O Rosal ‘Rula Roupa’, sostibilidade e diversión nunha nova edición do Mercado de Moda e Complementos de segunda man
• Tras o éxito das dúas primeiras edicións, o Concello organiza xa unha nova cita o domingo 10 de maio na praza do Calvario
• As persoas e asociacións interesadas en participar poden presentar a súa solicitude do 14 ao 21 de abril
Infogauda / O Rosal
O Rosal volverá converterse no epicentro da moda sostible coa celebración da terceira edición do Rula Roupa Rosal, o mercado de roupa e complementos de segunda man organizado polo Concello do Rosal e que xa colleitou importantes éxitos nas edicións anteriores. O domingo 10 de maio, de 11.00 a 20.30 horas, a praza do Calvario encherase de cor, estilo e convivencia nun evento que une consumo responsable, diversión e compromiso co medio ambiente.
Vender, trocar, compartir e concienciar: esa é a esencia desta cita que xa se consolidou como un referente no calendario local. Ademais dos 23 postos nos que persoas particulares e asociacións poderán ofrecer roupa, calzado, bixutería e complementos de segunda man, o mercado contará con música en directo en sesión vermú, obradoiros e actividades infantís, así como unha atractiva zona gastronómica aberta a todo o público.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “Rula Roupa Rosal é unha aposta pola economía circular e polo reencontro social. Queremos que a veciñanza do Rosal viva unha xornada na que compartir, reutilizar e gozar sexan a mesma cousa”. A rexedora engadiu que este tipo de iniciativas “amosan que se pode consumir doutro xeito, coidando o planeta e fomentando a solidariedade e o respecto polos recursos”.
Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, Alejandro González, subliñou que “este mercado é unha oportunidade perfecta para dar unha segunda vida ás prendas e complementos e aplicar a regra das 3 erres: reducir, reutilizar e reciclar. Pero tamén é unha cita para dinamizar o comercio local e atraer xente á nosa vila con toda a programación que acompañará ao mercado do Rula Roupa Rosal”.
As persoas e asociacións sen ánimo de lucro interesadas en participar con posto poderán facelo de forma gratuíta, presentando a súa solicitude entre o 14 e o 21 de abril, presencialmente no Rexistro Municipal (09.00 a 14.00 h) ou a través da Sede Electrónica do Concello. Admitirase a venda de produtos como roupa infantil e de adulto, bolsos, calzado, bixutería e complementos, quedando excluídos artigos de elaboración propia, artesanía ou procedentes de comercios, así como roupa interior e traxes de baño, agás que non se chegaran a utilizar.
O Concello anima a toda a veciñanza e visitantes a acudir e “rular” sostibilidade nesta terceira edición, que promete ser unha xornada para repetir, compartir e vestir con conciencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario