17 de xan. de 2019

SANIDADE

Xerencia da EOXI elimina as contas de correo do persoal da Fundación Biomédica Galicia Sur  


 Dende a Xerencia da EOXI de Vigo tomouse a decisión unilateral de eliminar todas as contas de correo do persoal da Fundación Biomédica Galicia Sur, coa xustificación de que acatan normas da Consellería de Sanidade. Dende o comité de empresa da Fundación Biomédica Galicia Sur contactouse con compañeiras/os das Fundacións de Santiago e da Coruña para corroborar se tiñan noticias de movementos neste sentido. A resposta foi clara: en ningunha das dúas Fundacións se tomaron medidas similares á adoptada en Vigo. Indo un paso máis alá, sabemos que en Pontevedra e Ourense tampouco se fixo nada disto, algo aínda máis incongruente xa que a Fundación Biomédica Galicia Sur xestiona a investigación das EOXI de Vigo, Ourense e Pontevedra. 

 Polo que podemos afirmar, tras ter contrastado toda esta información, o sucedido responde a unha decisión da Xerencia da EOXI de Vigo, en particular do seu responsábel, Félix Rubial Bernárdez, o que supón un agravio comparativo co resto das Fundacións que xestionan investigación na nosa comunidade, que non se atopan con esta problemática. 

 Sabemos que isto é só a punta do iceberg e que o actual Xerente da EOXI de Vigo e presidente da Fundación seguirá con outras medidas que afectan o persoal contratado dende a Fundación e que repercuten directamente no traballo que desenvolvemos. Sen entrar a valorar cal é o fin real que ten esta decisión e da visión que esta Xerencia ten ao respecto da investigación. A argumentación que esgrime Ruibal para retirar esta ferramenta de traballo é que non somos persoal estatutario pertencente ao Sergas, explicación que carece de todo sentido xa que esta ferramenta indispensable no noso traballo tamén é utilizada por outros profesionais externos ao Sergas sen que se lles teña “ameazado” coa súa retirada. 

 Por todo isto denunciamos esta situación ante a opinión pública, considerando isto un ataque en toda regra á nosa labor investigadora que pon en valor ao Sergas como institución pública e que repercute directamente na mellora da labor asistencial, independentemente do que a nós nos afecta como profesionais, a partir de agora deixará de mostrarse coma tal. Esta desidia mostra a nula aposta do Xerente da EOXI e presidente do Padroado pola investigación pública, e ao conselleiro de Sanidade e Xerente do Sergas coma cómplices ao non ter dado a mínima resposta ante esta situación. 

 Este venres 18 ás 12:00h terá lugar unha asemblea de traballadoras na aula 5 do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. 

 O comité de empresa da Fundación Biomédica Galicia Sur.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario