22 de xuño de 2019

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Fonte da Virxe celebra os seus 25 anos de traballo pola saúde mental cunha gran romaría en Conxo 

A asociación compostelá aproveitará a festa para inaugurar un banco conmemorativo do seu aniversario, que foi elaborado de xeito participativo nos obradoiros de cerámica da entidade.  


Usuarios da asociación compostelá Fonte da Virxe traballando no obradoiro de cerámica da entidade

Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 Este ano, a asociación compostelá Fonte da Virxe cumpre 25 anos de atención ás persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares na área de Santiago. Para celebralo, o sábado 29 de xuño realizará unha gran romaría durante todo o día a carón da Fonte da Virxe, en Conxo, lugar do que a asociación tomou o seu nome. 

 O evento comezará ás 13h coa inauguración dun banco de cerámica que conmemora o 25 aniversario da asociación e que foi elaborado de xeito participativo nos talleres de cerámica da asociación. A continuación, ás 14h, haberá un xantar de convivencia e seguidamente celebrarase unha gran festa que inclúe un concerto de Natalia González ata as 18:30. 

 Nesta festa preténdese reunir a todas as persoas que forman parte da historia da asociación: membros fundadores, persoas usuarias, familias, traballadores, amigos... Volverase así, 25 anos despois, ao punto de partida para facer balance da traxectoria vivida e reafirmar os propósitos fundacionais da asociación. Non obstante, será un encontro lúdico e festivo onde compartir experiencias, recordos e vivencias persoais e familiares. 

Fonte da Virxe, o lugar onde comezou todo 


 Así era orixinariamente a Fonte da Virxe

 Fonte da Virxe é unha área natural do barrio de Conxo recentemente acondicionada e aberta ao público que, antigamente, formaba parte dos xardíns do Hospital Psiquiátrico. Naquel entón, era unha zona de paseo e distensión para as persoas internas e foi tamén onde comezaron a reunirse os familiares a mediados dos anos oitenta do século pasado para organizarse e apoiar unha atención sociocomunitaria alternativa á existente. 

 En 1994 formalizouse a asociación Fonte da Virxe, identificado a súa misión co nome do lugar de orixe e abrindo outros puntos de apoio para as persoas con problemas de saúde mental fóra do recinto hospitalario. 25 anos despois, a asociación Fonte da Virxe conta cun Centro de Rehabilitación no Barrio de San Pedro e un Centro Ocupacional na Barcia. 

Un banco conmemorativo construído por moitas mans  

 A idea de construír un banco para conmemorar o 25 aniversario de Fonte da Virxe xurdiu da man de Jose Blanco e Marta Zaera, responsables dos talleres de cerámica e coiro da asociación. Para dar forma á peza, contaron coa axuda de Carlos Selas, que se encargou do deseño gráfico.  


 A Fonte da Virxe actual

 O banco pretende evocar as arcadas que durante moitos anos caracterizaron o recuncho orixinal de Fonte da Virxe. Ten forma dun gran semicírculo de tres metros de diámetro e no seu perímetro exterior levántase unha estrutura de albanelería, a cal vai recuberta polas pezas de cerámica de gres realizadas artesanalmente nos obradoiros participativos. 

 Estes talleres de participación aberta tiveron lugar durante os meses de abril e maio, cando calquera persoa interesada puido achegarse á asociación para elaborar as súas pezas. Ademais, Fonte da Virxe contou co apoio especial da asociación Itínera, que axudou a facer a armazón da base do banco, e do Departamento de Terapia Ocupacional do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que participou na elaboración das lousas cerámicas da cobertura. 

 Para máis información sobre esta e outras actividades do 25 aniversario de Fonte da Virxe, pódese visitar a web www.fontedavirxe.org.  

 Fonte da Virxe foi creada en xullo de 1994 coa finalidade de promover a recuperación das persoas con problemas de saúde mental, a súa integración social, a mellora da asistencia e a súa calidade de vida, así como a defensa dos seus intereses e dereitos. A asociación pretende, por un lado, cubrir o baleiro existente na protección cara este colectivo na área de Santiago, e por outro, tentar cambiar actitudes erróneas informando sobre a realidade desta enfermidade. 

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 que representa os dereitos e necesidades do movemento asociativo de saúde mental. O seu obxectivo principal é a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e dos seus familiares. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario