13 de feb. de 2019

MOBILIDADE

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E O CABILDO DE FUERTEVENTURA INTERCAMBIAN AS SÚAS EXPERIENCIAS SOBRE MOBILIDADE AMABLE  

· O vicepresidente César Mosquera e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuníronse onte nun encontro técnico co presidente do Cabildo Marcial Morales e a conselleira de Obras Públicas Edilia Pérez  
 

O vicepresidente César Mosquera - no centro da imaxe - co deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e o asesor de Mobilidade Jesús Fole, con membros do Cabildo de Fuerteventura
Foto: D. PO.

Infogauda / Fuerteventura

 A Deputación de Pontevedra e o Cabildo de Fuerteventura intercambiaron onte experiencias sobre o seu traballo en materia de Mobilidade Amable. O vicepresidente César Mosquera e mais o deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuníronse co presidente Marcial Morales e coa conselleira de Obras Públicas Edilia Pérez nun encontro técnico no marco das xornadas de formación do proxecto ‘Cidade das nenas e dos nenos’ de Francesco Tonucci que se está a celebrar na illa canaria.   

 Os responsables ‘majoreros’ mostráronse moi interesados polo liderado da Deputación de Pontevedra como impulsora dunha rede de ‘vilas Tonucci’ na provincia de Pontevedra, así como polas subvencións provinciais aos concellos adheridos para realizar camiños escolares e promover a recuperación do espazo público á medida dos nenos e as nenas, “unha medida que vale para todos os demais”. Coñeceron tamén a Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable editada pola Deputación de Pontevedra e considerouna de valía e de guía para desenvolver proxectos en Fuerteventura, unha illa dedicada fundamentalmente ao turismo que quere tamén traballar a prol da súa infancia recuperando espazos.   

 Pola súa banda, Morales e Pérez explicaron que as iniciativas do Cabildo pasan por dar soporte ao proxecto Tonucci, principalmente dende o eido educativo, aínda que dende o punto de vista da mobilidade tamén se está a traballar na implantación de camiños escolares como o que se acaba de inaugurar no CEIP Bernabé Figueroa no concello de La Oliva.   

 A participación da Deputación de Pontevedra nas xornadas de formación será hoxe un dos momentos máis agardados do día no Pazo de Congresos de Puerto del Rosario, coa intervención do vicepresidente Mosquera e do asesor de Mobilidade Jesús Fole, que explicarán ao persoal técnico, educativo e social de ducias de concellos de todas as illas canarias en que consiste o ‘modelo Pontevedra’ e como se estendeu pola provincia galega.  

 Pola tarde tanto os representantes provinciais como os alcaldes e concelleiros que participan na comitiva da Deputación de Pontevedra* asistirán a unha recepción institucional oficial por parte do presidente do Cabildo de Fuerteventura e da conselleira de Educación do Goberno canario, así como do alcalde do concello de La Oliva, na coñecida como ‘Casa dos Coroneis’.  

 Xa o xoves, o grupo pontevedrés trasladarase ata Corralejo para participar no IV Encontro de Cidades dos nenos e das nenas do proxecto Tonucci, onde asistirán a unha conferencia inaugural do pedagogo e doutros expertos locais e internacionais, entre outros eventos.

 Participan no IV Encontro de Cidades dos Nenos e das Nenas de Fuerteventura convidados pola Deputación de Pontevedra, as alcaldesas de Tomiño, Sandra González; de Cambados, Fátima Abal; así como as tenentes de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva; de Ponteareas, María Jesús Garrote; de A Guarda, Miguel A. Español; as concelleiras de O Grove María Ángeles Domínguez; de Ponteareas, Verónica Carrera; de Ribadumia, Enrique Oubiña; de Lalín, Lara Rodríguez; de Vilaboa, Francisco Costa; de A Guarda, María Elena Baz; de Salceda, Teresa Pérez; e de Vilagarcía, Lino Mouriño; así como o inspector xefe da Policía Local de Cangas, José Alberto Agulla Bará.

Ningún comentario:

Publicar un comentario