10 de dec. de 2025

A GUARDA

O BELÉN ARTICULADO DE GENARO ALONSO XA PODE VISITARSE

 Na Casa dos Alonso, de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas







Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Segundo os relatos bíblicos de Mateo e Lucas,  Xesús naceu en Belén, unha pequena cidade en Xudea, nun alpendre humilde, deitado nun pesebre porque non había lugar na pousada, un evento marcado polo anuncio de anxos a pastores e a visita dos Reis Magos, sendo un acontecemento central da fe cristiá que simboliza a humildade e a chegada do Mesías, cun lugar sacro na actual Basílica da Natividade en Palestina.

 En todo caso, como vén sendo tradición por estas datas, moitas familias montan seus belens, e na vila de A Guarda mesmo hai quen os amosa ao público para contemplación e deleite da cidadanía. Convidámoslles a  que veñan á nosa vila e coñezan, un a un, cada belén.

 Sen menoscabo de ningún dos diferentes beléns que podemos ollar, que todos eles teñen seu encanto, queremos relembrar, que un ano máis, a Casa dos Alonso acolle o belén articulado da autoría de Genaro Alonso Martínez. Nesta edición con máis superficie, esceas e personaxes.
 
 Fiel a súa forma de traballar, Genaro Alonso amósanos un belén cuxos elementos figurativos están realizados con materiais metálicos que logo de cumplir ás funcións para os cales foron fabricados pasaron a ser refugallo. A partires de aí, o artesán deulles unha nova vida útil e mesmo moitas razóns para formar parte dese belén articulado que todos podemos visitar.

 Ademais do portal, onde o Neno Xesús concentra á atención e as agarimosas olladas da Virxe María e de San Xosé, arroupado por unha mula e un boi; o belén amósanos a fermosura da sinxeleza. Alí, naquela contorna, onde a vida transcorre entre o traballo cotiá de mulleres, homes, nenas e nenos, e mesmo animais de tiro, e a interacción coa auga e a terra. Todos están integrados na orografía e todos contribúen a unha existencia harmoniosa.

 Cada un vive do seu traballo. No agro, no mar, no monte,... No obradoiro, na eira, a bordo,...

 Augardenteiros, costureiras, labregos, lavandeiras, padeiros, pescadores, peixeiras, sancristáns, segadores, serranchíns, telleiros, torneiros, zapateiros,... Toda unha diversidade de profesións que desempeñan para poder sobrevivir e ao mesmo tempo, para facilitar á existencia da comunidade veciñal.

 É como unha aldea do noso país, no que ademais de persoas maiores que repousan, tamén están os picariños que enredan no bambán.
 
 Tamén vemos os Reis Magos de Oriente, que cos seus paxes, e guiados por unha estrela moi luminosa, van camiño de Belén. Atrás deixaron o castelo do infanticida Herodes, mentor de actuais e coñecidos xenocidas.

 En todo caso, o que toca agora, para quen así o desexe, e contemplar a beleza que nos amosa o belén articulado de Genaro Alonso Martínez, que é un magnífico exemplo de como o ser humano pode ser feliz con pouco. O Nacemento de Xesús é boa mostra do que decimos.
 
 Que este nadal veña con amor e paz para todo o mundo.

Horarios de visita:

 De 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas

Ningún comentario:

Publicar un comentario