28 de out. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés recibe ao Aula buscando iniciar unha nova semana fantástica 

O Mecalia continúa co seu frenético calendario este mércores, ás 21.00 horas, na Sangriña, para disputar contra o Aula Valladolid o primeiro dos dous encontros previstos para esta semana. O domingo, espéralle o derbi no Porriño 

O equipo baixomiñoto segue a contar con todo o seu cadro de persoal a excepción de Nerea Gil, que será operada mañá 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés busca unha nova semana fantástica. Tras iniciar esta frenética etapa do calendario con dúas vitorias de alto nivel, o equipo baixomiñoto recibe este mércores ao Caja Rural Aula Valladolid na Sangriña (21.00 horas), un coñecido rival que chega en horas baixas. Será o primeiro duelo dunha semana que se coroará co Derbi As Nosas no Porriño o domingo, e no que de novo estarán dispoñibles tódalas xogadoras agás Nerea Gil, á espera de ser operada. 

 O Guardés chega coa ilusión que lle permiten ter os seus últimos resultados. O equipo vén de celebrar unha última semana perfecta, que comezou o mércores na casa cunha vitoria de confianza ante o Replasa Beti-Onak (29-21) e seguiu o sábado en Málaga, onde logrou gañar o pulso a un anfitrión aínda invicto ata aquel momento (23-24). Unha xogada executada a falta de nove segundos para o asubío final deu ao Mecalia un triunfo importantísimo, que o afianza nas primeiras posicións da táboa téndose enfrontado xa aos seus dous principais rivais alí, o mesmo conxunto andaluz e o Bera Bera. Este mércores, as de Ana Seabra buscarán seguir impoñendo o seu bo facer e continuar sumando puntos vitais para unha Liga na que nada estará decidido ata os seus derradeiros compases. 

 En canto á situación no cadro de persoal, as cousas mantéñense estables. A central Nerea Gil segue a causar baixa e será operada mañá da súa rotura de menisco no xeonllo esquerdo, intervención a partir da cal se coñecerá a seriedade da súa lesión e o tempo de recuperación que precisará. Pola súa parte, malia as molestias xeradas por unha inflamación no tendón calcáneo, María Palomo puido xogar o pasado sábado (partido no que ademais anotou dous goles), e tampouco quedará no banco este mércores. 

 Coa confianza nun traballo que está comezando a dar os seus froitos por bandeira, o Mecalia recibirá a un coñecido rival que, polo que ao inicio de curso se refire, chega en horas baixas. O Caja Rural Aula Valladolid atópase na parte inferior da táboa, en duodécima posición con tan só catro puntos obtidos dunha única vitoria e dous empates. Trala saída de oito xogadoras o último curso, entre as que se atopan nomes tan importantes como Alicia Robles, Jimena Laguna, María O’Mullony e a agora guardesa Lorena Téllez, o club pucelano acumula un percorrido máis ben inestable, no que conxuga un empate traballado na casa do Costa del Sol Málaga (26-26) cunha folgada derrota como anfitrión ante o Beti (20-33), entre outros resultados dispares. 

 Aínda que as de Salva Puig reforzáronse con novos activos coma a gardameta Marisol Carratú, Naroa Baquedano, Kadiatou Jallow ou María Guerra, o Valladolid aínda segue a buscar o ritmo que lle permita encadear unha serie de puntos importante para escalar na clasificación e ir recobrando a confianza. Este mércores, non cabe dúbida de que tratarán de comezar esa escalada na Guarda, nunha pista na que calquera rival da categoría soña con gañar e que sería perfecta para resarcirse do seu último encontro, unha derrota na casa motivada por erros precipitados (21-28 ante Rocasa Gran Canaria). 

 Pola súa parte, o Guardés continuará a semana cun televisado Derbi As Nosas o domingo ás 13.00 horas no Porriño, que nesta ocasión enfrontará ás galegas en grandes momentos para ambos equipos.  

Ana Seabra: “Temos clara a importancia do partido e como queremos afrontalo. Non podemos relaxarnos” 

 Para a adestradora do Guardés, Ana Seabra, o Aula Valladolid non é un rival sinxelo. O pucelano “é un equipo que nunca deixa de loitar”, o que fai á técnica indicar que “temos clara a importancia do partido e como queremos afrontalo, sabendo perfectamente que non podemos relaxarnos”. En canto ao seu percorrido esta tempada, Seabra considera que a súa nova configuración manteno coma “un equipo de calidade, cunha mestura de experiencia e mocidade” grazas á que “protagonizou boas actuacións”

 Por iso, como é habitual, a preparadora do equipo miñoto evita darlle importancia á súa posición na táboa. “Os puntos gáñanse partido a partido, non con actuacións pasadas”, sentencia, cunha filosofía marca da casa que define que “para nós, o vindeiro partido é sempre o máis importante.” “O mércores queremos estar concentradas e facer o noso traballo”, conclúe Ana Seabra, destacando o feito máis relevante e sen o que nada funcionará.  

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 8 

Mecalia Atlético Guardés – Caja Rural Aula Valladolid 

Mércores, 29 de outubro | 21.00 horas | Pavillón da Sangriña  

Retransmisión pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés: https://www.youtube.com/watch?v=7tMyrMHXCqo 

Ningún comentario:

Publicar un comentario