24 de ago. de 2019

PATRIMONIO

MARÍA ORTEGA ANUNCIA QUE A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ESTUDIA ABRIR UNHA LIÑA DE AXUDAS QUE POÑAN EN VALOR O PATRIMONIO MARÍTIMO FLUVIAL NA PROVINCIA  

A deputada de Patrimonio visitou hoxe as instalacións museísticas das Salgadeiras de Moreiras no Concello de O Grove

A deputada provincial de Patrimonio, María Ortega reuniuse hoxe con membros da Asociación de Amigos das Salgadeiras
Foto: D. PO.

Infogauda / O Grove 

 A deputada provincial de Patrimonio, María Ortega anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra está a estudar a posibilidade de abrir unha liña de axudas a asociacións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial na provincia. A nacionalista fixo este anuncio nunha visita ás instalacións museísticas das Salgadeiras de Moreiras, propiedade do Concello do Grove e xestionadas pola Asociación de Amigos das Salgadeiras.   

 Ortega reuniuse co presidente do colectivo meco, Miguel Ángel Pérez, a quen indicou que se está a estudar a viabilidade orzamentaria da iniciativa –aínda non cuantificada-, á que poderían acceder por concorrencia competitiva as asociacións provinciais que dalgún xeito desenvolvan actividades ou proxectos relacionados co mar e os ríos e os traballos que neles se desenvolven de forma tradicional. “Ese patrimonio, como país mariñeiro e vencellado á auga que somos, forma parte da nosa cultura e da nosa identidade”, dixo.  

 A deputada nacionalista sinalou que o proxecto da liña de subvencións podería ser unha realidade no vindeiro exercicio, cando os colectivos deberían presentar os seus proxectos para ser valorados tecnicamente e recibir a axuda económica en función da puntuación obtida. O plan de achegas, de feito, sería complementario a outras axudas para a conservación do Patrimonio que poidan recibir os concellos -tanto dende a institución provincial como doutras administracións- e estaría destinado a poñer en marcha diferentes iniciativas, estudos e programas de actividades.  



 Ortega fixo o anuncio da liña de axudas no marco dunha visita ao Museo das Salgadeiras de Moreiras en O Grove, unha instalación etnográfica e cultural que ven funcionando dende o 2007 logo de reconstruír dous almacéns salazoeiros dos primeiros anos do 1800, un dos que acolle unha sala museística e outro aberto coas instalacións rehabilitadas tal como eran hai máis de 200 anos.  

 O presidente do colectivo, Miguel Ángel Pérez, que se amosou interesado nas futuras subvencións provinciais explicou á deputada que a Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moreiras colabora xunto ao Concello de O Grove e á comunidade de montes de San Vicente no desenvolvemento, crecemento e posta en valor das instalación a través da celebración de diferentes actividades ao longo do ano, así como no estudo e impacto da industria salgadeira na zona e na ría de Arousa.   

 Pérez indicou que na actualidade o colectivo está a realizar un traballo de catalogación das 26 bases salazoeiras que houbo no Grove e que supuxeron no seu momento unha pequena “revolución industrial”, estando activas de vez no momento de maior auxe 18 delas, dando cada unha traballo a medio cento de mulleres, uns sete ou oito homes e tamén a nenos, ademais da xente embarcada no mar nunha poboación que por aquel entón era de 1.200 persoas en todo o Concello do Grove.

Ningún comentario:

Publicar un comentario