O BNG DENUNCIA A INSALUBRIDADE DOS COLECTORES MARRÓNS POLO DESLEIXO DO ALCALDE ROBERTO CARRERO
Anxo Lois Baz Vicente: “Se o concello non garante unha recollida periódica e o mantemento adecuado dos colectores, está boicoteando o esforzo da veciñanza por separar os residuos”
Infogauda / A Guarda
“O BNG denuncia o estado de abandono no que se atopan os colectores marróns de materia orgánica no municipio. A falta de limpeza e a escasa frecuencia de recollida están a provocar focos de insalubridade, con presenza de moscas e cheiros insoportábeis. Esta situación é unha mostra máis do desleixo e a falta de implicación do alcalde, Roberto Carrero, e do seu equipo de goberno”, indica Anxo Lois Baz Vicente, voceiro do BNG no Concello de A Guarda.
“Se hai un mes advertiamos de que este abandono ía provocar sancións, agora atopámonos ademais cun problema de saúde pública nas nosas rúas de non poñerlle remedio en breve. A situación pode volverse crítica coa subida das temperaturas”, sinala Anxo Lois Baz.
“A falta de limpeza envía unha mensaxe nefasta á cidadanía. Se a administración non garante unha recollida periódica e o mantemento adecuado dos colectores, está boicoteando o esforzo da veciñanza por separar os residuos” afirma o nacionalista que lamenta “que o grupo de goberno fora incapaz de concretar no último pleno a periodicidade da recollida”.
Anxo Lois Baz rematou esixindo “a limpeza e desinfección inmediata de todos os colectores, o incremento da frecuencia de recollida así como a posta en marcha dunha campaña real de concienciación da veciñanza para o uso do colector marrón”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario