29 de xan. de 2019

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

O BNG insta ao presidente da ELM de Camposancos a solicitar axudas para normalización lingüística  

Merchi Vázquez: “O ano pasado perdemos a oportunidade dunha axuda de preto de 5.000 € para actividades de normalización lingüística por inoperancia do pedáneo do PSOE.”  

Mª Mercedes Martínez Vázquez (Merchi), vogal do BNG na Entidade Local Menor de Camposancos

Infogauda / Camposancos (A Guarda)

 A vogal do BNG na Entidade Local Menor de Camposancos, Mª Mercedes Martínez Vázquez (Merchi), presentou un escrito instando ao alcalde pedáneo do PSOE a solicitar as axudas na nova convocatoria para o ano 2.019 que a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos e das entidades menores para normalización lingüística.  

 Merchi Martínez relembra que no ano 2.018 trinta e catro concellos xunto coa Entidade Local Menor de Bembrive e o propio concello de A Guarda, beneficiáronse de axudas para dinamización e normalización lingüística as cales foron aprobadas e concedidas pola Deputación de Pontevedra. En concreto na comarca do Baixo Miño beneficiáronse os concellos de A Guarda, Oia e Tomiño

 “Espero que este ano o alcalde pedáneo non perda a ocasión de poñer a disposición dos veciños e veciñas de Camposancos actividades creativas en torno a nosa lingua. Non entendo ao presidente da Entidade: ou non lle importa ou é un incompetente”, comentou Merchi Martínez.  

 A vogal do BNG na Entidade Local Menor de Camposancos, tamén refire que “entre outras actividades, Camposancos pode conseguir campamentos de verán para menores de 14 a 16 anos, talleres de creación literaria, contacontos , arrolos para nenos de 0 a 3 anos... En definitiva, actividades de creación, mantemento, promoción e desenvolvemento da lingua galega.  

 Dende o BNG considéramos que a promoción da nosa lingua é unha oportunidade idónea para realizar actividades de todo tipo.  

 Finalmente o  BNG advirte e informa ao presidente que o pasado día 9 de xaneiro saíron convocadas as axudas para actividades de normalización lingüística para concellos e entidades locais menores, polo que apelamos á responsabilidade do presidente, a pesar da falta de proxecto político para a Entidade Local Menor de Camposancos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario