Loureza ofrecerá unha tarde de teatro e audiovisual
• Este venres, 12 de decembro, a partir das 20.00 horas, nas antigas escolas
Infogauda / Oia
Loureza acollerá este venres, 12 de decembro, unha completa tarde cultural coa representación da peza teatral Libremente nós, creada polo obradoiro de teatro da asociación Mulleres Rurais de Oia, e coa proxección do audiovisual Novas Cantigas Oienses (Se os muíños falaran...), que recolle diversas testemuñas da veciñanza. Ambas as dúas actividades desenvolveranse nos locais das antigas escoliñas de Loureza a partir das 20.00 horas.
A sesión abrirase coa posta en escena de Libremente nós, resultado do obradoiro impartido por Alfredo Rodríguez (A Artística) no marco do programa Provincia Activa da Deputación de Pontevedra. Nel, o alumnado presentará unha reflexión sobre as vidas das mulleres do rural construída a partir de poemas de Lupe Gómez e Celso Emilio Ferreiro.
A partir das 20.30 horas, continuará a programación coa proxección de Novas Cantigas Oienses (Se os muíños falaran...), un proxecto financiado polo Concello de Oia e a Xunta de Galicia e levado a cabo polos profesionais do audiovisual Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez que busca rescatar, preservar e celebrar a memoria colectiva do municipio. A través de entrevistas e relatos compartidos, a peza convida a achegarse ao territorio e á súa xente cunha mirada renovada e chea de sensibilidade. O audiovisual estreouse o mes pasado durante a Semana Cultural de Pedornes, gozando dunha grande e emotiva acollida entre o público. Co novo pase programado para este venres en Loureza, o proxecto comeza unha ronda de proxeccións polas diferentes parroquias do municipio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario