17 de xan. de 2019

TOMIÑO

Medio Ambiente estudará a posibilidade de colaborar co concello de Tomiño na construción dunha senda verde con Tui 

A conselleira Ángeles Vázquez e a rexedora Sandra González mantiveron hoxe unha reunión para tratar varios asuntos de interese para o municipio pontevedrés

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González

Infogauda / Tomiño

 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo durante a que analizaron diversos asuntos de interese para o concello pontevedrés en materia medioambiental. 

 Concretamente, a rexedora presentoulle á conselleira un proxecto para construír unha senda verde de 16 quilómetros de lonxitude que permitiría conectar o seu concello co de Tui, unha iniciativa para a que, segundo lle trasladou, está a buscar a colaboración económica doutras administracións. A idea do proxecto é habilitar un percorrido a pé, que discorrería pola beira do río Miño (concretamente dentro dos límites da Zona de Especial Conservación Baixo Miño) e nun tramo rodeado de vexetación.  

 Ángeles Vázquez, pola súa parte, comprometeuse a analizar con detalle o proxecto construtivo, que nestes momentos está na fase de informes técnicos, co fin de estudar posibles vías de colaboración no mesmo por parte da Xunta. Neste sentido, a conselleira e a alcaldesa de Tomiño acordaron volver reunirse cando o concello presente o proxecto de impacto ambiental.  

 Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda promove e colabora cos concellos na execución de obras e actuacións de carácter ambiental que contribúen á posta en valor da riqueza e dos valores naturais das nosas vilas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario