27 de maio de 2019

DEPORTES

ATLETISMO

A ATLETA GUARDESA MARCELA MORGADO, DA SOCIEDADE ATLÉTICA DO TREGA DE TOMIÑO, PROCLAMOUSE SUBCAMPIOA GALEGA CADETE NOS 1000 METROS LISOS AO AIRE LIBRE 



Marcela Morgado - a esquerda da imaxe - no podio coa súa medalla de prata

Informa (fotografías e redacción): Sociedade Atlética de Trega

 O pasado sábado día 25 de maio, nas pistas de atletismo de Balaídos (Vigo) celebrouse paralelamente o LXVII Campionato de Galicia Sub18 e o  XVIII Campionato de Galicia Sub16. 

 Marcela Morgado - terceira pola esq. -, en plena carreira. nas primeiras posicions 



 Marcela Morgado - terceira pola der. - a punto de entrar na liña de meta

 A atleta Marcela Morgado, do club Sociedade Atlética do Trega participou na final de 1.000 metros lisos ao aire libre, onde conseguiu facerse coa medalla de prata. Marcela realizou unha carreira táctica desde o principio,  cun ritmo de carreira lento no seu primeiro parcial, acabando de menos a máis, terminando no 400 a lume de biqueira cun forte cambio de ritmo, facéndose coa segunda posición, parando o crono cunha marca de 3´13" 1. 

 Desta maneira a discípula que a levan e dirixen os adestradores Javier Sierpes e Patricia Pereira, do Atletismo Trega, faríase cunha nova medalla autonómica. 

 Pero as distraccións e alegrías van durar moi pouco para todos, porque no atletismo as relaxacións non existen. Toca seguir traballando duro para disputar o último gran compromiso da tempada, o vindeiro día 6 de xullo, en Xixón no Campionato de España Sub 16 ao aire libre, onde Marcela representará ás cores do Atletismo Trega. 

 O club estudou e apostou esta tempada por facer un gran esforzo económico, desembolsando a cota de licenza nacional cun custo elevado, sendo un club humilde como é, para que casos como este e demais atletas pertencentes a Sociedade Atlética de Trega, puidesen competir a nivel nacional, e non tivesen que cambiar de entidade, facilitándolle a vía. 

 Felicidade Marcela! 

 A seguir traballando duro para seguir cultivando éxitos. Agradecer, como non, ao concello de Tomiño, que sen eles isto non sería viable a día de hoxe, onde o compromiso é vital, por todas as partes.

DEPORTES

PIRAGÜISMO

10 MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NO CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM


O Club Deportivo Miño-Teixugos, acudiu cun equipo de dez deportistas

Informa (fotografía e redacción): Rosa Fernández Carrera

 Este domingo, nas augas do río Coura, na freguesía de Covas (Vila Nova de Cerveira), tivo lugar o Campionato Galego de Slálom. Esta é a competición máis importante da Liga Galega de Slálom.  

 O Club Deportivo Miño-Teixugos, acudiu cun equipo de dez deportistas, moitos dos cales fixeron dobre participación en C1 e K1.  

 En C1 muller cadete Ainhoa Barreiro foi a gañadora da proba seguida pola súa compañeira Alba Soutelo, que foi prata. As dúas participaron tamén na modalidade de K1, onde Ainhoa foi segunda, por detrás de Roxana Bernárdez do Club Tea, e Alba fixo tamén podio, rematando terceira.  

 En K1 infantil Mateo Rivas conseguiu a medalla de prata por detrás de Martín Fernández do Piragüismo Dumbría, e o seu compañeiro Adrián Lluch rozou o podio co seu cuarto lugar.  

 En K1 cadete, Sergio Rodríguez acadou o bronce e, na mesma categoría, Alexis Segadaes foi quinto. Tamén en cadete, pero en C1, Samuel Castro rematou segundo por detrás de Brais Caride do Piragüismo Penedo.

  Na categoría absoluta ou sénior, en C1, Luís Fernández gañou a proba, seguido do tamén teixugo Brais Castro. Na modalidade de K1, Emilio Rodríguez conseguiu a medalla de prata por detrás de Axel Afonso do Club Tea, e Brais Castro, que tamén baixou en kaiak ramatou cuarto.  

 Moi bos resultados para o Club Deportivo Miño-Teixugos, con dous campións galegos, Luís Fernández en C1 sénior e Ainhoa Barreiro en C1 cadete,  seis medallas de prata e dúas de bronce.  

 Na clasificación final por equipos, o gañador do Campionato foi o Club Tea de Mondariz, en segundo lugar quedou o Club Piragüismo Penedo e terceiros o Club Deportivo Miño-Teixugos.

A GUARDA

Sorteo de 5 bolsas de compra para a mocidade no Mercado da Guarda  



Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello de A Guarda, que preside o alcalde en funcions, Antonio Lomba Baz, ven de facer público no día de hoxe, que o mercado da Guarda participa un ano máis na campaña da Xunta de Galicia “Quere o teu mercado” que, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, ten como obxectivo  apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras.  

 “Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. 

 O pasado sábado os praceiros da Guarda repartiron diferentes obsequios desta campaña, unha actividade que engloba dúas accións máis, revitalizando o papel tan importante deste sector.   

 As dúas accións programadas no mercado da Guarda son:  

Familia, que comemos hoxe?  

 Unha charla dirixida principalmente ás familias con nenos e nenas na etapa chamada de primeira infancia coa intención de poñer en valor os beneficios do produto fresco e de proximidade que ofrece a praza á hora de elaborar menús saudables e nutritivos. 


 Esta charla pretende ser moi dinámica e participativa e terá lugar no mercado o día, 15 de xuño de 11 a 13 horas.  

Concurso Clic ao mercado 

 O Concello da Guarda, en colaboración cos comerciantes do Mercado de Abastos Municipal da Guarda, ven de lanzar un Concurso a través da páxina de Facebook do Mercado para o Sorteo de 5 Bolsas de 70€ de compra nos establecementos do mercado.  

 Esta campaña de promoción pretende achegar a xuventude e mocidade guardesa ao Mercado de Abastos Municipal, incentivando as compras neste sector da poboación e promovendo hábitos de alimentación saudable.  

 A Campaña “Clic ao Mercado” está destinada á mocidade con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos, que poderán entrar no concurso de cinco bolsas por valor de 70 euros para mercar en, como mínimo, tres establecementos das distintas seccións do mercado (carnes, peixes, froitas e hortalizas).  

 Para poder participar, as persoas interesadas terán que darlle a me gusta, compartir e comentar na imaxe da campaña a través da páxina de Facebook oficial do Mercado da Guarda en Facebook etiquetando a dous amigos/as entre o 27 de maio e o 27 de xuño. 

 Os resultados do sorteo farase público o 28 de xuño e as bolsas poderán utilizarse ata o 28 de xullo.

A GUARDA

Concertos didácticos do Conservatorio Municipal de Música  

O xoves día 30 de maio a partires das 9:30 horas


Na semana do 3 ó 7 de xuño realizaranse unhas xornadas de portas abertas
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Este xoves día 30 de maio a partires das 9:30 horas, o Conservatorio de Música de A Guarda vai realizar como tódolos anos, os concertos didácticos para os colexios de primaria do noso concello.   

 Estes concertos teñen un fin educativo e serven para mostrar os instrumentos que se imparten no conservatorio e potenciar as ensinanzas musicais. Asistirán a estes concertos alumnado dos colexios de A Sangriña, Rodríguez Sinde, PP. Somascos, Carmelitas e Solanas. Este será un dos distintos actos que organiza o conservatorio durante o presente curso lectivo.  

 O mesmo xoves día 30 de maio ás 20:00 horas, as instalacións do conservatorio acollerán unha audición a cargo dos alumnos de vento madeira.  

 Na semana do 3 ó 7 de xuño realizaranse unhas xornadas de portas abertas ás que poden asistir todos aqueles que estean interesados en probar ou coñecer os diferentes instrumentos que se imparten no conservatorio da Guarda.

TURISMO

DEZ CONCELLOS BENEFICIARÁNSE DE AXUDAS PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAL NAS OFICINAS DE TURISMO DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA      

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que en total, destinaranse 49.785 euros á contratación de persoal nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro  

· Os concellos beneficiados son Poio, Baiona, Sanxenxo, Cangas, Mondariz-Balneario, A Guarda, Nigrán, O Grove, Sanxenxo e Cambados   



 José Manuel Cores Tourís

Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que a Consellería de Cultura e Turismo acaba de facer públicas as axudas para a contratación de persoal para 10 oficinas de información ao visitante da provincia: Poio, Baiona, Sanxenxo, Cangas, Mondariz-Balneario, A Guarda, Nigrán, O Grove, Sanxenxo e Cambados. 

 O delegado territorial destacou que estas axudas destínanse aos concellos declarados Municipios Turísticos, orientadas a colaborar na contratación de persoal nas oficinas de turismo. Deste xeito, dáse cumprimento á Lei 7/2011, de 27 de outubro do Turismo de Galicia, que no seu artigo 29, determina que os municipios turísticos deben ser obxecto de atención preferente nas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Administración da Xunta de Galicia.  

 “O obxectivo é manter a calidade no servizo de información turística que se presta nos municipios coa devandita declaración, e para iso, estimúlase a contratación de persoal de xeito que se potencie a imaxe tanto dos Municipios Turísticos de Galicia como de toda a comunidade no exterior nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro”, explicou José Manuel Cores Tourís.  

 O orzamento destinado a esta orde de axudas para toda Galicia foi de 300.000 euros, cun máximo de 5.200 euros por entidade beneficiaria. Os requisitos do persoal contratado serán estar en posesión do título de Técnico Superior en Información e Comercialización Turística ou Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística; Técnico en Empresas e Actividades Turísticas ou Grao ou Diplomatura en Turismo ou equivalente homologado.   

 Do mesmo xeito, é tamén requisito indispensable que o concello conte coa declaración de Municipio Turístico galego, de refundición en materia do Consello Galego de Turismo, declaración de Municipio Turístico galego e declaración de Festas de Interese Turístico.    

 Tal e como recordou o delegado territorial, os concellos declarados Municipios Turísticos son aqueles nos que, pola unha afluencia periódica ou estacional, a poboación anual de poboación turística é superior ao 25% do número de veciños. “Tamén aqueles que contan cun número de aloxamentos turísticos e de segundas residencias superior ao 50% do número de vivendas de residencia primaria”. Ademais, deben acreditar que contan dentro do seu territorio con algún servizo turístico susceptible de producir unha atracción turística de visitantes cinco veces superior a súa poboación e contar con servizos municipais como saneamento, recollida de residuos, protección civil e ordenación urbanística, entre outros.                                        

 A Xunta de Galicia, segundo apuntou Cores Tourís, aposta pola colaboración cos concellos de cara impulsar o turismo, colaborando na contratación de persoal nos meses de maior demanda turística, un apoio que parte do actual Goberno autonómico xa que naceu en 2013. 

A GUARDA

O Concello oferta unha praza de informador turístico   


 O Concello da Guarda selecciona unha praza de persoal para a realización de tarefas de información na oficina de turismo ó abeiro das bases  reguladoras das subvencións a Concellos declarados municipios turísticos e xeodestinos de Galicia,con cargo á subvención da Axencia Turismo de Galicia.  

 Característica do posto: Contrato laboral de duración determinada, 3 meses a xornada completa de luns a domingo.   

 Titulación esixida: Técnico superior de información e comercialización turística ou técnico superior en guía, información e asistencia turística; técnico en empresas e actividades turísticas; ou grao ou diplomado/a en turismo ou equivalente homologado ou ben contar coa habilitación de guías se turismo, ou certificado de profesionalidade de Promoción Turística Local e Información ao Visitante ( HOTI0108).  

 As bases completas da convocatoria están a disposición dos interesados no rexistro do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres, e na sede electrónica do concello (https://aguarda.sedelectronica.gal/info) dende a publicación do presente anuncio ata o 31 de maio de 2019, data na que remata o prazo para a presentación de instancias.

A PASAXE (CAMPOSANCOS) A GUARDA

Horario semanal do transbordador A Guarda – Caminha  

Do martes 28 ao domingo 2 de xuño de 2019  


Os peregrinos que fan a ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa tamén adoitan cruzar o río Miño no transbordador "Santa Rita de Cássia" 
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Pasaxe (Camposancos) 

 A Oficina Municipal de Turismo do Concello de A Guarda ven de facer público que esta semana as saídas do transbordador veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios confirmados ata o domingo 2 de xuño coas saídas confirmadas e aquelas que sofren algunha variación están marcadas. 

 Para máis información, recoméndase chamar ao despacho de billetes (Teléfono: 986 61 15 26) no horario de atención ao público, de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

SEMANA DO MARTES 28 AO DOMINGO 02 DE XUÑO DE 2019:

SAÍDAS DENDE A GUARDA – CAMINHA                                       (Horario peninsular de ESPAÑA)
MARTES 28
10:30
11:30
12:30
13:30
15:30
(non)
(non)
(non)
(non)
(non)
MÉRCORES 29
10:45
11:30
12:30
13:30
15:30
16:15
(non)
(non)
(non)
(non)
XOVES 30
(non)
11:45
12:30
13:30
15:30
16:30
17:15
(non)
(non)
(non)
VENRES 31
(non)
(non)
12:30
13:30
15:30
16:30
17:30
18:10
(non)
(non)
SÁBADO  01

(non)
12:45
13:30
15:30
16:30
17:30
18:30
(non)
(non)
DOMINGO  02

(non)
(non)
13:30
15:30
16:30
17:30
18:30
19:15
(non)

SAÍDAS DENDE CAMINHA  - A GUARDA                                      (Horario peninsular de ESPAÑA)
MARTES 28
10:00
11:00
12:00
13:00
15:00
(non)
(non)
(non)
(non)
(non)
MÉRCORES 29
10:30
11:00
12:00
13:00
15:00
16:00
(non)
(non)
(non)
(non)
XOVES 30
(non)
10:30
12:00
13:00
15:00
16:00
17:00
(non)
(non)
(non)
VENRES 31
(non)
(non)
12:00
13:00
15:00
16:00
17:00
18:00
(non)
(non)
SÁBADO 01

(non)
12:30
13:00
15:00
16:00
17:00
18:00
(non)
(non)
DOMINGO 02

(non)
(non)
13:15
15:00
16:00
17:00
18:00
19:00
(non)

Observacións:                                                                                                
A falta de visibilidade coa néboa pode provocar algunha cancelación cando o transbordador teña que navegar fora do canal.

- Debido á marea baixa variase o horario de saída e así non se cancela o servizo.