PATRIMONIO
O Concello recupera e conserva o seu patrimonio e identidade cultural
· Unha vez máis, contouse coa colaboura de Antonio Martínez Vicente
· Que cedeu de xeito desinteresado gran parte do seu arquivo para o seu tratamento e dixitalización
O persoal en prácticas estivo en constante contacto co persoal da Deputación de Pontevedra, traballando man a man coa plataforma ATOM
Foto: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda ven de recuperar unha parte moi importante do seu patrimonio e identidade cultural grazas ao Plan de práctica laboral da Deputación de Pontevedra, que permitiu ter unha persoa responsable do arquivo que en colaboración co departamento de Patrimonio do Concello logrou dixitalizar e recuperar multitude de documentos históricos da nosa vila, fotografías antigas, arquivos da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, entre outros.
O persoal en prácticas estivo en constante contacto co persoal da Deputación de Pontevedra, traballando man a man coa plataforma ATOM, un sistema que permite incorporar a unha base de datos única todos aqueles documentos de carácter histórico, realizando as traducións dos mesmos ao galego e que permitirá nun futuro próximo a súa consulta en liña por parte de toda a cidadanía dende as súas casas, logrando así unha maior transparencia para achegar e difundir os diferentes fondos e documentación dispoñibles do Concello da Guarda.
A plataforma ATOM é un sistema de xestión arquivística de software libre e gratuíto, moi intuitivo, que se presenta cunha interface amigable en forma de fichas e modelos e que permite importar ou enlazar obxectos dixitais, respecta as xerarquías intelectuais dos cadros de clasificación, e permite que as descricións arquivísticas, todas ou parte delas, se poidan facer públicas na rede, o que o converte nunha axeitada ferramenta de difusión.
Neste senso o persoal en prácticas traballou ao longo dos pasados seis meses, continuando o proxecto realizado con anterioridade por persoal en prácticas, na organización e normalización da documentación existente sobre a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, así como a recuperación de centos de coleccións de fotografías e postais de A Guarda grazas a inestimable colaboración de Antonio Martínez Vicente, que cedeu de xeito desinteresado gran parte do seu arquivo para o seu tratamento e dixitalización. Na área de Patrimonio o persoal en prácticas participou ademais na elaboración e preparación dos textos e fotografías de diferentes paneis informativos de varios puntos de interese histórico da vila.
O executivo municipal do Concello da Guarda é consciente da necesidade e importancia da conservación do patrimonio e da identidade cultural da nosa vila, para a súa posta en valor evitando que quede no esquecemento para as xeracións futuras.
Deste xeito anímase á cidadanía a que aporte coleccións privadas e antigas co obxectivo de que medre o patrimonio cultural da nosa vila contactando co Departamento de Patrimonio no Concello de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario