A CIG solicita intervir no vindeiro Pleno de Vigo e que se convoque o Consello Económico e Social da cidade para abordar a situación de grave crise industrial
A central nacionalista iniciou unha rolda de contactos co tecido asociativo para sumar apoios de cara á manifestación comarcal do próximo 30 de outubro
Infogauda / Vigo
No marco da campaña iniciada baixo o lema “S.O.S. Vigo: Polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos” e que desembocará nunha grande manifestación comarcal o próximo 30 de outubro, a CIG vén de solicitar formalmente intervir no próximo Pleno do Concello de Vigo para abordar a grave situación que atravesan a industria e os servizos públicos na cidade e comarca de Vigo.
No escrito dirixido ao alcalde da cidade polo secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, alértase da situación límite que atravesa a construción naval diante do inminente feche de Vulcano e as dificultades que enfronta Barreras, e o impacto que ambos os dous estaleiros están a ter no tecido da industria auxiliar. Tamén se denuncia o impacto negativo que as políticas de recorte aplicadas polo Partido Popular nos servizos públicos están a ter para as clases traballadoras e populares, e de maneira significativa no que atinxe á atención sanitaria.
O sindicato nacionalista demanda ademais a convocatoria extraordinaria e urxente do Consello Económico e Social da cidade, tal e como se fixera en 2011 diante das dificultades que atravesaba o naval. Con estas iniciativas a CIG procura implicar tamén ás institucións na procura de solucións que revertan a desertización produtiva que padece a nosa comarca. “Cando está en xogo o futuro industrial de Vigo e a súa comarca as institucións non poden ollar para outro lado. É o momento de tomar medidas e de tomalas xa”, reclama Gonçalves.
A táboa reivindicativa coa que a CIG convoca a manifestación do próximo 30 de outubro, que partirá ás 20h desde Vía Norte, inclúe a demanda dun Plan industrial para a comarca de Vigo, asegurar o futuro do naval tomando o control público de Barreras e Vulcano, a posta en marcha dunha Mesa galega da Automoción, a creación dunha tarifa eléctrica industrial galega ou absorción de Povisa polo Sergas e o rescate da concesión privada do Hospital Álvaro Cunqueiro.
Contactos co tecido asociativo
Co obxectivo de sumar apoios á convocatoria do 30-O, a Unión Comarcal da CIG de Vigo está a desenvolver unha rolda de contactos co tecido asociativo que iniciou cun encontro no que participaron representantes da Favec, do colectivo Os Ninguéns, da RSP e do colectivo Á Marxe.
“A CIG como sindicato maioritario na comarca somos quen impulsa a convocatoria do 30-O, pero queremos que sexa moito máis que unha manifestación da CIG, ten que ser unha grande marcha polo futuro da comarca de Vigo”, explica Gonçalves, que lembra que o sindicato nacionalista propuxo desde o inicio a CCOO e UGT a convocatoria conxunta da mobilización e que ambas as dúas centrais rexeitaron sumarse. “Nós temos claro que o tempo de esperar xa pasou. Temos que pasar á acción”, remachou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario