29 de xan. de 2019

TOMIÑO

O CONCELLO ORGANIZA NOVOS CURSOS DE IDIOMAS NON CONVENCIONAIS (CHINÉS E RUSO) E UN OBRADOIRO DE MODA 

AS ACTIVIDADES IMPARTIRANSE POLAS TARDES-NOITES NA CASA DA CULTURA DE TOMIÑO OU NA ESCOLA OBRADOIRO DE GOIÁN


Infogauda / Tomiño 

 Coa chegada do novo ano, o Concello de Tomiño ofrece cursos de idiomas non convencionais, coma son o ruso e o chinés, e un obradoiro de moda para persoas maiores de 15 anos.  

CURSO DE CHINÉS BÁSICO (50 horas)  

 O Concello leva anos apostando polos cursos de idiomas, que sempre teñen aceptación e demanda entre a poboación. Ademais de que aprender outra lingua amplía as nosas habilidades comunicativas e axúdanos a introducirnos noutra cultura (o curso será impartido por unha profesora nativa), o coñecemento da mesma tamén pode abrirnos portas a nivel laboral. O alumnado asistente adquirirá coñecementos básicos comunicativos na lingua chinesa: comprensión auditiva, lectiva, expresión verbal e escrita. Dirixido a persoas sen coñecementos previos na lingua.  

 Inicio: do 14 de febreiro ao 20 de xuño. Horario: xoves de 19h a 21.30h. Prezo inscrición: 20€. Lugar: Escola Obradoiro de Goián.  


CURSO DE RUSO I (22 horas)  

 Os obxectivos principais deste curso son adquirir os coñecementos básicos sobre fonética, vocabulario, regras gramaticais e poder levar a cabo conversas básicas en ruso. O alumnado tamén recibirá (in)formación acerca das tradicións, literatura, música, cine, cociña etc. Impartido por unha profesora nativa de Siberia, licenciada na Universidade Estatal de Moscú como profesora de ruso para persoas estranxeiras.  

Inicio: RUSO I do 13 de febreiro ao 24 de abril. RUSO II do 1 de maio ao 3 de xullo. RUSO III do 18 de setembro ao 20 de novembro. Horario: mércores de 19h a 21.30h. Prezo inscrición: 15€ cada curso. Lugar: Casa de Cultura de Tomiño.  


OBRADOIRO DE MODA: customiza unha prenda (3 horas) 
   

 Educación para a sustentabilidade a través do aumento e prolongación do ciclo de vida das prendas. Trátase dun obradoiro aberto para todos os públicos sen importar idade ou sexo das persoas participantes. Cada asistente traerá un pantalón vaqueiro que queira renovar.  

 Inicio: 22 de marzo. Horario: venres de 19h a 22h. Prezo inscrición: 8€. Lugar: Casa de Cultura de Tomiño. Para que o curso se leve a cabo será necesario un mínimo de 15 persoas. Requisitos de inscrición: a partir dos 15 anos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario