19 de dec. de 2018

COOPERACIÓN

A AECT RÍO MIÑO REÚNESE COA SECRETARÍA DE ESTADO DA VALORIZACIÓN DO INTERIOR DE PORTUGAL PARA TRATAR OS FUTUROS INVESTIMENTOS NO TERRITORIO TRANSFRONTEIRIZO  

· Benítez abordou os próximos orzamentos plurianuais da Cooperación Transfronteiriza europea, e esixiu o cumprimento dos compromisos adquiridos durante a Cimeira Hispano - Lusa de 2017  

· Parte do territorio da AECT Río Miño “non só é fronteira, senón tamén interior, o que redunda nunha maior dificultade á hora do seu desenvolvemento”  

Jõao Fernando Brito Nogueira, João Paulo Catarino e Uxío Benítez Fernández
Foto: D. PO.

Infogauda / Pedrogão Grande (Portugal)

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez Fernández, reuniuse en Portugal co secretario de Estado da Valorización do Interior, João Paulo Catarino, para abordar os futuros investimentos de cooperación transfronteirizano territorio do Miño, dentro do marco financieiro 2021 – 2027 dos fondos europeos e reivindicar o lugar que o territorio da AECT Río Miño ten que ter dentro dos seus plans de actuación. No encontro, celebrado na sede da secretaría en Pedrogão Grande, tamén estivo presente o vicedirector do Agrupamento, Jõao Fernando Brito Nogueira, e o seu secretariado técnico.  

 A AECT Río Miño vén de reunirse nas últimas semanas coa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal e a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do goberno de España, e ten solicitada unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, sempre co mesmo obxectivo: tratar os próximos orzamentos plurianuais da Cooperación Transfronteiriza europea, e esixir que se cumpran os compromisos adquiridos durante a Cimeira Hispano - Lusa de 2017, celebrada en Vila Real, onde se apostou por reforzar a cooperación nas zonas transfronteirizas, e especificamente no territorio do río Miño.  

 Durante o encontro de Pedrogão, Uxío Benítezpuido comentar co secretario de estado portugués algunhas das conclusións da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030. Segundo explicou o deputado provincial, “parte do territorio da AECT Río Miño enfróntase a un dobre desafío, xa que non só é fronteira, senón tamén interior, o que redunda nunha maior dificultadepara estes concellos galegos e portugueses á hora do seu desenvolvemento económico e acrecenta problemas demográficos que podemos atopar en toda a zona fronteiriza”.   

 “A nosa fronteira é dinámica, e ten enormes potencialidades, pero ao mesmo tempo tamén presenta unha poboación avellentada, unha demografía á baixa e grandes dificultades para fixar a poboación máis nova, que se ve obrigada a emigrar por falta de expectativas, algo que se ve agravado nos municipios do interior – sinalou o director da AECT – polo que os investimentos europeos son cruciais á hora de garantir un correcto desenvolvemento do territorio e unhas condicións de vida dignas para a súa poboación”. 

 A entidade ten solicitada unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para tratar estas cuestións, así como a proposta de formulación dunha Inversión Territorial Integrada (ITI) no territorio do Río Miño Transfronteirizo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario