ÚLTIMOS DÍAS PARA APOIAR O PIÑEIRO ARAUCANO DO CASTELO DE SOUTOMAIOR COMO ÁRBORE EUROPEA DO 2019
Trátase da única árbore galega que opta á última fase do concurso
Infogauda / Soutomaior
A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), está a dar un último pulo á candidatura do piñeiro araucano dos xardíns do Castelo de Soutomaior para que sexa declarado ‘Árbore Europea do 2019’. Esta peza, segundo lembra a deputada Eva Vilaverde, é a única árbore galega que opta a pasar á fase europea do concurso entre as dez candidatas do estado español e precisa de todos os votos posibles para gañar ás súas competidoras. O voto pódese realizar na páxina web do certame.
A campaña a favor do piñeiro araucano do Castelo de Soutomaior rematará o venres 23 e leva activa dende o pasado mes de outubro. Dende entón a Deputación promoveu a votación na súa páxina web, en redes sociais, e entre centros de ensino e colectivos colaboradoras. Nestes momentos a participación está en fase ‘secreta’, xa que non se pode ver o número de apoios cos que conta cada unha das opcións.
Segundo manifestou a deputada Eva Vilaverde, a intención da Deputacióncon esta candidatura é acadar o mellor posto posible na clasificación, mais subliñou que o obxectivo último “é dar a coñecer toda a riqueza natural da provincia”, na liña do traballo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico.

A importancia desta árbore é tal existen numerosas referencias bibliográficas da súa existencia (as primeiras datan de 1879, no diario político ‘La época’); tamén está referenciada no libro ‘Árboles chilenos del mundo’ escrito por Rodrigo Fernández Cargo; e está incluída na web monumentaltrees.com, onde se recollen as pezas botánicas máis salientables do planeta. Así mesmo, é “testemuña viva” da historia do Castelo de Soutomaior e das xuntanzas políticas do século XIX, así como tamén da vida da coñecida feminista adiantada á súa época, María Vinyals.
Os competidores do piñeiro araucano pontevedrés están fundamentalmente na franxa mediterránea: piñeiro laricio de La Yesa (Valencia), pinsapo de Grazalema (Cádiz), algarrobo de Foia Brell (Alicante), piñeiro da Virxe (La Palma), olmo de Navallas (Castellón), amendoeiro Real (Badaxoz), olivo Milenario ‘La Farga del Arión’ (Tarragona), palmeira imperial (Elche) e piñeiro de Roble de Peñascosa (Albacete).
O concurso da Árbore Europea do Ano creouse no ano 2011 como continuación do popular concurso popular Árbore do Ano que na República Checa durante moito tempo organizou a Fundación Alianza (Nadace Partnerství).
Ningún comentario:
Publicar un comentario