1 de nov. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés busca coroar a semana levando o Derbi do Porriño 

O Mecalia pecha a semana este domingo, 2 de novembro, en Porriño para disputar o primeiro Derbi As Nosas da tempada (13.00 horas, en directo en Teledeporte)  

Mantense Nerea Gil como única baixa do cadro de persoal, se ben a xuvenil María Español reforzará a convocatoria 




Redacción Deportes / A Guarda
 
 O Mecalia Atlético Guardés busca seguir en liña ascendente. As de Ana Seabra teñen este domingo ás 13.00 horas a oportunidade de coroar unha semana máis na ocasión tan especial que supón un Derbi As Nosas na pista do Porriño, eterno rival compatriota. De novo, a única baixa é a de Nerea Gil, operada con éxito o pasado mércores, se ben reforzouse a convocatoria coa chamada da xogadora da base María Español. 

 O Guardés chega cos azos inmellorables, pois non é para menos. Este derbi sitúase no ecuador dun calendario ocupado para o equipo baixomiñoto, que prevé oito partidos en catro semanas, e do cal conseguiron superar tódalas expectativas para os tres primeiros. Tras vencer ao Beti-Onak (29-21) e ao Málaga (23-24) con dous grandes golpes de efecto, as da Sangriña viviron esta semana un novo e importante triunfo na casa, esta vez ante o Aula Valladolid. A concentración e a capacidade de controlar cada situación, así como a sincronización dun perfecto ataque coral, foron vitais para dominar durante os 60 minutos ás pucelanas e arrebatarlles ao final once goles de diferenza (32-21), un marcador que ademais permite ás de Ana Seabra seguir traballando cara ao liderado.

 O Mecalia segue segundo, agora apenas a cinco goles do Bera Bera, e este domingo espera continuar na súa liña ascendente para non decaer no seu camiño cara á gloria.

 O principal obstáculo que se buscou minimizar para iso ten que ver co número de efectivos. A única baixa continúa a ser Nerea Gil, quen foi operada o pasado mércores da súa rotura de menisco no xeonllo esquerdo. A intervención desenvolveuse de xeito exitoso e revelou un prognóstico mellor ca o esperado, pois non foi preciso retirar o menisco como se valorara inicialmente. Espérase, polo tanto, que a recuperación tamén poida ser máis rápida do previsto, roldando entre un ou dous meses. Para cubrir a súa ausencia este partido, Ana Seabra convocou á tamén primeira liña María González Español, sénior da base guardesa quen xa participara en varios encontros da elite a pasada tempada. 

 Polo demais, esta é a única vantaxe coa que, a priori, contará o Guardés fronte a un Porriño moi tocado polas baixas. O equipo louriñés vén de caer no seu duelo insular ante o Rocasa Gran Canaria (25-20), influído por certas ausencias importantes. A este último encontro non viaxaron ben por lesións ben por indisposicións puntuais Aitana Santomé, Aroa Fernández, Juliana Santos, Caro Bono nin a porteira Ana Belén Palomino, deixando ao cadro galego moi minguado en número de efectivos. 

 É tamén por este motivo polo que o Porriño acumula un historial tan dispar neste comezo de tempada. Con cinco vitorias e tres caídas, as de Isma Martínez conxugaron nas primeiras xornadas sortes tan distintas coma unha derrota folgada ante o Bera Bera (35-20) e unha vitoria que dobraba o marcador do Cicar Lanzarote (31-14), así como outros triunfos máis pelexados ante Elda ou Elche. Non atopan un patrón aínda as porriñesas, sen a oportunidade de poñer a andar en conxunto a un cadro de persoal que sufriu moitos cambios no período entre tempadas. O pasado mércores baixaron ata a sexta posición clasificatoria, e esperan retomar o camiño da seguridade facéndose fortes na casa ante o Guardés este domingo. 

 Unha intención que conta con precedentes, pois este Derbi As Nosas xa viviu un ensaio durante a pretempada coa Supercopa de Galicia. Aquel título levárono as louriñesas, logrando darlle a volta ao que ao principio apuntaba a un encontro cómodo para o Mecalia (27-23), se ben chegou nun momento de axuste inicial e toma de sensacións previos á tempada para dous planteis renovados durante o verán. Este domingo, o equipo miñoto buscará facer valer os quilómetros rodados e tirar de oficio para seguir completando un calendario impecable, con apoio adicional da súa afección desprazada. 

Ana Seabra: “Esperamos un partido igualado, con ritmo alto e ilusión ata o derradeiro minuto” 
 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, afronta este encontro, sobre todo, con moita ilusión. “Máis que un partido de Liga, é o noso Derbi entre dous equipos que respiran a paixón que caracteriza ao balonmán galego”, afirma, destacando o especial da ocasión, e engadindo que chega nun grande momento, pois trátase ademais de “dous equipos que estiveron ao máximo do seu rendemento e amosan a súa mellor versión”. 
 
 En canto aos retos que comportará, a técnica indica que “temos moi claro o que queremos mellorar, pero tamén sabemos que imos atoparnos cun equipo moi motivado por xogar na súa casa”. Segundo Seabra, todo apunta a un derbi moi disputado, e deses que fan gozar á afección a cada acción. “Esperamos un partido igualado, con ritmo alto e ilusión ata o derradeiro minuto”, conclúe a preparadora guardesa, en definitiva, un derbi “no que cada detalle, dende a eficacia ata a concentración defensiva, pode ser decisivo para definir o gañador

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 9 

Conservas Orbe Zendal BM Porriño – Mecalia Atlético Guardés 

Domingo, 2 de novembro | 13.00 horas | Pavillón municipal do Porriño 

Retransmitido en directo por televisión  a través de Teledeporte: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario