14 de xan. de 2019

A GÁNDARA (A GUARDA)

PATRIMONIO

Xoán Martínez Tamuxe falou sobre As Cachadas 

Na primeira Barferencia de 2019, celebrada na Gándara (Salcidos) 

Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, presentando o escritor e investigador rosaleiro, Xoán Martínez Tamuxe, na barferencia do pasado venres
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Gándara (A Guarda)

 O venres día 11 de xaneiro de 2019 o Bodegón Os Seixiños, no barrio da Gándara (Salcidos) foi o escenario escollido para a celebración da primeira Barferencia do ano na Guarda. Neste caso o escritor e investigador rosaleiro Juan Bautista Martínez González (Xoán Martínez Tamuxe), foi o encargado de trasladar aos presentes unha síntese da «Historia da Fábrica das Cachadas».  

Juan Bautista Martínez González (Xoán Martínez Tamuxe), na súa intervención
Vista parcial dos asistentes a barferencia sobre a «Historia da Fábrica das Cachadas»

 Ante máis de medio cento de asistentes, Xoán Martínez Tamuxe ampliou máis en detalle sobre a historia desta empresa e do traballo alí realizado dende os seus comezos ata a actualidade. Unha empresa que foi sempre un símbolo para A Guarda, tanto polo emprego que xerou coma na súa característica cheminea. 

 No lugar das Cachadas hai referencias a distintas telleiras, entre elas a telleira de Lomba, documentada xa en 1808. Tempo despois a fábrica orienta a súa produción cara a fabricación de materiais refractarios destinados á industria química e eléctrica. A calidade dos produtos elaborados mereceu distintos recoñecementos rexionais, nacionais e internacionais.  

 O  7 de agosto de 1954 rematou a construción da cheminea das Cachadas. A base cadrada realizárona albaneis da localidade mentres que para o resto contratouse a Cabo, de Salceda, quen cobrou polos traballos 68.910,10 pts. Na súa construción, que acada os 60 metros de altura, empregáronse 44.036 ladrillos elaborados na propia fábrica cun peso de 140.130 kg.  

 As Barferencias continuarán o día 1 de febreiro no bar O Couto, de Camposancos, cunha charla sobre o «Barrio de Mergelina, un modelo de restauración arqueolóxica» a cargo de Luis Francisco López González, e o día 15 de marzo, na Cafetería Marbella, cunha charla titulada «Castelo de Santa Cruz: 350 anos do fin da Guerra da Restauración na Guarda», a cargo de Rebeca Blanco Rotea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario