BALONMÁN FEMININO
O Guardés xógase o cuarto posto no peche da Liga regular
• O equipo baixomiñoto visitará este mércores, 15 de abril, ás 20.00 horas, ao Balonmano Morvedre nun duelo que definirá os seus dereitos de pista en cuartos de final da eliminatoria
• O Guardés precisa gañar ou empatar o encontro para quedar coa cuarta praza, grazas á que sería anfitrión no duelo definitivo de cuartos. Se perde, deberá esperar ao resultado do partido do Beti-Onak deste sábado
• Viaxarán tódalas xogadoras, buscando rotacións e dar descanso a un cadro de persoal que este mesmo sábado vivirá un novo reto europeo
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés busca pechar a fase regular ligueira co cuarto posto na man. As de Ana Seabra visitan este mércores, 15 de abril, ás 20.00 horas ao Balonmano Morvedre para o duelo definitivo pola clasificación, e no que se xogan a condición de local na volta de cuartos de final da eliminatoria polo título, previsiblemente contra o Beti-Onak. O empate abondaría ás guardesas para asegurar a ansiada praza. A comitiva sairá mañá con tódalas xogadoras dispoñibles, regresando Elena Martínez para dar osíxeno a un cadro de persoal que este mesmo sábado comezará un novo capítulo europeo.
O equipo baixomiñoto chega con ganas de ter a derradeira palabra na clasificación. Despois dunha necesaria semana de parón internacional para repoñer forzas, o Guardés ten este mércores a oportunidade de resarcirse da derrota vivida hai dúas semanas na Sangriña, onde o cansazo pesou á hora de impoñerse a un Elda Prestigio decidido a saír cos dous puntos (26-27). Aínda que o terceiro posto dependía de máis factores, esa caída pechou esa porta definitivamente para as de Ana Seabra, centradas agora en clausurar esta fase regular cun derradeiro triunfo e asegurar así a cuarta praza, a última con vantaxe de pista no primeiro duelo da eliminaroria polo título.
O seu rival neses cuartos debátese entre o esixente Replasa Beti-Onak, quinto, e o compatriota Conservas Orbe Zendal Balonmano Porriño, sexto pero aínda con posibilidades matemáticas. Se ben todo apunta ao conxunto navarro, moi capaz de apertar as porquetas ao Mecalia e de facerse grande na súa casa; está claro que en cadanseu escenario pechar a eliminatoria co apoio do Inferno podería ser o elemento que marcase a diferenza no pase a semifinais.
Polo de agora, o cadro de persoal está enfocado nunha semana crucial antes de pensar na loita decisiva polo título. A primeira hora da mañá viaxarán en avión a Valencia dende Porto, para asentarse en Sagunto co tempo xusto para descansar antes do partido no René Marigil. O obxectivo, reducir o desprazamento todo o posible para liberar a un cadro de persoal que volve estar completo, por fin, co regreso de Elena Martínez, e que se xoga o devir destas semanas á saúde e o descanso dos seus efectivos. Sen ir máis lonxe, as da Sangriña viaxarán de novo esta fin de semana para medirse ao Costa del Sol Málaga o domingo pola mañá no partido de ida de semifinais da EHF European Cup.
Pola súa parte, o Balonmano Morvedre chega ao encontro coa tranquilidade de non xogarse nada, pero tamén coa responsabilidade de non baixar o ritmo e seguir procurando a mellora. Destinadas xa a defender a súa permanencia na categoría nunha eliminatoria a cal chegan no terceiro posto, as de Cristina Cabeza buscarán facer valer a súa condición de anfitrión para pechar a fase cunha vitoria que iría directa á confianza de cara á súa loita particular.
Con resultados máis ben irregulares nas últimas xornadas e dende o cambio de dirección no banco, as de Sagunto si amosaron a súa valía en vitorias ante rivais chave coma o Aula (24-17), o Cicar (20-22) ou o Grafometal (22-23), así coma un traballado empate ante o Elche (25-25). Deixaron entrever a súa capacidade para non desengancharse ante o mesmo Guardés xa na súa visita á Sangriña en decembro, que rematou con triunfo local (20-16), e impuxeron a súa potencia local na segunda fase da Copa de la Reina cunha remontada que fixo perigar a praza das galegas a comezos de febreiro (25-27). Este mércores, sen a presión do decisivo, Cabeza buscará dar a sorpresa e poñer as cousas aínda máis difíciles a un Mecalia que se achega á hora da verdade.
Ana Seabra: “Queremos rematar esta fase cunha vitoria e unha actuación sólida”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, afirma que para este derradeiro partido da Liga regular “queremos consolidar o cuarto posto”. A misión non será sinxela ante un rival coma o Morvedre, para ela, “un equipo que se amosa moi competitivo na casa”, e do que ten presente aínda ese duelo copeiro “no que nos presentaron varias dificultades”.
Con todo o cadro de persoal dispoñible e loitando contra o cansazo e tódalas demais adversidades, a técnica guardesa teno claro para este mércores: “Queremos rematar esta fase cunha vitoria e unha actuación sólida”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 26
Balonmano Morvedre – Mecalia Atlético Guardés
Mércores, 15 de abril | 20.00 horas | Pavillón René Marigil
Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Balonmano Morvedre:

Ningún comentario:
Publicar un comentario