23 de ago. de 2019

AS NEVES

As campañas da Deputación de Pontevedra para o control da acacia e o impulso ao cultivo dos froitos do bosque pasaron polo Concello das Neves  

A iniciativa, en colaboración coa Federación Galega de Medio Ambiente e a Asociación Sectorial Forestal Galega, ten Nigrán e Cuntis como próximos destinos

Este programa está dirixido ás persoas emprendedoras do sector agroforestal e tamén á poboación en xeral, tanto á que reside no medio urbano como á do medio rural 
Foto: D. PO.

Infogauda / As Neves

 As campañas que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), para o control da mimosa (acacia dealbata L.) e a promoción do cultivo dos froitos do bosque estiveron esta mañá no Concello das Neves.  

 As iniciativas para frear a acacia invasora e impulsar o cultivo de froitos do bosque comezaron este mes de agosto coa recente instalación de postos informativos en Vilagarcía de Arousa e na Estrada. Tras pasar polas Neves, os próximos puntos previstos no itinerario son os concellos de Nigrán e Cuntis.  

 Ao abeiro destes dous programas móntanse postos itinerantes dotados de paneis explicativos. O persoal dos postos informativos reparte dípticos e información relevante e ofrécelles unha atención especializada a todas as persoas interesadas. O programa inclúe, ademais, dúas xornadas técnicas impartidas por profesionais do sector. 

 A Deputación de Pontevedra dedica 37.000 euros ao convenio con FEGAMA para a sensibilización contra a acacia. O obxectivo non é só informar a poboación sobre os efectos das especies exóticas invasoras na biodiversidade, servizos, ecosistemas, infraestruturas e a saúde humana, senón tamén espertar o interese das persoas propietarias forestais particulares e das comunidades de montes en man común para previr e controlar da expansión desta especie.  

 A acacia dealbata L., tamén coñecida como mimosa, acacia, ou acacia francesa, é unha ameaza para os ecosistemas, os hábitats e as especies, especialmente na provincia de Pontevedra. A árbore transforma o hábitat con gran rapidez e impide a rexeneración da vexetación natural destruída, especialmente despois dos incendios forestais.  

 No que atinxe ao convenio con ASEFOGA, trátase de impulsar o cultivo sustentable dos froitos do bosque en terras abandonadas. Neste caso, a Deputación destina 36.000 euros a promover o cultivo sustentable, mellorar o coñecemento dos froitos do bosque (amoras, arandos ou framboesas) e facer fincapé na importancia ambiental da recuperación das parcelas agrícolas e forestais en desuso.  

 Este programa está dirixido ás persoas emprendedoras do sector agroforestal e tamén á poboación en xeral, tanto á que reside no medio urbano como á do medio rural, posto que o aproveitamento agrario do solo é unha estratexia valiosa contra os incendios e mellora a calidade da paisaxe e a riqueza de especies animais e vexetais, ao tempo que fomenta a creación de emprego no rural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario