13 de nov. de 2019

A GUARDA

O Museo do Mar xa forma parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos
 
O Museo do Mar está ubicado no interior da réplica da Atalaia

Infogauda / A Guarda
 
 O Museo do Mar de A Guarda, que xunto co Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT) e o Centro de Interpretación da Fortaleza de Santa Cruz, forma parte da Rede Municipal de Museos do Concello de A Guarda, é un dos once novos centros que integran a Rede de Espazos de Contido Museístico Atlántico (REMA). 
 A Rede REMA é un dos eixos vertebradores do proxecto colaborativo "Morada Atlántica", deseñado polos  Grupos  de  Acción  Local  do  Sector  Pesqueiro (GALP) – 3  (Costa  da  Morte )  e  4  (Seo de  Fisterra  e  Ria  de  Muros  e  Noia), en  colaboración  con  el  Grupo  de  Ação  Costeira da  Região  de Aveiro (Portugal). O proxecto "Morada Atlántica" foi aprobado pola Consellería do Mar, e está financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). 

 Para o Concello de A Guarda, "(...) que o Museo do Mar forme parte desta rede xunto con 25 espazos galegos máis, un museo asturiano e un museo portugués, constitúe un novo pulo de atracción turística para o municipio, centrado neste caso na posta en valor do noso rico patrimonio marítimo e atlántico. 

 O pasado mariñeiro de A Guarda, baseado na pesca de baixura tradicional, xerou un interesante patrimonio tanto material como inmaterial (...)". 

MUSEO DO MAR DE A GUARDA

 O Museo do Mar está ubicado no interior da réplica da Atalaia. Esta edificación - de planta circular, duns 20 metros de diámetro e 8 de altura -, construída en 1997 e situada preto do contradique de Punta Xenete, evoca unha antiga fortaleza defensiva - que constaba dunha cámara abovedada e un polvorín, circundada por unha galería tamén abovedada -, e que estaba situada no litoral, a carón do Balueiro. Fora construida en 1665 polo exército portugués, cando A Guarda logo de ser conquistada polas tropas do xeneral Conde Prado de Cela, estaba baixo o dominio luso. 

 A referida construcción, que ademáis de estar representada no blasón heráldico do Concello de A Guarda - que a día de hoxe segundo informa a Deputación de Pontevedra figura como "Non adaptado ó Decreto 258/1992, do 10 de setembro, e ó Decreto 369/1998 polo que se regulan o procedemento e normas heráldicas para a aprobación, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais e a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia", estando - de acordo co que informa a Deputación de Pontevedra - o "expedente de aprobación en trámite na Comisión de Heráldica" -; figura tamén en dúas cartas náuticas de 1779 e 1810, respectivamente, e nun gravado publicado en 1880 pola revista La Ilustración Gallega y Asturiana, editada en Madrid; foi inxustificada e impunemente derrubada en 1943, cando foi construído o dique do Balueiro.
 O Museo do Mar conta con dúas coleccións: unha etnográfica cunha mostra das antigas artes de pesca e os seus aparellos - que ao longo de varios anos foi recollendo a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM) -, así como unha pequena gamela e un dos primeiros motores foraborda que chegaron ao porto de A Guarda; e outra malacolóxica, cunha selección de cunchas de mar procedentes de todo o mundo, que pertenceu ao malacólogo Ignacio Navarro, e que o Concello de A Guarda, mercou no seu día aos seus herdeiros. 

 Unha parte do patrimonio inmaterial está recollido en vídeos - “Xentes do mar”, “Lendas de mar”, “Mulleres do mar” e “Tesouros vivos” - editados todos eles polo Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario