10 de xan. de 2019

LINGUA

Aberto o prazo para que os concellos da provincia soliciten as axudas para normalización e dinamización do galego 

As solicitudes deben realizarse obrigatoriamente por medios electrónicos e o prazo remata o 8 de febreiro


Infogauda / Pontevedra

 O Boletín Oficial da Provincia publicou onte as bases da convocatoria de axudas para a dinamización lingüística dirixidas aos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. Mediante esta liña, a Deputación volve ofrecer dúas opcións para que os concellos, agrupación de concellos ou entidades locais menores poidan elixir entre a ‘creación ou mantemento do servizo de normalización lingüística', ou a ‘promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego'. A Deputación contempla unha partida para estas axudas de 300.000 euros, destinando 150.000 para servizos de normalización e 150.000 para programas de dinamización. O organismo provincial achegará un 75 % do orzamento de gastos do servizo de normalización lingüística, ata un máximo de 15.000 euros; mentres que para programas de dinamización do uso do galego achegará ata o 75 % dos gastos de ditos programas, ata un máximo de 8.000 euros. 

 Nesta convocatoria manteranse as novidades introducidas no pasado exercicio, como a obrigatoriedade de aprobar unha ordenanza municipal sobre o uso da lingua polo Pleno da Corporación ou o compromiso da súa aprobación no ano 2019, no caso de optar ao apartado de ‘promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego'. Tamén se volve esixir que nas solicitudes para ‘promoción de programas de dinamización' se achegue unha memoria de todas as actuacións e accións transversais de cada unha das áreas de goberno (a maiores da propia proposta subvencionable). En canto á proposta subvencionable, a solicitude debe incluír polo menos tres eidos dos sete que mencionan as bases: ensino, comercio e industria, tecnoloxías da información, turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social e igualdade. Non serán subvencionables os proxectos cun orzamento inferior a 3.000 euros.  

 Para a opción de creación e mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística, os concellos poderán contratar o persoal técnico preciso para desenvolver a actividade propia dun servizo lingüístico, para o cal as bases estipulan as seguintes titulacións: grao en Lingua e Literatura Galegas, grao en Estudos de Galego e Español, grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, as licenciaturas equivalentes a eses graos ou outras titulacións superiores pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que estean en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (Celga 5).

Ningún comentario:

Publicar un comentario