4 de xul. de 2019

A GUARDA

CULTURA MARÍTIMA

PRESENTADO O XIV ENCONTRO DE EMBARCACIONS TRADICIONAIS DE GALICIA 

Terá lugar do 11 ao 14 de xullo no porto guardés

Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda -  a der. da imaxe -, con Manuel García Sendón, Joaquín Cadilla Castro e Xosé Lois Vilar Pedreira 
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Presidido polo alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e coa participación de Manuel García Sendón, presidente de Culturmar;  Xosé Lois Vilar Pedreira, arqueólogo, historiador e membro do Instituto de Estudos Miñorans; e Joaquín Cadilla Castro, presidente da Asociación Cultural de Embarcacions Tradicionais Piueiro; e diante de máis de medio centenar de persoas (membros da Corporación Municipal do Concello de A Guarda, representantes de varias asociacions cívicas e veciños da localidade); na tardiña de onte, tivo lugar na Casa dos Alonso, a presentación do XIV Encontro de Embarcacions Tradicionais de Galicia.

 Abriu o turno de intervencións o alcalde de A Guarda, agradecendo á asistencia ao devandito acto, o tempo que saudou aos compañeiros de mesa, que representan as asociacions que organizan o XIV Encontro de Embarcacions Tradicionais de Galicia, que terá lugar na Guarda do 11 ao 14 deste mes de xullo de 2019.

 Deseguido interviu Manuel García Sendón, en representación da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar).

 García Sendón relembrou que “(...) o ano pasado – e xa colaboraron os membros de Piueiro - celebramos 25 anos de existencia cunha magnífica mostra de embarcacions en Santiago de  Compostela, a onde levamos a magnífica obra dos carpinteiros de ribeira a dialogar coa obra dos canteiros de fai 800 anos, ata mediados da Idade Moderna, que están representados na grande ágora que é praza de todos os galegos é universal (...)”.

 Asemade, o presidente de Culturmar evocou os comezos  da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, referindo que “(...) vai facer 26 anos, unhas poucas persoas e catro asociacions culturais, preocupadas pola enorme desfeita, fatídica, que estaba dando ao traste con todo o patrimonio marítimo, e sobre todo, co patrimonio flotante, coas embarcacions, convocaron en Santa Uxía de Ribeira, un encontro desas embarcacions, das pouquiñas que había, porque as máis eran dornas que estaban pola Ría de Arousa, e alí se reuniron cos estudosos das embarcacions e do patrimonio, e decidiron que aquilo se tiña que repetir, cada dous anos, e desde aquela cada dous anos o vimos facendo. Este é o 14º. E ao mesmo tempo crear unha rede de asociacions no país, a traballar polo patrimonio marítimo en xeral. E así se fixo desde aquela. Hoxe somos 43 asociacions, algunhas do Norte portugués, algunhas do patrimonio fluvial. As máis, espalladas por distintas vilas mariñeiras do país, que temos como obxectivo a salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial de Galicia. Quer decir, o patrimonio entendido globalmente. Desde o patrimonio natural, a defensa do medio, ata o patrimonio material,...desde ás vellas indicacions das algas, as conserveiras, os faros, etc. Ata o patrimonio inmaterial, que cada vez ten maior relevancia, porque é o fundamental. Porque son os coñecementos, os saberes, ..., e a Federación centrou súa actividade nas embarcacions. Porque consideramos as embarcacións como o núcleo central do patrimonio marítimo. Foi o medio para o sustento dos mariñeiros pero foi tamén o medio para o camiño ó mar. Foi históricamente o noso principal camiño. Foi creando comunidade. Foi o que nos relacionou co resto do mundo e cos nosos veciños portugueses. É o elemento esencial do patrimonio marítimo (...)”.

 O presidente de Culturmar dixo tamén: “(...) E desde aquela, a Federación ven facendo iso, recuperando, replicando mesmo, porque moitas embarcacions perdéronse, e xuntando unha frota que é a frota tradicional galega, que xuntamos en diversas actividades, facemos ducias de actividades todos os anos, cada unha das asociacions, as dunha bisbarra ou dunha ría en colaboración con outras,... Facemos xuntanzas, regatas, exposicións, mostras en seco, etc.  Facemos cursos de carpintería de ribeira, cursos de navegación tradicional,... Ducias de actividades. Non hai unha soia fin de semana que non haxa unha actividade da Federación ou dalgunha entidade da Federación, de maio a outubro, e as veces mesmo en inverno, nas rías.

 E cada dous anos esta, máis emblemática, que nos reúne a todos e que convoca tamén a delegación foráneas (portuguesas, vascas, irlandesas - que van a estar aquí -, as veces francesas, catalanas,..., onde digamos, hai movemento, naqueles territorios onde hai movemento a prol do patrimonio marítimo para reinvindicar ese patrimonio e para exhibilo, e para facer unha grande festa ao redor, que é o que é o Encontro de Embarcacions Tradicionais de Galicia.

 Aquí, creo que vai quedar precioso. Hai máis de 80 embarcacions inscritas qus vos vai encher ese porto que tedes aí, pouco dotado, pero precisamente por iso van estar fondeadas e vai ser unha marabilla. Nunca máis na historia ides ter o porto así, porque isto non se repite, xa que o Encontro vai dunha vila en outra. E ao redor, toda a contorna portuaria chea de actividades relacionadas coas tradicions mariñeiras, cos oficios (redeiras, cordoeiras,...), nesa gran festa da cultura do mar e dos ríos de Galicia.

 E isto e no que consiste o Encontro. Para nós e moi traballoso. Non hai unha celebración deste tipo. Nós aprendemos dos bretóns que teñen isto moi desenvolvido. Falo do Encontro de Brest, a onde fomos dúas veces. Hai máis de mil embarcacións. Alí están os grandes buques históricos e tradicionais do mundo. Téñeno explotado como gran recurso turístico que é. Porque tamén é un recurso de futuro. Nós andamos precisamente niso, en lograr unhas mariñas tradicionais, onde haxa unha especie de museo vivo aí, nos distintos portos de Galicia. Acaban por fin, despois de pelexar moitos anos, de ser decraradas Ben de Interese Cultural as técnicas  constructivas da carpintería de ribeira. A Consellería de Cultura sacou o decreto fai pouco.

 Ao mesmo tempo ten unha faciana internacional, pero ten outra que é a que nos interesa. O Encontro e a Federación nacen para espallar esa idea. Núcleos de acción a prol da salvagarda do patrimonio por todo o país. E alí onde se celebra un Encontro nace unha asociación que se incorpora a rede, que logo vai participar en actividades por todo o país e aí vaise recuperar o patrimonio nativo. Aqúí, no tocante a embarcacions, a gamela. Hai uns anos, fixéchedes unha mesmo adaptada, que xa estivo connosco no Encontro de Cabo da Cruz. E agora o volanteiro. Esa magnífica embarcación que ides presentar aí no Muelle Alto durante o Encontro.

 E medrará a frota. E medrarán outras actividades a prol diso. E imos creando esa rede, porque é tan variado, tan rico o patrimonio flotante de Galicia que non hai outro que teña tantas tipoloxías diferentes en toda Europa. Iso é magnífico. Vos tedes á gamela da Guarda, que é dentro do patrimonio tradicional, das tipoloxías máis antigas que se conservan, pero camiñades un pouquiño e tedes a gamela de Coruxo que xa é distinta. Seguimos para arriba e temos a gamela de Cabo de Cruz que ten a proa apuntada. Cada tipoloxía ten a súa vez unha chea de subtipoloxías. Por exemplo nesas vinte que tíñamos na Praza do Obradoiro todas eran distintas. Ninguén ten unha riqueza tal.

 E todo ese patrimonio estábase perdendo (...)”.

  García Sendón tamén afirmou: “(...) Xa vexo a vila embalada co Encontro. Xa estiven vendo como tedes os escaparates, cheos de faros, cheos de gamelas, redes, nasas, ...

 Vai ser unha marabilla dentro dunha semana.

 Pero é un esforzo enorme. Podemos facer isto grazas ao patrocinio das institucions: A Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e o Concello de A Guarda.

 Si cuantificasemos o traballo que se leva feito polo asociacionismo de eiquí e polas persoas da contorna de A Guarda que se nuclea arredor da Asociación Piueiro, multiplicaríamos por dous ese diñeiro.

 Quérovos decir que a vontade de Culturmar, as asociacions que pertencen, e a maneira de facer o Encontro baséase no altruismo e no traballo voluntario. Por iso pídovos a todos que botedes unha mán, no que cada ún poida para recibir a todas esas tripulacións, artesans, embarcacións,..., que van chegar, e axudedes aos que levan xa máis de un ano de traballo a cotío.

 Nós estamos felices. A recepción que estamos tendo. Da resposta, do traballo e do entusiasmo que estamos atopando na xente da Guarda e simplemente esperamos corresponder e que quede aí unha pegada forte e para sempre. Pero iso sí, facémolo cunha intención: Coa intención de sensibilizar á cidadanía e as institucions de que temos que salvagardar, gardar, pero en uso. Nós non temos embarcacions como nun museo, e moito menos nunha rotonda, senón para navegar, e aberto a todo o público. Para salvardar o patrimonio. Senón de pouco valería esta gran festa. Que é traballo, é reivindicación, e unha gran festa tamén, para pasalo ben (...)”.


Na imaxe os intervinientes e público asistente
  

 A continuación o alcalde cedeulle o turno da palabra a Xosé Lois Vilar, quen comezou sùa intervención “xustificando” porqué está na mesa de intervinientes. E dixo que foi a petición de Joaquín Cadilla. “(...) Fomos un pé que fixemos falla para poder presentar á candidatura, e que este ano fose aquí na Guarda. Hai que ser membro de Culturmar, e por culpa dos estatutos tiñan que ter unha antigüidade que non tiñan, e por seren dese conglomerado potentísimo da organización Piueiro, da sociedade civil e o IEM, con pouquísima actividade é membro de Culturmar, o que fixemos foi facer de cuña (...)”.

 “(...) Foi case emotivo – relembrou Vilar – cando foi a asemblea, polo menos sentímolo así, onde se decidiu as dúas opcions que había. Era Ribeira ou A Guarda. E hubo que ir a defendelo. Cando se quer facer santo a unha persoa o Vaticano pón ao avogado do demo para poñer cousas en contra. Pouquiñas porque acaban de facelo santo.

 Xaquín e máis eu tivemos que defender [a candidatura da Guarda] (...)”.

  Vilar dixo tamén que “(...) eiquí o nexo de unión é salvagardar o patrimonio material e inmaterial (...)”. “(...) despois de defendelo, tivemos que argumentar antes, e houbo que facer dos defectos virtudes. Entón este [o da Guarda] é un porto pequeno. Non se vai celebrar sempre en portos grandes. É un porto batido polas marusías. É un porto internacional, co maior río de Galicia. Para subir a un barco un pouco grande hai que ir nunha chalana. E todos eses argumentos. O resultado, agora que non están os outros eiquí, pódese decir. Foi 14-7.  Gañamos 14-7 e por iso estamos eiquí. E para iso e para o que valeu o Instituto de Estudos Miñorans (...)”.

 Feita esa acraración, Vilar afirmou en ton sarcástico que “(...) a sociedade política organizada, ten que entender que ademais de haber camiño portugués, inglés ou francés, do Norte, pola Costa, ou pola recosta, ou o asfaltado de Tui pra riba, e de todo iso; existe unha alternativa patrimonial.

 Eu cheguei a mirar unha gamela do racú no Colexio de Orfos de Mariños de Panxón, serrada ao medio para tirar. Iso non pasa en ningún país do mundo (...)”, “(...) iso non se pode facer. E estívose facendo legalmente. E todos son problemas. Está pasando agora. Tí tes unha gamela tradicional e poñela no porto vale máis que un barco calquera de recreo. É unha barbaridade pero iso é así (...)”.

 Deseguido Vilar Pedreira relembrou o traballo de talasonimia feito polo IEM, despois da catástrofe do Prestige. “(...) Tódalas pedras teñen nome. Teñen na franxa intermareal, pero debaixo do mar tamén (...)”.

 Referiu tamén que “(...) despois dunha charla sobre talasonomia, houbo unha visita, nun dos mellores sitios do mundo – despois da Serra da Groba, en Baiona – que foi subir a onde aparcan os autobuses, no Monte Santa Trega. A visión para Portugal, para o río, para o mar,... é impresionante. E explicar desde alí a talasonimia, foi impresionante (...)”.

 Logo lembrou o traballo que fixo sobre recollida de talasonimia – coa colaboura de Roberto, na zona de Mougás -, na costa de A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán. “(...)” O resultado foi mil douscentos e pico topónimos, a sabendas de que había máis que recoller.

 Por iso, o perigo que acontecía coas embarcacions de madeira que se cortaban e se queimaban, pasa con isto. Hai unha franxa de idade entre os 70 e 80 anos, que en canto morran non hai a quen preguntarlle nada (...)”.

  Vilar afirmou tamén: “(...) É necesarísimo acabar de recoller toda a talasonimia do mar de Galicia, que si nós recollemos 1.200 topónimos, en 50 quilómetros, multiplicar iso polos 1.200 de Galicia, van sair miles e miles de topónimos.

 E a recollida é un traballo de campo, que en vez de estar en contacto coas novas tecnoloxías sentado nunha mesa estás en contacto con esa raza aparte que é a raza dos mariñeiros (...)”.

  O arqueólogo miñorán avanzou: “(...) Niso traballaremos ao rematar o Encontro, de facer unha boa recollida e publicación da talasonimia da Guarda (...)”.

  Rematada a intervención de Xosé Lois Vilar, o alcalde cedeulle o turno de palabra a Joaquín Cadilla, presidente da Asociación Piueiro, quen relembrou que “(...) fai dous anos isto era unha ilusión, con poucas posibilidades. Escasas posibilidades de prosperar, polas razóns que sinalou Xosé Lois e por outras. Pero a confianza que se tiña neste pobo fíxonos pensar. Por qué non? E fomos máis atrás, porque nós o que estamos collendo é o relevo das persoas que se acordan de tradicións mariñeiras, de redeiras,..., falamos o outro día en Santiago [no Museo do Pobo Galego] de Eliseo Alonso, Valentín Paz Andrade, Concello de A Guarda, ANABAM, Crespo, entres outras persoas e entidades, que teñen traballado polo patrimonio marítimo deste pobo. Pero sí que é unha realidade que Piueiro naceu con unha intención de preservar o que decía Sendón. Por iso entramos na Federación, porque había unha cousa que non creíamos. Eu había feito un estudo sobre as rotondas a nivel nacional e deume noxo. Ata un día, que fora de eiquí négollo, nunha comida de cinco ou seis persoas, co meu amigo Abel Caballero, que o quero, que conste, falaba da homenaxe a xente do mar co “Alfageme” fronte ao Alcampo. Eu como home de mar e como entendo a tradición, e a unha cultura, non entendo unha homenaxe a un barco nunha rotonda. Entendemos a cultura viva como tal. E iso é o que nos gustou da Federación.

 E cando empezamos coa Asociación Piueiro, miramos a Federación, por unha banda, e miramos ao IEM, polo seu traballo da toponimia, e da talasonimia, e das palabras, e das xergas, e do todo o léxico que temos no mar, que vaise perdendo, e o ver o traballo deles, para nós era unha referencia. E empezouse a facer ese tipo de traballos que nos levaron ao equipo, mirando a Federación a pensar por que non o Encontro (...)”.

   Joaquín Cadilla dixo tamén: “(...) Se somos capaces de organizar a Festa da Langosta, se somos capaces de organizar a Festa do Espada, e somos capaces de organizar a Festa do Monte, a do Carme, ..., por qué non imos ser capaces de organizar un evento desta envergadura (...)”.

  Citou a “referencia do Encontro en Cabo de Cruz”, e afirmou que tamén podíase facer realidade na Guarda. “(...) Todos traballamos moito. Cada ún no seu campo, en artellar o que era a candidatura e logo contamos coa sabiduría, que está aquí Hugo, Paula, Juani, ..., a hora de elaborar a candidatura que é fundamental, e coordinar esa candidatura, que foi clave, despois de xuntar as asociacións deste pobo, na sede de Pueiro. Ese é un día inesquecible, cecais, para este pobo. Levamos a sinatura de 63 asociacións deste pobo. O apoio de 63 colectivos de diferentes eidos (deportivo, cultural, social, educativo,...), do Concello, con un acordo por unanimidade de tódolos concelleiros, polo que teño que agradecerlles a todos os grupos políticos.

 Levamos a candidatura a Cambados, e unha das cousas que sorprendeu foi o tamaño dos apoios (...)”.

  Joaquín Cadilla expresou seu agradecemento ao IEM. “(...) Chamamos a Xose Lois [Vilar] e a Xilberte [Manso]. E díxenlle: precisamos de vos, e no día seguinte, presentouse á candidatura (...)”.

 O presidente de Piueiro relembrou que na asemblea argumentou “(...) temos 184.000 m2 de escenario, con 360º para apreciar os barcos. E non van estar misturados. É un espazo público, porque á lámina da auga da Guarda é pública, onde van a estar soio embarcacións tradicionais. Non vai estar o iate de Amancio Ortega ao lado dunha dorna. Nin vai estar o barco do presidente do Banco de Santander ao lado dun racú (...)”.

 “(...) Ao final conseguimos artellar un espazo tradicional cen por cen (...)”, dixo Joaquín Cadilla.

 O presidente de Piueiro dixo que no Encontro da Guarda “van estar ás tipoloxías de barcos tradicionais que hai en Galicia: as gamelas, os racús, as dornas de tope, galeóns,...(...)”.

  Logo tamén falou “da conexión de Piueiro co futuro”  e dixo: “(...) Este ano visitaron o volanteiro que estamos construíndo 600 escolares. Neste ano impartimos obradoiros de compases poveiros – que hai centos de anos que empregábanse - e gamelas, que están feitos por rapaces desta bisbarra. Temos centos delas, que expoñeranse. Foron máis de 500 escolares que participaron neses obradoiros (...)”.

 Tamén avanzou que “estánse desenvolvendo xogos – tipo parchís - para nenos, para o ano que ven, que vanse presentar tanto no mercado como nas escolas. Hai uns cantos xogos relacionados cos peixes e coas tradicións.

 E está o volanteiro que vai estar presente no Encontro. E vai reinar no Muelle Alto. Estará coa vela, e estará seguramente todo o mes de xullo. É unha embarcación que o carpinteiro que a está facendo non á coñece. E ten 93 anos. Pensamos que esa embarcación desapareceu da Guarda fai máis de 100 anos. E vai voltar a navegar polos mares da Guarda. Pero vai navegar para os colexios. Temos ese compromiso co ensino e cos patrocinadores. E despois farase o que se poida co turismo tamén. Temos que tratar de facer deste pobo un reclamo turístico do mar (...).

 No tramo final da súa intervención, o presidente de Piueiro dixo: “(...) xa nos podemos sentir orgullosos do que está a acontecer neste pobo. Ter un pobo cunha ilusión. Non hai máis que ver os escaparates dos establecementos, fachadas de vivendas, ... Somos un pobo mariñeiro desde arriba ata abaixo. Desde o primeiro pelo ata á última unlla. E iso estáse a sentir no pobo. Isto será un éxito do pobo de A Guarda, E este vai ser o mellor Encontro (...)”.

 Por último, o alcalde de A Guarda dixo: “(...) Eu coido – coincido con Joaquín – que este vai sei o mellor Encontro. Penso que foi un acerto, como vos decides, facer das debilidades virtudes, porque eu creo que as virtudes da Guarda son importantes, e A Guarda é importante (...)”.

 “(...) Os protagonistas deste Encontro – dixo o alcalde – sodes todos vos. Son todas ás asociacions que dixo Joaquín, todos os comerciantes que estánse implicando e dos particulares que están colgando das ventanas eses aparellos que chegan ata o mirador do Pirún. Son eses elementos típicos da Guarda, como son o trasmallo ou a gamela.

 E logo noso achegamento con Portugal, con Póvoa de Varzim. Imos ter eiquí o “Fé em Deus”, outro volanteiro que debíamos irmandar co noso, desa relación de séculos xá, desas marcas, desa devoción por Santa Trega, e levala máis alá.

 Tamén desa relación que temos con Vila Praia de Âncora que está constatado, foi unha comunidade piscatoria fundada por un guardés que foise pra lá, fixo súa primeira chabola – que así se chamaba -, e desde entonces desenvolveuse en Vila Praia.

 Por iso, os protagonistas somos todos. Por fin os guardeses conseguimos xunguirmos nun evento, e unindo as vontades de todos, a mín non me cabe dúbida que isto vai ser un éxito. Estámolo vendo. Para Culturmar, para o patrimonio, en definitiva para toda Galicia (...)”.




Ningún comentario:

Publicar un comentario