Carmela Silva defende a importancia da educación nas familias, "para ser capaces de aprender compartindo afectos, espazos e tempo"
A presidenta da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Vigo presentaron, no CEIP Pintor Laxeiro, a terceira edición dos calendarios competenciais para infantil e primaria que recolle propostas de aprendizaxe para realizar en familia
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, cos alumnos e profesores do CEIP Pintor Laxeiro, de Vigo
Foto: D. PO.
Infogauda / Vigo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentaron esta mañá no CEIP Pintor Laxeiro da cidade os calendarios competenciais para o alumnado de infantil e primaria, impulsados pola institución provincial en colaboración co Colexio Rural Agrupado de Tui "Mestra Clara Torres". Na presentación, na que tamén participou a mestra e coordinadora do proxecto Teresa Domínguez, Silva resaltou a importancia da educación "non só nas escolas, senón fundamentalmente nas familias".
"Hoxe en día vivimos nun mundo tolo, onde ás veces non temos nin tempo para vivir –asegurou a presidenta provincial-. Así que a través deste calendario competencial propomos actividades para realizar en familia, que permiten aprender xuntos e xuntas, compartir espazos e tempo, compartir afectos aprendendo. En definitiva, aprender en familia a través do afecto". Deste xeito, os calendarios competenciais ofrecen, para cada día, actividades e iniciativas para que as familias poidan traballar e aprender nas casas, fóra do horario lectivo.
A presidenta provincial destacou que as actividades propostas nos calendarios "son marabillosas, divertidas, para facer todos e todas en familia; son instrumentos que nos permiten aprender a coñecer a través de experiencias. En definitiva, son iniciativas que nos permiten vivir". Así, como exemplo de propostas hai xogos, cine en familia, lecturas recomendadas para crianzas e adultos, pautas de educación ambiental ou iniciativas de consumo responsable. Son actividades que perseguen desenvolver competencias básicas en todos os eidos (como ciencias, matemáticas, expresión corporal, competencias dixitais) segundo as competencias educativas establecidas pola LOMCE.
Pero ademais destas actividades, nos calendarios de 2019 faise especial fincapé nun contido esencial hoxe en día: a visibilidade da muller en todos os campos da sociedade, dende a arte, a literatura, a ciencia ou o deporte. "Aparecen moitos nomes e moitos logros de mulleres relevantes, que destacan en moitos eidos e que teñen aportado moito ao noso mundo, pero que por desgraza seguen sen aparecer nos libros de texto. Por iso nós lles poñemos voz e cara a estas relevantes mulleres que son todo un referente". Entre outros nomes, nos calendarios as familias poderán achegarse ata figuras como a Premio Nobel da Paz Rigoberta Menchú, a astrofísica Begoña Vila, a bióloga mariña Aida Fernández, a violinista Raquel Areal ou a alpinista Chus Lago.
Os calendarios tamén servirán para que as familias coñezan moitos lugares e enclaves da provincia de Pontevedra. Para as fins de semana recóllense "lugares marabillosos da provincia. Vivimos nun paraíso onde hai moito que coñecer e do que debemos sentirnos moi orgullosos". Coas distintas propostas, adultos e crianzas poderán achegarse a coñecer sitios como o Castro do monte Santa Trega (A Guarda), o porto de Combarro (Poio), as Ruínas de Santo Domingo (Pontevedra), o Belén de Nadal (Valga) ou a Torre de San Sadurniño (Cambados).
Carmela Silva rematou o acto de hoxe, no CEIP Pintor Laxeiro, enxalzando o labor diario das mestras e mestres e o papel da educación pública. "Hoxe en día é fundamental apoiar, defender e querer a educación publica, que significa ademais calidade. Non hai outra educación de máis calidade. E quero dar as grazas, ademais, a todas as mestras e mestres da educación publica, que con recortes, carencias e dificultades son capaces de manter a calidade e o compromiso coa educación. Son a xente máis importante, non hai ninguén máis importante que elas e eles".
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou o traballo desenvolvido pola Deputación de Pontevedra e polo profesorado colaborador na elaboración destes calendarios competenciais. "Falamos de ferramentas que serven para potenciar a educación máis alá dos centros educativos, xa que é crucial educar en familia, compartindo experiencias e valores", destacou o alcalde. Amais, e ao igual que fixo Silva, Caballero eloxiou o papel das mestras e mestres, que traballan "co mellor que temos na sociedade, os máis pequenos e pequenas".
A Deputación de Pontevedra contactou cos centros educativos de toda a provincia para ofrecerlles o formato impreso dos calendarios de 2019. Ata o momento téñense recibido máis de 4.000 solicitudes procedentes de máis de 30 colexios. En formato dixital tamén vai ser enviado aos centros, e ademais, estará dispoñible na web da Deputación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario