9 de dec. de 2025

TUI

Presentación do libro “Imaxinando o pasado: Tui 1225” de Pablo Álvarez Yáñez 

 Será este xoves, 11 de decembro, ás 19.30 h no Espazo Sociocultural, dentro da programación conmemorativa do 800 aniversario da consagración da catedral 


Imaxe incluída no libro “Imaxinando o pasado: Tui 1225” de Pablo Álvarez Yáñez
Foto: Cedida


Infogauda / Tui

 Este xoves, 11 de decembro, ás 19.30  h o Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela acollerá a presentación do libro “Imaxinando o pasado: Tui 1225” de Pablo Álvarez Yáñez, unha publicación editada polo Concello de Tui co gallo das celebracións dos 800 anos da consagración da catedral tudense, que conmemoramos o pasado 30 de novembro, e que conta cun amplo programa de actividades ao longo do ano 2026.  

 Esta obra é froito dun amplo estudio dos traballos e investigación realizados ata agora arredor da catedral tudense e que o autor recolle para abordar  unha reconstrución virtual en 3 dimensións da catedral e da propia cidade de Tui no ano 1225, cando foi consagrada a catedral polo bispo Esteban Egea.  

 Como afirma o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, na presentación desta obra: “Imaxinando o pasado: Tui 1225” ofrece a imaxe de Tui no ano 1225, baseándose nun estudo rigoroso do noso patrimonio cultural, da arqueoloxía e das investigacións ata agora realizadas. O resultado deste traballo é unha obra excepcional que entusiasma de inmediato”.  

 Pablo Álvarez, natural de Tui, é o vicepresidente  de Xestión de Produto nunha empresa de tecnoloxía en San Francisco, California, onde reside dende hai máis de 15 anos. Pero xunto a esta faceta profesional é un experto coñecedor da historia tudense. Da combinación de ambos aspectos xorde esta publicación, que ofrece, por vez primeira, unha imaxe inédita e rigorosa de Tui no século XIII. O momento histórico da consagración da nosa catedral de Santa María.  

 As persoas que acudan á presentación serán obsequiados cun exemplar do libro “Imaxinando o pasado: Tui 1225”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario