31 de out. de 2025

O ROSAL

O Rosal sementa igualdade e diversión no seu Campamento de Nadal   

•  O Concello pon en marcha un ano máis este espazo de conciliación e diversión para a rapazada do 22 de decembro ao 7 de xaneiro  

•  As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude dende o 3 ao 14 de novembro  




Infogauda / O Rosal 

 O Nadal chega ao Rosal cunha mestura de ilusión, aprendizaxe e conciliación. O Concello abrirá o vindeiro luns, 3 de novembro, o prazo de inscrición para participar no campamento municipal de Nadal ‘Sementeira de Igualdade’, un espazo pensado para que a rapazada de 3 a 12 anos desfrute das vacacións escolares mentres as familias contan cun apoio fundamental para conciliar a vida laboral e familiar. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou que “dende o Concello sabemos o importante que é ofrecer a rosaleiras e rosaleiros alternativas que lles permitan conciliar ao tempo que nenos e nenas desfrutan dunha experiencia educativa pero tamén lúdica coa que dinamizar o seu tempo libre durante estes días non lectivos”. 

 Encadrado no Programa Corresponsables da Xunta de Galicia, o campamento de Nadal desenvolverase nas instalacións do CPI Manuel Suárez Marquier os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro, e os días 2, 5 e 7 de xaneiro, en horario de 08.45 a 14.15 horas. A iniciativa está orientada a nenos e nenas nacidos entre os anos 2014 e 2022 ambos incluídos, tanto empadroados e empadroadas no Rosal como non empadroados pero que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio. O prazo de inscrición rematará o venres 14 de novembro ás 14.00 horas. 

 A actividade terá un custo de 20 euros por participante e ofrecerá un total de 20 prazas, reservándose dúas para nenos e nenas que precisen dun apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía. 

 As solicitudes deberán presentarse de forma presencial por Rexistro de Entrada no Concello do Rosal, por Sede Electrónica ou a través da oficina de correos en sobre aberto, enviando un correo a campamentos@orosal.gal para acreditar o envío. Xunto á solicitude haberá que presentar a autorización de recollida do ou da menor; un cuestionario de saúde e autonomía persoal; fotocopia do DNI do pai, nai, titor ou titora e do libro de familia; a fotocopia da tarxeta sanitaria do neno ou nena e unha vida laboral actualizada dos proxenitores, así como o certificado de recoñecemento de discapacidade da ou do participante en caso de telo ou certificado de monoparentalidade ou título de familia numerosa en caso de darse algunha destas dúas circunstancias. 

 O Concello elaborará unha listaxe provisional de persoas admitidas e outra de reserva en función da puntuación obtida que se publicarán na sede electrónica do Concello e nos taboleiros de anuncios. As prazas dos nenos e nenas beneficiadas serán comunicadas ás familias mediante chamada telefónica en horario de 08.00 a 15.00 h entre os días 17 e 19 de novembro e deberá efectuarse o pago do campamento do 20 de novembro ao 5 de decembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario