17 de xan. de 2019

O BAIXO MIÑO / VAL MIÑOR

O programa da Deputación de Pontevedra "Voando nas Rías Baixas 2019" 

Arranca este domingo no Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa 

Un total de 25 persoas participarán nesta primeira cita do programa que esgotou en menos de tres horas as prazas ofertadas

Participantes nunha xornada de observación de aves do Esteiro do río Miño, na Ribeira de Salcidos (A Guarda), un dos enclaves galegos de maior variedade ornitolóxica
Foto: D. PO.

Infogauda / O Baixo Miño / Val Miñor

 O deputado de Medio Ambiente, Juan González Pérez, e a deputada de Emprego, Montserrat Magallanes Álvarez, participarán xunto a 25 persoas o vindeiro domingo, 20 de xaneiro a partir das 10:00 da mañá, no arranque do programa "Voando nas Rías Baixas 2019". A primeira das rutas ornitolóxicas propostas pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife, que esgotou en menos de tres horas as prazas ofertadas, terá lugar polo Esteiro do Río Miño, na Guarda e pola Foz da Ramallosa e do Río Miñor en Nigrán, zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e cunha grande variedade de aves palustres.  

 En concreto, a desembocadura do río Miño e a Foz da Ramallosa forman uns esteiros intermareais con grande diversidade de hábitats que atraen numerosas aves. Nesta época pódese desfrutar tanto de aves acuáticas como aves mariñas, aves rapaces ou paxaros palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan especies como os mazaricos, biluricos, pilros, avefrías, patos, garzas, rálidos, mergullóns, aves mariñas como os corvos mariños e as gaivotas, e aves rapaces como a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia peixeira.  

 A ruta comezará ás 10:00 dende o aparcadoiro do parque do paseo da Ramallosa, de Nigrán, e durará toda a mañá. Durante o percorrido pola Foz da Ramallosa e do Río Miñor, en Nigrán e polo Estuario do Río Miño, na Guarda as 25 persoas participantes estarán acompañadas de dúas persoas monitoras ornitólogas. Amais, a Deputación de Pontevedra pon a disposición das mesmas, de xeito gratuíto, o material óptico, así como unha guía ornitolóxica.  

 "Voando nas Rías Baixas 2019" trátase dunha iniciativa para achegar ao público interesado, de xeito totalmente gratuíto, a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. Tras esta primeira cita polo Esteiro do Miño e a Foz da Ramallosa, a segunda das rutas terá lugar o 10 de febreiro para observar as aves acuáticas e mariñas da enseada de San Simón. O prazo de inscrición  para a segunda ruta abrirase o 28 de xaneiro ata o 5 de febreiro. Posteriormente o programa continuará na reserva ornitolóxica do Grove, nas Brañas de Xestoso e na Serra de Suído. 

 A través de "Voando nas Rías Baixas", enmarcado nas propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo, preténdese sensibilizar á poboación local, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Cómpre lembrar que o turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Amais de conseguir este obxectivo, esta actividade tamén vai acorde con outra das liñas estratéxicas do Plan que formula a necesidade de diversificar o turismo ao tempo que sensibiliza á cidadanía sobre a preservación dos espazos naturais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario