BALONMÁN FEMININO
O Guardés leva o derbi con músculo (21-25)
• O Mecalia volveu dominar e levou este domingo o derbi na pista do Balonmán Porriño cunha renda de catro goles tras liderar con maior vantaxe desde finais da primeira parte
• Lorena Téllez foi protagonista con oito goles, sendo a máis destacada xunto á gardameta Amandine Balzinc, que alcanzou as 18 paradas e freou ao Porriño en momentos cruciais
Redacción Deportes / O Porriño
O Mecalia Atlético Guardés non decepciona. As de Ana Seabra levaron este domingo o Derbi As Nosas de Porriño tras unha gran actuación en ataque e defensa grazas á que lideraron desde finais da primeira parte. As 18 paradas de Amandine Balzinc foron cruciais para o resultado, así como os oito goles de Lorena Téllez. Non deixou de pelexar todo o equipo en conxunto ata o final, con todo, para culminar con catro goles de vantaxe un partido que viñan liderando con rendas máis altas durante todo o segundo período.
O partido inaugurouse cun acerto de Lorena Téllez que culminou a primeira xogada. O Porriño respondeu inmediatamente despois, da man de Paulina Buforn desde os sete metros. Desde os instantes iniciais, ambos os equipos demostraron un ritmo alto e igualado, apertando ao máximo para tratar de forzar erros rivais. Ao termo do primeiro parcial, o marcador estaba en táboas (3-3, min. 5).
A forte defensa local obrigaba ao Guardés para arriscar no pase e forzar o lanzamento nalgunhas ocasións e a rozar o pasivo noutras, botando de menos unha coordinación adicional no ataque que lles permitise chegar á portería rival. Pero no outro lado, as de Ana Seabra igualaban a enerxía e ofrecían unha protección da porta igualmente férrea, que causara xa varios paus louriñeses consecutivos. Un parcial 0-2 pareceu, aos poucos, demostrar a superioridade visitante e comezar a marcar o ton do partido (3-5, min. 10).
Con todo, non sería tan sinxelo. As de Porriño estaban dispostas a facer correr aos seus compatriotas, e o ritmo de partido incrementouse aínda máis, se cabía. As mesmas imprecisións ofensivas permitiron a Carolina Bono roubar o esférico e reducir a renda guardesa ao mínimo de novo, e o Porriño incrementou esforzos para desprazar o xogo á área baixomiñota durante varios minutos. Ao Guardés só o salvaba naquel momento Amandine Balzinc, que encadeou tres paradas valiosísimas, aínda que a tensión terminou por romper a corda e, co ecuador da primeira metade, volvían as táboas (6-6, min. 15).
Os nervios seguían a flor de pel no municipal do Porriño. A igualdade parecía máxima, co anfitrión buscando marcar o ritmo pero atopándose de fronte a un Mecalia que non desistía. Unha parada máis de Balzinc, esta vez a un penalti de Buforn, ameazaba con ser un punto de inflexión para decantar o encontro. Elena Martínez saíu entón á pista e volveu poñer ás súas por diante, acompañada pouco despois por unha Rosane Serrano que non fallou desde os sete metros (7-9, min. 21). O Guardés podía controlar o vento ao seu favor conxugando esforzos.
E así pareceu ser, pois por primeira vez, o conxunto local non puido reducir a diferenza (8-10, min. 25). A pesar dun tempo morto solicitado entón por Isma Martínez, as súas non atoparon o ritmo nin lograron aproveitarse das imprecisións que aínda demostraba un Guardés co ataque algo máis afinado. Un acerto de Ariana Portillo desde o extremo iniciaba o camiño e María Sancha lograba escaparse cun balón roubado, levando a vantaxe a máximos (8-12, min. 29).
Ana Seabra solicitou parar entón o crono para planificar o último minuto, e a precisión portuguesa volveu ofrecer unha exhibición maxistral. A mesma Portillo culminou un ataque que funcionou como un reloxo e completou a tarefa, deixando desarmado a un Porriño que xa non tivo tempo para facer moito máis. A primeira metade pechábase coa enésima parada de Amandine Balzinc e confirmaba unha diferenza de cinco goles que ninguén se esperaba ao comezo do encontro (8-13, min. 30).
O reinicio mostrou o mesmo panorama, iniciado por Serrano de novo desde os sete metros e continuado por unha Lorena Téllez que culminaba un parcial 0-2 (ó 0-6, contando desde antes do descanso) grazas ao cal o equipo baixomiñoto seguía afastándose. Pero se o Guardés mantiña o ritmo, o Porriño logrou melloralo, e a base de tentalo Paulina Buforn marcou o primeiro gol para as súas en máis de dez minutos. Non foi a única, pois as anfitrioas, impulsadas por unha formación de ataque a 7, víanse agora con máis capacidade de resposta e comezaban a levar o partido a un terreo común (11-16, min. 37).
Debían manter o tipo as de Seabra para que non caese en saco roto o traballo da primeira metade. O ritmo rápido do encontro forzaba as imprecisións por ambos os bandos, e as perdas de balón comezaban a ser frecuentes. Freaban as consecuencias ambas as gardametas, pois tanto Amandine como agora tamén Ana Palomino impedían con fartura que os goles se sucedesen. O Guardés, con todo, seguía perdendo terreo (13-17, min. 42).
E con todo, resistía. A ofensiva baixomiñota non cesaba, a pesar dos erros, pois os fallos louriñeses comezaron a rozar o incontrolable pola súa banda. Aínda que ambos os conxuntos estaban xa máis igualados, o Mecalia se valía da diferenza lograda na primeira metade para seguir dominando (15-20, min.46).
Con todo, a falta de dez minutos para o final o encontro ameazou con cambiar de ton. Seabra solicitou o tempo morto para frear o que parecía ser unha crecida local, pero non forneceu xa o mesmo efecto. Palomino parou ata en tres ocasiones o lanzamento de Elena Martínez, e o Porriño comezou a aproveitarse de imprecisións guardesas que persistían para encaixar un parcial 3-1 que non gustou nada á bancada de O Inferno e apuntaba en dirección perigosa (18-21, min. 50).
Pero a garra guardesa mostrou que o seu baixón fora un espellismo. Lorena Téllez primeiro e María Sancha despois, encadearon senllos acertos na rede local para recuperar a renda, e unha nova parada francesa a Buforn desde os sete metros volvía actuar como punto de inflexión nun momento crucial. Cifuentes remataba un novo ataque como un reloxo e, con esta facilidade, o Mecalia recuperaba unha vantaxe incontestable (18-24, min. 54), forzando a Isma Martínez a un tempo morto que buscaba controlar danos.
Pouco máis houbo de facer o Guardés para levar o derbi. Pelexando ata o final, o obxectivo era un novo marcador folgado que permitise remar cara ao liderado. Pero Palomino non baixou a garda e, xunto con algún que outro oco defensivo nos instantes finais, limitou o marcador ao final. Unha última parada de Amandine Balzinc, reflexo dun gran partido para ela no que chegou ás 18, foi a acción que pechou o tempo (21-25, final). O Mecalia segue segundo, empatado a puntos cun Bera Bera que gañou ao Elda con renda idéntica esta xornada.
Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño (8+13): Katia Zhukova (2), Paulina Buforn (6), Ugazi Manterola, Carmen Prelchi, Lucía Laguna (6), Isa Ferrarin (p.), Adriana Mallo (3) [sete incial], Caro Bono, Juliana Santos, Alicia Campo, Iria Benaches, Julia Pestana, Viktoria Zsembery (3), Ana Belén Palomino (p.), Adriana Rial (1) e Isis Moreno.
Mecalia Atlético Guardés (13+12): Amandine Balzinc (p.), Cecilia Cacheda (4), Lorena Téllez (8), María Palomo, Carme Castro (3), Blazka Hauptman, Ania Ramos [sete inicial], Sabina Mínguez (p.), Jazmín Mendoza, Rosane Serrano (2), Elena Martínez (3), Cristina Cifuentes, Ariana Portillo (2), María Sancha (3), Anouk Nieuwenweg e María Español.
Marcador cada cinco minutos: 3-3, 3-5, 6-6, 7-8, 8-9, 813, 10-15, 12-17, 13-19, 17-21, 18-22, 21-25.
Árbitros: Jorge Escudero e Jesús Escudero. Excluíron con dous minutos á local Adriana Mallo e á visitante Lorena Téllez (2) e amoestaron con tarxeta amarela á local Paulina Buforn e ás visitantes Blazka Hauptman e Lorena Téllez.
Incidencias: Partido de novena xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón municipal do Porriño. Antes do partido, un grupo de gaitas local interpretou o Himno de Galicia e entregouse o premio á Guerreira Iberdrola da sétima xornada a Carolina Bono.

Ningún comentario:
Publicar un comentario