23 de ago. de 2019

GALICIA

O período hábil para a caza do xabaril comeza mañá en Galicia e prolongarase durante un mes máis que o ano pasado  

Para a tempada 2019-2020, o aproveitamento cinexético desta especie silvestre estará aberto ata o 29 de febreiro mentres que na anterior rematou o día 3

A ampliación do período hábil no caso dos xabarís foi acordada no seo do Comité Galego de Caza a proposta do propio sector, que entendeu que esta medida contribuiría a facilitar o seu control poboacional ante a sobreabundancia detectada  


A ampliación do período hábil para poder cazar esta especie é unha das principais novidades da actual tempada cinexética e responde a unha proposta realizada polo propio sector no seo do Comité Galego de Caza
Foto: X. G.
 
Infogauda / Galicia

  A tempada oficial de caza para o xabaril abrirase mañá, 24 de agosto, e prolongarase ata o vindeiro 29 de febreiro, polo que a realización desta práctica en Galicia se permitirá durante un mes máis que o ano pasado, cando rematou o 3 de febreiro. A ampliación do período hábil para poder cazar esta especie é unha das principais novidades da actual tempada cinexética e responde a unha proposta realizada polo propio sector no seo do Comité Galego de Caza como medida de control poboacional ante a sobreabundancia de exemplares detectada na comunidade.  

 Así consta na resolución publicada o pasado 31 de maio e pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies que rexerán durante a tempada 2019/2020, entre outros aspectos relacionados co exercicio desta actividade en Galicia.  

 Concretamente e segundo o réxime especial aprobado no caso do xabaril, o período hábil para os terreos de réxime cinexético especial abranguerá desde mañá ata o 29 de febreiro de 2020 e poderá cazarse os xoves, sábados, domingos e festivos.  

 En canto aos terreos de réxime cinexético común, o prazo fixado no caso concreto do xabaril estenderase desde mañá ata o 31 de agosto e do 7 de xaneiro ata o 29 de febreiro do próximo ano todos os xoves, sábados, domingos e festivos; e do 1 de setembro ao 6 de xaneiro de 2020, unicamente os sábados. Por último, nos terreos de réxime cinexético especial, permitirase tamén a caza desta especie na superficie destinada a vedado de caza.  

 Por outra banda e á marxe da tempada hábil para a caza do xabaril, cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá seguir autorizando de forma puntual medidas de control por danos causados polo xabaril. Esta é unha posibilidade prevista na Lei de Caza de Galicia co fin de reducir os danos producidos por esta especie silvestre polo que a Xunta tramita solicitudes de batidas ao longo de todo o ano.  

 Precisamente, a comezos de agosto a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e representantes da Federación Galega de Caza (FGC) acordaron colaborar para facer un seguimento destas solicitudes, mellorar a coordinación entre ambas partes e axilizar ao máximo as autorizacións de batidas extraordinarias por danos causados polos xabarís.  

 Na mesma liña, tamén se introduciron outros cambios importantes, como a redución, xa durante a tempada pasada, do número mínimo de cazadores esixido para as batidas de xabaril, que pasou de 10 a 8 persoas co fin de facilitar aos tecores este tipo de intervencións.  

 Por último, cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente sempre insistiu en que a solución a este problema ten que ser global e integradora, polo que require da colaboración responsable de todos os sectores e administracións implicadas. Neste sentido e tendo en conta que a sobreabundancia do xabaril non é un problema exclusivo de Galicia senón que afecta a toda España, a Xunta volverá instar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a actuar coa elaboración dun Plan Nacional para atallar esta situación de forma integral e acompáñalo dun estudo que permita estimar a poboación actual desta especie.

Ningún comentario:

Publicar un comentario