26 de dec. de 2019

GALICIA

A Xunta de Galicia avanza na cohesión territorial de Galicia coa licitación da I Fase da conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria e das obras da VAC Tui-A Guarda entre a A-55 e o enlace de Areas

Feijóo precisa que para a 1ª fase da conversión en autovía no corredor Nadela-Sarria investiranse 24,6 M€; e na obra do inicio da VAC Tui-A Guarda e o seu enlace coa A-55 e o Polígono de Areas investiranse 21,2 M€ 

Destaca que as obras permitirán que o tramo entre a Pobra de San Xiao e Sarria centro se transite de forma máis rápida e segura  

Con respecto á VAC Tui-A Guarda, afirma que mellorará a conexión das empresas deste polígono tanto coa Guarda como con Vigo e Portugal a través da A-55 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de prensa posterior ao Consello de hoxe
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un novo avance na cohesión territorial de Galicia coa licitación da primeira fase da conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria e das obras da vía de alta capacidade Tui-A Guarda entre a A-55 e o enlace de Areas.  

 No tocante á conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria, Feijóo precisou que esta primeira fase, que afecta ao tramo entre Pobra de San Xiao e Sarria centro, nos concellos de Sarria e do Páramo, contará cun investimento de máis de 24,6 millóns de euros, coa previsión de que se poida iniciar a execución das obras a mediados de 2020. E implicará a construción dunha nova calzada en sentido Pobra de San Xiao-Sarria, pasándose dunha calzada de dous carrís a dúas calzadas de dous carrís por sentido, mantendo o trazado existente.  

 Logo de destacar que a obra permitirá facer o percorrido máis seguro e máis rápido, xa que conta cunha velocidade de proxecto de 120 quilómetros por hora, o titular da Xunta afirmou tamén que o proxecto inclúe a adaptación dos enlaces da Pobra de San Xiao, Sarria norte e o enlace de Sarria centro, ademais de prever a adaptación dos pasos inferiores.  

 Así mesmo, e paralelamente ao inicio da primeira fase, avanzarase na redacción do proxecto da segunda fase entre Láncara e Nadela.  

 Cómpre salientar que a vía de altas prestación Lugo – Sarria – Monforte, cuxo último treito se puxo en servizo en novembro de 2015, permitiu completar a conexión da cidade de Lugo co sur da provincia. Con ela, Lugo e a capital de Lemos quedaron conectadas nuns 45 minutos, grazas a un investimento de 135 millóns de euros dende o ano 2009. 

VAC Tui-A Guarda  

 Por outra banda, o presidente da Xunta asegurou que a licitación da obra do inicio da VAC Tui-A Guarda e o seu enlace coa A-55 e o Polígono de Areas, por un importe de 21,2 millóns de euros, permitirá mellorar a conexión das empresas deste polígono tanto coa Guarda como con Vigo e Portugal a través da A-55, dando plena funcionalidade ao conxunto desta infraestrutura.  

 Máis polo miúdo, precisou que estas complexas obras terán por obxecto a construción dun treito de nova autovía autonómica, que se desenvolverá integramente no termo municipal de Tui, iniciándose coa conexión coa A-55, mediante unha glorieta elevada sobre esa autovía, que servirá de canalizador dos tráficos que se xeren neste enlace.  

 Así mesmo, desde a glorieta partirá unha recta que se disporá totalmente en viaduto sobre a A-55 que enlaza cunha rampla e finaliza no semienlace de conexión co polígono de Areas; e incluirase un ramal de conexión desde a A-55 ata a N-551, onde se deseña unha glorieta a nivel.  

 “En total, executaranse dous enlaces, cinco pasos superiores e dous pasos inferiores”, explicou, engadindo que a Axencia Galega de Infraestruturas está a traballar nos proxectos dos treitos restantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario