22 de xuño de 2019

FOLGOSO DO CAUREL

II ROMARÍA DE VILAR

UN REENCONTRO COA TRADICIÓN CAURELÁ


 Vista parcial do participantes na II Romaría de Vilar
Fotos: Santiago Baz Lomba 
 

Ricardo Rodríguez Vicente / Folgoso do Caurel 

 Baixo o lema "Imos armar un baile", a Asociación Fonte do Milagro (fundada en febreiro de 1999) ven de organizar - coa colaboura do Concello de Folgoso do Caurel, No Cómbaro e Repichoca Ferrol - a II Romaría de Vilar, unha aldea de Folgoso do Caurel. Un evento no que ademáis da participación de Xan de Vilar e outros persoeiros singulares, grandes músicos e persoas convidadas; houbo tempo e espazo natural para o reencontro no Campazo, coa esencia do que eran antigamente as romarías galegas. Dese xeito, veciños e visitantes sacaron dos baúles súas mellores roupas e complementos de época para compartir unha xornada - a do sábado 15 de xuño - de boa veciñanza, baile e música, gastronomía tradicional e sobor de todo, a ledicia de vivir en harmonía coa paisaxe da Nosa Terra.

                         Dous dos grupos tradicionais que actuaron no palco da música 


 O evento, que comezou ás 11:00 horas e rematou na mañanciña do domingo, estivo amenizado por: Corentaechinco, Son D´Aquí, No Cómbaro, A. C. Xirandela, Airiños do Eume, Os do Xalo, Cantores do Courel, Batifoula, Foliada de Nela e Zanfonas de Ortigueira.

 Antes comezar a Sesión Vermú, con música e baile, acompañados de pulpeira para xantar e ambigú todo o día; houbo un roteiro ata O Castro, guiado por Evaristo Méndez Vila, e o mediodía na Capela de San Roque, os participantes puderon escoitar as cantigas de Marías e Xaime.

 Logo da comida houbo xogos tradicionais (bolos, chave, carreira de sacos,...), e a tardiña un gran concurso de bailes agarrados.

  Foi un magnífico xeito de compartir respectuosamente a Natureza como un legado sacro que nos foi dado e que compre conservar do mellor xeito posible para ás xeracións vindeiras.

 Desde Infogauda, nosos parabens a Asociación Fonte do Milagro, cuxo domicilio social está na aldea de Froxán (Lugo), pola súa magnífica traxectoria de recuperación e mantemento da cultura, coidado e sinalización do entorno, etnografía, tradicións,... E tamén, como non, parabens polo éxito da II Romaría de Vilar, da que noso compañeiro Santiago Baz Lomba nos agasalla coa súa encantadora reportaxe fotográfica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario