Carmela Silva propón ao Clúster de Turismo impulsar unha reunión coas catro Deputacións e a Xunta de Galicia para liderar estratexias de promoción conxuntas
A presidenta destacou que "non se trata de protagonismos das administracións, senón de avanzar, sumar sinerxías e liderar unha estratexia de promoción turística que nos converta nun destino do século XXI"
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, na inauguración da xornada
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, inauguraron esta mañá a xornada "El reto de la internacionalización para el sector turístico" impulsado por ambos organismos para afondar na proxección internacional das empresas e dos produtos e recursos turísticos de Galicia. Durante o acto, Silva enxalzou a importancia da colaboración público-privada e instou ao Clúster a organizar unha reunión coas catro deputacións galegas e a Administración autonómica en xaneiro para sumar sinerxías e impulsar estratexias de promoción turística conxuntas.
"Non tomarse en serio o sector turístico é unha irresponsabilidade, e non traballar da man do sector privado é outra – asegurou Silva-. Neste século XXI tan competitivo, con tantos cambios, no que as TIC e a dixitalización son xa o presente, temos que escoitar e xerar sinerxías co sector turístico privado". Por estes motivos, a presidenta provincial animou ao Clúster de Turismo a impulsar unha reunión coas catro deputacións galegas e coa Xunta para idear unha promoción conxunta e conseguir que Galicia e a provincia de Pontevedra xeren maior crecemento económico, permitan garantir un turismo sustentable, desestacionalizado e internacionalizado. Máis polo miúdo, Silva amosou o seu desexo de que a reunión "sexa a principios de xaneiro, para sentar as bases da promoción do 2019, avanzar, ir a aqueles destinos internacionais que teñan máis potencia para atraer persoas visitantes e converternos así nun destino do século XXI".
En canto á colaboración público-privada, Silva enxalzou o workshop de Barcelona, no que o Clúster de Turismo de Galicia tomou parte activa, e adiantou que no vindeiro ano vanse repetir actuacións similares noutros lugares da xeografía nacional e internacional. "O que aconteceu en Barcelona foi un éxito rotundo e se eu estaba xa convencida de que traballar co sector privado era imprescindible, en Barcelona vin en primeira persoa que si traballamos conxuntamente o éxito está garantido", asegurou a presidenta provincial. Ademais, Carmela Silva adiantou que "imos traballar xunto co Clúster de Turismo en todo o que ten que ver coa promoción turística da provincia. Iremos da man, e traballaremos de xeito conxunto para idear estratexias a nivel nacional e internacional".
A presidenta provincial tamén tivo palabras para afondar nos atractivos turísticos da provincia de Pontevedra e a importancia do sector turístico "para garantir o futuro, para crear e impulsar o crecemento económico e xerar emprego, xa que falamos dun sector que supón o 11 % do PIB galego". Neste eido, Silva augurou o "extraordinario futuro" do sector turístico galego grazas a todas as persoas que están a traballar "arreo para acadalo".
Pola súa banda, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, subliñou que a xornada responde a un dos compromisos do organismo: o de atopar e crear puntos de encontro, de intercambio de ideas e formación para poñer en común retos que afectan ao sector turístico galego. Neste eido, González destacou que a internacionalización é un obxectivo compartido tamén coa Deputación de Pontevedra, que o inclúe entre os seus obxectivos do Plan Estratéxico de Turismo.
A xornada "El reto de la internacionalización para el sector turístico" reuniu no Pazo provincial da Deputación a persoas profesionais do sector turístico de Galicia. Durante o encontro afondouse no desafío da comercialización turística internacional e na captación das e dos turistas estranxeiros, deténdose nas estratexias e accións de internacionalización adecuadas para o sector turístico galego e abordando os casos concretos dos mercados portugueses e alemáns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario