PRESENTADO O PLAN DE MOBILIDADE SUSTENTABLE DO CONCELLO DO ROSAL (PMUS)
A alcaldesa do Concello do Rosal co representante da empresa adxudicataria “Taller de estrategias ciudadanas”
Foto: C. O. R.
Infogauda / O Rosal
O pasado venres tivo lugar no salón de plenos do Concello a presentación da redacción do Plan de Mobilidade Sustentable do Concello do Rosal (PMUS) por parte da empresa adxudicataria “Taller de estrategias ciudadanas”. A redacción do Plan foi subvencionada pola Deputación de Pontevedra mediante unha liña de subvencións creada para que os concellos redacten os PMUS como ferramenta fundamental para a planificación e toma de decisións, así como para poder acceder a fondos europeos de mobilidade sustentable.
¿EN QUE CONSISTE O PLAN?
O portavoz da empresa adxudicataria informou o seguinte: “Estamos a analizar a mobilidade de O Rosal, como parte do proceso de implantación do PLAN DE MOBILIDADE URBANA SUSTENTABLE (PMUS).
O obxectivo deste PMUS é atopar, entre todos, maneiras de mellorar a mobilidade no concello: facela máis sustentable ecolóxica e economicamente, aumentar a eficiencia no sistema de desprazamentos e facilitar hábitos máis respectuosos co medio ambiente e que melloren o aproveitamento dos recursos, ademais de en facela accesible a todos de xeito seguro, reducindo as barreiras arquitectónicas e mellorando a relación entre o peón e o coche, así como o acceso aos transportes públicos.
Para conseguir isto estudaremos durante os próximos meses, con distintas metodoloxías, os desprazamentos a pé, en bicicleta, en vehículo privado ou no transporte público…
Neste enlace podedes acceder a un cuestionario de carácter anónimo que nos aportará información de utilidade para analizar a tipoloxía dos desprazamentos dentro do concello:
¿EN QUE CONSISTE ESTE CUESTIONARIO?
É moi útil porque aporta información sobre os desprazamentos habituais, aparcamento, e sobre as preferencias no modo de transporte. Buscamos recoller informacións importantes que soamente teñen vostedes, por seren os principais expertos no funcionamento diario do lugar. Estas informacións, xunto coas achegas feitas durante as actividades de participación, axudarannos a redactar un plan máis realista e adaptado ás necesidades reais das persoas.
¿QUE PASARÁ DESPOIS?
A información aportada pola veciñanza, xunto coas tomas de datos e análise técnicas, servirán para preparar estratexias e propostas concretas que pasarán a formar parte do plan. Estas propostas estarán integradas nas liñas de actuación financiable pola Unión Europea no marco dos Fondos Estructurais e de Inversión Europeos, Horizonte 2020, o mecanismo “Conectar Europa” e outros instrumentos de subvención estatais e autonómicos. O PMUS entregarase ao concello como documento de base para a toma de decisións e a busca de financiación en materia de mobilidade. Así mesmo, os Plans de Mobilidade dos concellos da provincia serán recompilados e analizados pola Deputación de Pontevedra para elaborar estratexias conxuntas de mellora da mobilidade e de integración territorial a escala provincial.
¿COMO RESPOSTAR?
– Poden contestar á enquisa todas as persoas maiores de 12 anos de idade residentes en O Rosal, ou visitantes habituais. Os menores entre 12 e 16 anos é preferible que o fagan coa axuda dunha persoa adulta, pero sen que esta conteste por eles.
– É necesario dar resposta a todas as preguntas do formulario (agás as referidas ao uso do coche se non posúe un).
– Pódense consultar as dúbidas directamente á equipa técnica a través de info@tallerdeestrategias.com.
AGRADECEMOS MOITO A SÚA COLABORACIÓN!
A súa aportación será tida en conta para a elaboración do plan”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario