2 de dec. de 2018

OURENSE

Baltar amosa a súa "profunda preocupación" ante a vindeira asemblea do Centro Gallego de Bos Aires, na que se tratará a venda do inmoble

O presidente da Deputación de Ourense alerta do camiño que leva "o proceso de baleirado, intimidación e desatención dos socios, e do grave endebedamento de salarios aos desempregados, unha situación límite, diante da cal a corporación provincial xa reaccionou no seu día", e volve facer un chamamento "aos gobernos español e arxentino para que salven o Centro Gallego".

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, nunha imaxe de cando visitou o "Centro Gallego" de Bos Aires
Foto: D. OU.

Infogauda / Ourense

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, amosa a súa profunda preocupación polo resultado da Asemblea extraordinaria do "Centro Gallego" de Bos Aires, convocada para o vindeiro 29 de decembro de 2018, fundamentalmente polo que se refire ao punto 11 da orde do día: "Autorizar de la venta del inmueble sito en la avenida Belgrano 2.199 y sus anexos y todo acto jurídico necesario para el perfeccionamento de la misma", segundo o anuncio publicado no Boletín Oficial da República Argentina do pasado 29 de novembro.  

 O presidente da Deputación de Ourense alerta do camiño que leva "o proceso de baleirado, intimidación e desatención dos socios e do grave endebedamento de salarios aos desempregados, unha situación límite, a do Centro Gallego, diante da cal a corporación provincial xa reaccionou no seu día".  

 Manuel Baltar espera que o presidente do Goberno de España "aproveitara a súa presenza na capital arxentina para visitar, como fixemos nós hai pouco, unha casa erguida con moito sacrificio por centos de miles de galegos e na que faleceu, o 7 de xaneiro de 1950, o ilustre galeguista, deputado nas Cortes da República por Pontevedra, presidente do Consello de Galiza e ministro que foi do goberno republicano no exilio, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao".  

 Neste sentido, a Deputación de Ourense volve facer un chamamento "aos gobernos español e arxentino para que salven o Centro Gallego de Bos Aires", expresa Baltar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario