A Deputación de Pontevedra aproba a concesión de 50.000 € para que 22 concellos adquiran 37 desfibriladores
Os custos da adquisición, a instalación, a posta en funcionamento e o mantemento dos equipos médicos estímanse en 83.886 €
Pazo provincial da Deputación de Pontevedra
Foto: D. PO.
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de subvencións para a adquisición de desfibriladores por parte de entidades locais da provincia cuxa poboación non supere os 20.000 habitantes. Un total de 22 concellos recibirán aproximadamente o 60 % da contía derivada da adquisición, a instalación, a posta en funcionamento e o mantemento de 37 equipos médicos en instalacións municipais.
O custo total entre todos os desfibriladores ascende a 83.886 € (IVE incluído), o que supón un custo unitario de 2.267,19 € por equipo médico. A Deputación de Pontevedra achegará 50.000 euros desta cantidade, mentres que os 33.886 euros restantes deberán provir dos concellos.
Cada un dos concellos beneficiarios recibirá entre un e catro desfibriladores. Así, Caldas de Reis e Meaño recibirán o número máximo de equipos médicos. Pola súa banda, Moaña e Vilanova de Arousa adquirirán 3; Agolada, Cuntis, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Silleda recibirán dous e Campo Lameiro, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Oia, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, O Rosal, Tomiño e Vila de Cruces recibirán a subvención para adquirir un desfibrilador.
Esta iniciativa da institución provincial busca que as instalacións deportivas dos municipios da provincia (neste caso, aqueles con menos de 20.000 habitantes) estean dotadas do material indispensable que permita prever calquera continxencia que poida acontecer, posto que estas son empregadas por un número considerable de persoas que practican deporte e de todos os rangos de idade.
Dentro destas continxencias atópanse as paradas cardiorrespiratorias repentinas. Entre as súas recomendacións para tratar os paros cardíacos, o European Resuscitation Council (ERC) indica que, en moitos casos, as manobras de reanimación cardiopulmonar non son suficientes para salvar unha vida e sinala, polo tanto, a necesidade de empregar un desfibrilador. Na actualidade, 30.000 persoas morren en España cada ano por culpa dunha parada cardiorrespiratoria. Se se emprega un desfibrilador nun período máximo de 10 minutos tras o inicio da parada, as posibilidades de supervivencia poden aumentar ata un 70 %.
Ningún comentario:
Publicar un comentario