27 de maio de 2019

A GUARDA

Sorteo de 5 bolsas de compra para a mocidade no Mercado da Guarda  



Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello de A Guarda, que preside o alcalde en funcions, Antonio Lomba Baz, ven de facer público no día de hoxe, que o mercado da Guarda participa un ano máis na campaña da Xunta de Galicia “Quere o teu mercado” que, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, ten como obxectivo  apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras.  

 “Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. 

 O pasado sábado os praceiros da Guarda repartiron diferentes obsequios desta campaña, unha actividade que engloba dúas accións máis, revitalizando o papel tan importante deste sector.   

 As dúas accións programadas no mercado da Guarda son:  

Familia, que comemos hoxe?  

 Unha charla dirixida principalmente ás familias con nenos e nenas na etapa chamada de primeira infancia coa intención de poñer en valor os beneficios do produto fresco e de proximidade que ofrece a praza á hora de elaborar menús saudables e nutritivos. 


 Esta charla pretende ser moi dinámica e participativa e terá lugar no mercado o día, 15 de xuño de 11 a 13 horas.  

Concurso Clic ao mercado 

 O Concello da Guarda, en colaboración cos comerciantes do Mercado de Abastos Municipal da Guarda, ven de lanzar un Concurso a través da páxina de Facebook do Mercado para o Sorteo de 5 Bolsas de 70€ de compra nos establecementos do mercado.  

 Esta campaña de promoción pretende achegar a xuventude e mocidade guardesa ao Mercado de Abastos Municipal, incentivando as compras neste sector da poboación e promovendo hábitos de alimentación saudable.  

 A Campaña “Clic ao Mercado” está destinada á mocidade con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos, que poderán entrar no concurso de cinco bolsas por valor de 70 euros para mercar en, como mínimo, tres establecementos das distintas seccións do mercado (carnes, peixes, froitas e hortalizas).  

 Para poder participar, as persoas interesadas terán que darlle a me gusta, compartir e comentar na imaxe da campaña a través da páxina de Facebook oficial do Mercado da Guarda en Facebook etiquetando a dous amigos/as entre o 27 de maio e o 27 de xuño. 

 Os resultados do sorteo farase público o 28 de xuño e as bolsas poderán utilizarse ata o 28 de xullo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario