A Comunidade de Montes de A Guarda logra que o Ministerio medie coa compañía Telefónica
• Para iniciar a reparación dos postes no Monte Santa Trega
Noé Ferreira Rodríguez / A Guarda
Tras case un ano de xestións, escritos e denuncias ante diferentes administracións, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda conseguiu que o Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, mediase coa compañía Telefónica de España, S.A.U. para dar resposta á situación de abandono das súas instalacións no Monte Santa Trega, un espazo declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
Grazas a esta mediación, a empresa procedeu á reparación de dous dos cinco postes que levaban anos caídos no monte, cun cableado en mal estado e risco para as persoas.
A Comunidade de Montes considera esta actuación un primeiro avance positivo, aínda que insuficiente, e anuncia que continuará traballando ata conseguir a reparación integral de toda a infraestrutura de telecomunicacións.
As infraestructuras de telecomunicacións permanecían en mal estado desde hai cinco anos e xa foran denunciadas ante o Concello de A Guarda no 2020. Coa chegada da nova Xunta Reitora, a Comunidade de Montes intensificou as súas actuacións en xaneiro de 2025, denunciando o abandono das instalacións ante diferentes organismos públicos, entre eles a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais do Goberno de España, o SEPRONA da Garda Civil, o Padroado Municipal do Monte Trega e a propia empresa Telefónica de España, S.A.U. Ademais, a Comunidade de Montes fixo pública a situación nos principais medios de comunicación, con aparicións na TVG, Cadena SER e varios xornais locais e autonómicos, denunciando o abandono das infraestruturas nun espazo protexido de gran valor histórico e cultural.
A falta de resposta efectiva levou á Comunidade a acudir finalmente á Valedora do Pobo, cuxa intervención resultou determinante para activar a mediación do Ministerio e conseguir o inicio das reparacións.

Ningún comentario:
Publicar un comentario