23 de out. de 2019

GOIÁN (TOMIÑO)

A Banda de Música da Agrupación Musical de Goián presenta a composición “Lobo de Río”, de Andrés Álvarez

O concerto será este sábado 26 de outubro, ás 20:00h, no auditorio de Goián, e interpretarase tamén no XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, en Santiago de Compostela  

Lobo de Río, de cadro de Antonio Fernández a composición de Andrés Álvarez 



Infogauda / Goián

 "Lobo de río", creación do compositor goianés Andrés Álvarez, interpretarase o próximo sábado día 26 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Goián. Será no marco do concerto preparatorio da Agrupación Musical de Goián, dirixida por Pedro Villarroel, para o XIII Certame Galego de Bandas de Músicas Populares, que se vai celebrar unha semana máis tarde no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.  

 O pintor Antonio Fernández Gómez (1882-1970) desenvolveu ao longo da súa vida unha interesante obra pictórica que levou a cabo entre as cidades de Santos (Brasil), Antícoli Corrado (Italia) e o seu Goián natal. Foi neste último lugar onde, xa na súa etapa artística final, pinta o retrato do “Tío Cila, Lobo de Río” (década de 1950). Este importante lenzo, predilecto do propio autor, plasma ao tío Cila, veciño de Goián, ao terminar unha xornada de pesca no río Miño. O poema sinfónico Lobo de río describe o punto de vista do compositor e a mensaxe que o lenzo lle transmite.  

 Por segundo ano, a Agrupación Musical de Goián, prepara como obra libre no certame unha composición de Andrés Álvarez que, ademáis, tamén vai participar como trompetista, tanto no concerto deste sábado, como no Certame Galego o 3 de novembro. Nel tamén se vai interpretar a obra obrigada “Memorias da Gallaecia” de David Rivas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario