13 de abr. de 2026

TUI

Arredor do Ferruxo

 Un proxecto literario e memorialista de Manuel Vázquez de la Cruz e Fernando Salgado Varela

No que tamén colaboran outras 26 persoas

  Será presentado este sábado, 18 de abril, ás 12:00 horas, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela



Ricardo Rodríguez Vicente / Tui

 Promovido por Fernando Salgado Varela (Cerdedo-Cotobade, 1959), xornalista e escritor, e por Manuel Vázquez de la Cruz, enxeñeiro técnico agrónomo, articulista e escritor tudense, vai ver a luz o libro que leva por título Arredor do Ferruxo.

 Na publicación - auspiciada pola asociación Levada Libre -, ademais de Manuel Vázquez de la Cruz e de Fernando Salgado Varela, e por vontade de ambos os dous, que decidiron ofrecerlles a varias persoas amigas, o correspondente espazo no libro,  achegaron súas respectivas colaboracións Raquel Páramos Escapa, Eva Páramos Viñas, Ángeles Comesaña [Concheiro], Xoa Francés Valverde, Anan Abdalah, Paula Álvarez Silva, Fátima R. Sío, Manuela Gabaldón, Basilio Barrocas, María Begoña Vicente Sobrino, María Belén Martínez-Estéllez, Nuna Vasconcelos, Juan Conde Gouzón, Kelson Lima de Boa Esperança, Olinda Fernandes, Natalia Lago Bravo, Silvia Liliana Soutelo Lameiro, Rafael [Sánchez] Bargiela, Enrique Cabaleiro González, Loli Castiñeira Alén, Calros Solla, Héitor Picallo Fontes, Loli Quinteiro, Manuel Fortes Besada, Paula Cascallar Latorre e Augusto Metztli.

 Editado en tres idiomas (galego, castelán e portugués), a xenerosidade de todas as persoas colaboradoras fixo posible crear un amplo e variado mosaico de historias, relatos, crónicas e poemas, que ten como fío conductor o compromiso co humanismo e fronte a barbarie.

 No libro queda plasmado, como decimos, a aposta - de todas as persoas que o fixeron posible - pola paz e súa oposición a todas as guerras. Asemade, é unha homenaxe a todas as persoas vítimas do franquismo. Mais non queda aí a cousa, senón que a publicación é unha lexítima reivindicación pola xustiza social. E ao mesmo tempo unha declaración de rexeitamento a calquer tipo de manifestación de racismo ou de sexismo.

 Todas as persoas que colaboran no libro considéranse cidadás do mundo, e dese xeito, nestes tempos escuros, nos que algúns sátrapas erixen muros, elas e eles queren construír pontes. Porque como proclaman: "a terra, é terra en todas as partes e a nosa patria é a liberdade."

  O libro Arredor do Ferruxo será presentado o vindeiro sábado, 18 de abril, ás 12:00 horas, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, de Tui, e contará coa asistencia do alcalde, Enrique Cabaleiro González; a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla; Benigno Rey Sarmiento, Carmen  Núñez Méndez e Eva Páramos Viñas.

 Na presentación do libro, ademais da participación de Patricia Ricón, que escenificará unha coreografía;  soará a canción Canto a la libertad, do cantautor e escritor aragonés José Antonio Labordeta. Será interpretada por Mijail, Silvina e Carlos.

 A entrada ao acto é libre - ata completar á cabida - e de balde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario