, e que está cofinanciado polo Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad con fondos FSE.   

 As persoas participantes estanse a formar, durante tres semanas, para producir e conservar sementes autóctonas de froitos como o tomate, pepino, cabaciña, cabaza, fabas, xirasol, millo, e un longo etc. Ademais, están a construír xerminadores de materiais reutilizados, reciclados e biodegradables.   

 Como parte da formación complementaria, realizouse unha visita á Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra, institución científica que forma parte do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e que é unha referencia na investigación sobre cultivos chave para agricultura galega. Tamén visitamos a Fundación Galicia Verde que está a crear un banco de sementes de variedades autóctonas de Galicia en Forcarei (Pontevedra).  

 Este mércores 23 de outubro finalizou o noveno curso do Proxecto: ECODESEÑO DE SEMENTEIROS E RECIPIENTES BIODEGRADABLES PARA PLANTÓNS / ENVASES DE COMERCIALIZACIÓN e o alumnado fixo unha exposición pública sobre todos os coñecementos adquiridos e todas as prácticas realizadas durante o curso.   

 A presentación tivo lugar esta mañá na Aula Polivalente do Centro de Formación San Xerome, na Rúa Galicia 23 de A Guarda.  

SANIDADE

A CIG forza unha reunión co conselleiro de Sanidade tras pecharse nas dependencias do SERGAS  

A central reclama información sobre o proceso de compra de POVISA e a adquisición do hospital para garantir a atención sanitaria dende o público 


 Infogauda / Santiago de Compostela

 Como xa informamos na nosa edición de onte, delegados/as da CIG no comité de POVISA e membros da CIG-Saúde realizaron na mañá do martes día 22 de outubro, un peche  na Consellería de Sanidade, en San Lázaro, para forzar unha reunión co conselleiro ante o proceso de compra do centro hospitalario por parte da aseguradora estadounidense Centere e para reclamar a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo. 

 A medida de presión levantouse por volta da unha da tarde, logo de manterse unha tensa xuntanza co Xerente do SERGAS, quen se comprometeu a fixar esta semana unha data de reunión co conselleiro nun prazo máximo de 15 días. A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, criticou a pasividade que está a amosar o Goberno galego ante o proceso de venda de POVISA, malia a repercusión que a actividade deste hospital ten en toda a área sanitaria de Vigo. Por iso, denunciou que non se concretara xa hoxe a data do encontro e advertiu que “agardamos que o conselleiro cumpra co compromiso que nos acaba de transmitir o Xerente, porque do contrario teremos que incrementar as medidas de presión”. 

 María Xesús Neira, voceira do comité de empresa, lamentou que malia ter solicitada a reunión dende o pasado 8 de outubro “e de vir concentrarnos aquí hai dez días, finalmente tiveramos que facer hoxe esta acción para lograr unha resposta”. Neira salientou que Vázquez Almuíña é o máximo responsábel de Sanidade “e non pode inhibirse ante un tema tan grave. Queremos transmitirlle todos os problemas que temos, todo o que supón a venda e como lle vai afectar aos/ás usuarios/as e ás/aos traballadoras/es”.  

Un hospital que atende a máis de 135.000 persoas 

 Nesta liña, María Xosé Abuín tamén criticou que o Xerente do SERGAS puxera como escusa para non recibir a CIG que teñen que trasladar conxuntamente a información ao resto de sindicatos, malia ser a CIG a única central que demandou este encontro. “Queremos saber con claridade que vai pasar coa compra por parte desa multinacional dun centro que atende a máis de 137.000 persoas e que ten repercusión sobre o desenvolvemento do resto da área sanitaria de Vigo”, urxiu.  

 Sobre este punto, Neira reiterou o rexeitamento da venda do hospital a Ribera Salud, “atrás da que está a multinacional Centene, que sabemos que o único que vén facer é negocio coa sanidade. Por iso, reclamamos que POVISA sexa absorbido polo SERGAS, xa que hai fórmulas legais para facelo, e que a sanidade se preste 100% dende o público”.  

 A voceira do comité lembrou que POVISA entra dentro da rede sanitaria pública da área sur de Pontevedra, atende a 137.000 persoas e ten 1.400 traballadores/as, “polo que é obriga da Consellaría de Sanidade e da Xunta impedir esta venda a prezo de ganga”. A este respecto preguntouse que ten cambiado dende o ano 2011, cando a dirección presentou un ERE porque non se renovaba o concerto co SERGAS “e Feijoo saíu facendo unhas declaracións nas que dicía que non estaba de acordo coa venda a Ribera Salud. Que foi o que mudou neste tempo para que agora si lle pareza ben esta compra?”.   

Chamamento a participar na manifestación deste xoves 

 Para o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, a situación é de tal gravidade que esixe unha resposta inmediata por parte da Administración, “que ten que garantir a asistencia sanitaria, porque non temos nesta área un recurso sanitario público alternativo”, algo que, advertiu, deixa a Centene “nunha situación de poder para negociar o que queira”. De aí que fixera un chamamento á cidadanía a tomar consciencia da gravidade da situación e a participar masivamente na manifestación convocada para este xoves, 24 de outubro, con saída ás 20 horas, dende a Praza dos Cabalos. 

 “Non estamos só ante un cambio de accionariado, aquí hai un cambio de modelo coa entrada dunha empresa que ten uns antecedentes de problemas  xerados noutras comunidades. A cidadanía non pode quedar parada, temos que dar resposta e dicirlle á  Consellaría que non pode permitir a venda de POVISA por 24 millóns de euros”, advertiu. Nesta liña, González Moreira destacou que isto supón unha ameaza, “pero tamén unha oportunidade de recuperar a xestión deste centro desde o público e xestionar a área sanitaria sen a rémora que supón POVISA. A Consellaría ten que tomar a decisión política de mercar POVISA, xestionalo dende o público e facer unha remodelación do conxunto da área sanitaria”, concluíu.

PONTEVEDRA / AS NEVES

AXENDA XOVES 24 OUTUBRO 2019  
Carme da Silva- Xerais 10N 


 
10.30h PONTEVEDRA. Entrada do Parque de Bombeiros. A cabeza de lista do BNG para o Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, acompañada dos alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e de Poio, Nito Sobral, comparece para falar dos reiterados incumprimentos para facer a nova infraestrutura do nó de Bombeiros.

12.00h AS NEVES. Casa da Xuventude. A cabeza de lista do BNG para o Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, acompañada do alcalde de As Neves e doutros cargos orgánicos do BNG na comarca do Condado-Paradanta, mantén un encontro para falar do novo proxecto da Liña de Alta Tensión proxectado por Red Eléctrica de España que afecta aos concellos de Arbo e As Neves.

LABORAL

O comité de Vitrasa denuncia na Inspección de Traballo o incumprimento do tempo de descanso durante a xornada 

A empresa tampouco atendeu o requirimento da autoridade laboral polos aseos para os condutores/as

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo polo incumprimento dos tempos de descanso durante a xornada laboral
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

   O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo polo incumprimento dos tempos de descanso durante a xornada laboral, xa que a empresa segue sen respectar as medidas preventivas que figuran na súa propia avaliación de riscos. Ademais, tampouco atende o requirimento feito pola autoridade laboral no que ten que ver coa instalación de aseos para os condutores/as.  

 Na denuncia presentada pola representación do persoal de Vitrasa lémbrase que na avaliación de riscos da empresa establécense como medidas preventivas que ningún traballador/a poderá conducir de maneira ininterrompida máis de catro horas e media sen facer unha pausa. A duración mínima desta pausa deberá ser de 45 minutos, podendo fraccionarse en interrupcións de cando menos 15 minutos cada unha ao longo de cada período de condución.

  Ao mesmo tempo, sinálase que o tempo total de condución non deberá exceder de nove horas diarias, podendo chegar excepcionalmente a 10 horas un máximo de dous días á semana, nin de 90 horas en cada período de cada dúas semanas consecutivas.  

 A representación dos traballadores/as indica que na xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar o pasado 14 de outubro os delegados/as de prevención fixeron constar os incumprimentos reiterados destas dúas medidas preventivas a respecto dos descansos e tempos de condución, “pero a resposta de empresa foi que hai que revisar a avaliación”. Neste senso, dende o comité critican que “curiosamente, as pausas fixadas na avaliación de riscos coinciden coas mínimas obrigatorias establecidas para outros/as condutores/as profesionais”.  

 Por outra banda, tamén puxeron en coñecemento da Inspección de Traballo que a empresa non atendeu o requirimento da autoridade laboral a respecto dos aseos para os condutores/as. “Unicamente se instalou un aseo público, e non nos constan negociacións da empresa co Concello e/ou cafeterías, e moito menos un mínimo de vontade de solucionar este problema”.

LABORAL

PREVISIÓNS DA CIG-VIGO 

Para este xoves 24 de outubro de 2019

 CIG / Vigo

 Estas son as previsións da CIG de Vigo para este xoves 24 de outubro:  

12:00 13:30 horas: concentración diante de Barreras para reclamar unha solución á grave crise que atravesa o estaleiro (que pasaría porque a Xunta tomase o control da empresa) e para esixir que se retome de inmediato a actividade industrial coa volta dos traballadores/as e das compañías auxiliares.  

20:00 horas: manifestación dende a Praza dos Cabalos convocada polo comité de empresa de Povisa e a plataforma SOS Sanidade Pública contra a venda do hospital a unha empresa estadounidense. Pola recuperación do hospital para a sanidade pública, na defensa da calidade asistencial e dos postos de traballo.